26/01/11

Este domingo subimos ao Monte Pindo!

Temos o pracer de informarvos que a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai facer como tal a súa primeira subida ao Monte Pindo, accedendo por un dos roteiros máis sinxelos, o que parte desde a aldea do Fieiro, no veciño concello de Mazaricos.

Este domingo 30 de xaneiro reunirémomos ás 9:30 da mañá en fronte da Confraría de Pescadores do Pindo (Concello de Carnota) para distribuirnos, coa previsión de comezar o ascenso non máis tarde das 10 da mañá. O descenso emprenderíase a primeira hora da tardiña.

Rógase que quen teña interese en participar considere os seguintes aspectos:
  • Aconséllase levar un calzado cómodo e seguro, asi como roupa moi abrigosa, pois aínda que a probabilidade de precipitacións é mínima, prevense temperaturas algo baixas.
  • Almorzaremos no alto do Monte Pindo, polo que cada quen debe levar o seu xantar e bebida.
  • Se ben este roteiro é pouco dificultoso e non dura aló dunha hora, cada quen debe ser consciente das súas propias limitacións personais.
Se desexas participar só tes que escribirnos a info@montepindo.org uu anotarte en Facebook.

18/01/11

Participa con nós nun flashmob colaborativo polo Monte Pindo!

A Asociación Monte Pindo Parque Natural atópase inmersa en plena rodaxe dun episodio do programa MOBilízate sobre a nosa reivindicación, durante o cal imos realizar un flashmob para o que precisamos da vosa colaboración.

Como podo colaborar?

É verdadeiramente fácil. Só necesitas imprimir nun folio o logo da nosa Asociación (descárgao aquí en PDF) e dispor dunha cámara (unha webcam serve).

Daquela, desde o lugar no que che praza, con quen che praza e como che praza, só tes pasar o noso logo dun lado a outro do plano. É como se, estando no medio dunha cadea humana imaxinaria, recibiras o cartel pola túa dereita e llo entregases á persoa que tes á esquerda, para poder ir unindo máis e máis colaboracións.
Podes facer cadeas con máis amigos, gravar desde as localizacións máis emblemáticas da cidade onde vives, vestindo o traxe tradicional... a orixinalidade sube nota! O único límite é a túa imaxinación!

Mándanos as túas videocolaboracións a info@montepindo.org. Ah, e lembra comunicarnos en que lugar gravastes a túa colaboración.

Como se vai facer?

Unha vez feita a montaxe final unindo todas as achegas, o logo da Asociación Monte Pindo Parque Natural irá pasando de man en man entre os nosos amigos en todo o mundo, coma se dunha antorcha olímpica se tratase, para ir acabar á Laxa da Moa, no máis alto do Monte Pindo.

Sabendo que esta actividade vai ser do teu interese, e tamén que te divertirás axudándolle ao Monte Pindo, agardamos os teus videos!

11/01/11

O natural non é soño

Artigo de opinión publicado orixinalmente no xornal Galicia Hoxe.

Peregrinou ata o Olimpo, alí entre as rochas buscou entre tanta inmensidade pétrea as sete figuras dos seus netiños, e entón pregou coas bágoas esvarando polas meixelas fronte á enigmática dureza de ton misterioso. O ritual era rematado na media noite despois da hora meiga, intre no que cravaba na aba unha cruz por cada neto.

A realidade do Monte Pindo é que existe ese lugar onde os soños mesmo semellan auténticos. Aquí, nesta paraxe emblemática de Galicia o real e ideal quedan apreixados nun só estímulo de profunda inspiración.Estamos ante un conxunto paisaxístico de referencia, malia todo é atacado por actuacións tan irresponsables como irracionais. A súa deteriorización pode ser irreversible para o futuro, polo que é necesario conservalo e protexelo desde xa, antes que para o místico Pindo sexa demasiado tarde, nunha desas tardiñas baixas, que con admiración desde o seu cumio se contemplan, sumidos nun estadio de letargo admirando a intensa astucia das augas do océano para furtar os escorregadizos azos luminosos.

Raios de penetrante luz que recupera e achega a Asociación Monte Pindo Parque Natural, o seu obxectivo principal é concienciar a sociedade e traballar para que esta paraxe sexa con todo merecemento, non existe dúbida, Parque Natural. Unha mensaxe a desta Asociación que está tendo unha grande acollida e resposta por parte da sociedade en forma de adhesións coa súa iniciativa. Numerosas institucións e asociacións de diferentes ideoloxías amosan o seu apoio a esta iniciativa. De momento o que permanece insensible é o Observatorio Galego da Biodiversidade.

O Monte Pindo é único, Galicia non debe abandonar ao seu infortunio esta xoia decorada de especiais rubís; necrópole pétrea, flora e fauna que desde a súa atalaia transmiten unha débil sinal no pórtico oceánico que tenta afastar espíritos malignos coa súas enérxicas ondas, o réquiem pola destrución do Pindo non debe ser xamais entoado. Parabéns para a Asociación Monte Pindo Parque Natural, a súa iniciativa e desvelos teñen un valor natural sen comparanza, unha satisfacción loitar por causas de xustiza natural e albiscar desde a porteliña da esperanza unha diminuta chamiña imperceptible na distancia que a bo seguro aliviara parte dos desvelos das avoas que pregan desoladas polos seus descendentes no místico Monte. Que xamais o desánimo se impoña, pois estas son as datas da renovación e do lume novo.

