A fructífera colaboración da Asociación Xurde Caldebarcos, da Mancomunidade de Montes e da Comunidade de Augas vén de dedicar o ano 2010 a recuperar as vellas alvarizas sitas nas proximidades do lugar de San Cibrán (nos mesmísimos pes do Monte Pindo) e deixándoas a punto para aprender apicultura e comezar a traballar nelas.
Asi, neste recén comezado ano 2011 Caldebarcos comeza a ver os froitos da unión e do traballo veciñal, e xa leva semanas agasallando cun tarro de mel ecolóxico e producido na terra a cada veciño.
Pero as intencións dos veciños non rematan aquí: dispostos a compartir este doce ben con toda a sociedade, veñen de presentar un intenso calendario de accións formativas que se desenvolverá en nove xornadas ao longo deste ano, para que todos e todas as interesadas na apicultura ecolóxica poidan aprender este ancestral oficio e, o máis importante, exercitalo como se fixo toda a vida, nunha alvariza coma as de antes; todo un luxo nos tempos que corren.
Velaí o calendario completo de actividades:
Programa Curso Apicultura Caldebarcos 2011Non podemos máis que felicitar e aplaudir a rabiar a estes colectivos e as enerxías veciñais que neles se agrupan por resucitar unha tradición que parecía máis que esquecida e adaptala aos nosos tempos para o disfrute das xeracións que non tiveron a oportunidade de vivir os tempos onde o mel constituía unha máis das fontes de ingresos na cultura de subsistencia característica ás zonas rurais do noso País. Só cabe lembrar que este doce manxar constituía o principal substento de lugares como o hoxe abandonado núcleo de San Cibrán, onde se multiplican as colmeas nas paredes das propias vivendas.
27 de febreiro: As abellas. O enxame. A vida do enxame ao longo do ano20 de marzo: A comida das abellas: As flores, o néctar o pole e o propole
- Prácticas: Visita á colmea: apertura e visita interior.
- As abellas e o medio ambiente: polinización.
- Apicultura. Apicultura en Galicia: tradición e modernidade.
24 de abril: A casa das abellas: A colmea, partes da colmea, o panal
- Instalación do apiario. Factores a ter en conta.
- Prácticas: Observacións da floracións, visita a colmea. para observar a súa evolución, colocar alzas.
22 de maio: Multiplicación do apiario: recollida de enxames, formación de núcleos
- Os abelleiros, equipo e utensilios, manexo do afumador.
- Calendario de traballos do apicultor ao longo do ano.
- Prácticas: Visita a colmea e colocación de alzas.
19 de xuño: Sanidade apícola: Principias parásitos que afectan as abellas
- Prácticas: División de colmeas.
17 de xullo: Produtos das abellas. Os distintos produtos das abellas: calidades e cualidades
- Prevención de doenzas.
- Control de enfermedades. Desinfección.
- Prácticas: Visita a algún apiario sospeitoso de padecer algunha doenza: Loque, varroa …
04 de setembro: A esmelga, local de extracción do mel, equipamento do local
- Prácticas: Visita a apiarios dos alunnos, apiarios antiguos da zona e visita a colmea.
18 de setembro: Comercialización do mel. Distintos modelos
- Prácticas: Colleita do mel. Extracción. Decantación.
25 de setembro: Pequena viaxe apícola
- Práctica: Envasado e etiquetado do mel
Prezo de inscrición: De balde
Inscricións: Ata o 28 de febreiro nos números 619 581 169 ou 625 382 644, ou ben en persoa na Casa da Crega, e tamén na Escola de Caldebarcos os sábados de 19:30h a 21:00h.
Convidamos a todos os amigos do Monte Pindo a anotarse nesta fermosa actividade, ao cabo da cal, por suposto, cada participante verá o seu esforzo compensado cun tarro de mel ecolóxica froito do seu traballo.