Non podemos abandonar nas gadoupas dos conscientes irresponsables un Monte con tanto potencial, venerado tantas veces e acubillo protector dos fuxidos da represión, así como barrelo de mitos e crenzas que perduran no incansable latexo da súa gran vixía, a Moa.

Xosé Manuel Lobato (Boqueixón) é un escritor galego.
Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Compostela, centra as liñas da súa laboura no estudio do fenómeno migratorio galego.

10/01/11

Monte Pindo Parque Natural, Naturalmente (II)


A herba medra aquí da noite para a mañá”, esa é a fecunda expresión que emprega Frei Martín Sarmiento para se referir ao monte e que reforza a tradición de subiren enfermos ata o Campo da Moa e llos ofrecer ao monte, circunstancia tamén recollida por el no seu libro Viaxe a Galicia, de 1745. É esta unha xeografía salpicada de regatos, de recunchos sombrizos nos que se agocha a perdiz, de campías onde a egua vixía os primeiros pasos do poldro, de abrigos que, en días de guerra, acolleron aos fuxidos que atendían ao xeito de tender a roupa das lavandeiras, xa que era ese o código secreto que os avisaba dos perigos. Dese tempo será a copla que aínda se lembra na parroquia que leva o nome do monte: Se vas ao monte do Pindo, non pises as margaritas, que están regadas co sangue, dos pindeiros socialistas. Os arredores do monte foron testemuñas de accións de resistencia e castigo nos días da francesada dos que nos da conta o tenente da armada británica Basil Hall, destinado no buque Endimión que participou na batalla de Corcubión e que deixou escrito un relato do que aconteceu aqueles días. Preto do monte pasa o camiño de peregrinación de Compostela a Fisterra, tal e como o proba a existencia dun topónimo Hospital, no concello de Dumbría. Se cadra era por aquí por onde andaba o wakner, do que nos informaba o bispo armenio Mártir, peregrino no século XV, que o describe como animal silvestre, grande e moi daniño. Por aquí tamén andaría a estadea á que se refire Borrow, o viaxeiro e vendedor de libros, camiñando ata Fisterra, o destino soñado por el dende a infancia.

Nalgún lugar deste intricado mundo de pedra está enterrada a Raíña Lupa, señora da vida e da morte, segundo o profesor Alonso Romero, muller á que correspondeu xogar papel principal na lenda xacobea. A memoria colectiva relata marabillas asociadas ao nome desta muller, “enterrada con sete millóns de ouro á cabeza e sete millóns aos pés”, aínda que o tesouro principal estaría no fondo do Cadoiro, pozo Negro ou da Cortada, que con esta variedade de nomes lle din ao lugar no que se despena a fervenza do río Xallas, tamén coñecido como Ézaro neste tramo final. No século pasado atopouse preto da fervenza do Xallas, un medallón de cobre no que aparecían debuxadas sete figuras de ave, quizais cisnes. Fernando Alonso Romero publicou un interesante estudio sobre el, a partires dun debuxo que se conserva, porque o medallón desapareceu, ignorándose a paradoiro actual, pero o sete quedou asociado á mitoloxía particular da Raíña Lupa, dona destes lugares.
“De sombra/ o teu grito/ que non cesa” escribiu da fervenza o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias. “Un pouco máis alá pode verse unha procesión de mulleres e cativos levando e traendo sacos de gran e de fariña do muíño situado debaixo dunha grandiosa fervenza que, coa anchura dun río, cae dende unha gran altura e leva mesmo no verán moita auga”. A descrición é do viaxeiro inglés F.G. Bell, pero do muíño so restan as paredes e da fervenza a secura de todo o ano e o xogo turístico dos domingos de verán. Para darlle vida de novo, debemos buscala nas fotografías ou xogar co poder de invocación da literatura. “O Ézaro sinte presa e lánzase con atrevido salto galgante á mar” evoca poeticamente José María Castroviejo. “Ézaro, ao pé do Monte Pindo, que forma unha das paraxes de maior emoción de Galicia” resume Otero Pedrayo. “Diante está o Pindo, que semella unha fronte escura, da que cae, coma nunha fabulosa guedella de cabelo loiro, a máis grande fervenza que pode verse en Galicia”, lembra Teodoro Sandomingo. Malia a ferida que lle fixo a Galicia coa construción do encoro de Santa Uxía, o enxeñeiro e escritor Juan Benet era contrario aos tubos que descenden polo monte e que deixan sen caudal o treito final do río. A desfeita non se evitou e o escritor Miro Villar, retratou poeticamente a consecuencia: “Reloxo que non anda, Santa Uxía do Xallas”. Convén lembrar, se cadra, que este encoro era o primeiro de todo o estado construído coa técnica de formigón pobre compactado. “Semella que o xenio industrial do home comprácese en levar a prosa da vida aos máis poéticos lugares da terra” advirte Carré Aldao referíndose a esta fervenza sen auga. “Volve mirar a desembocadura do Xallas e o monstruoso salto que o home desviou e encanou prosaicamente nun tobo idiota pero que non puido destruír toda a súa beleza”, escribiu José Mas na súa novela Costa da Morte. “Este tipo de desembocadura é única en toda Europa. Segundo algúns autores este estraño fenómeno débese máis ben á resistencia da rocha que frea a erosión remontante que á elevación do terreo (horst), apunta con criterio científico Eva Vales na súa guía sobre os espazos naturais da provincia da Coruña. Máis arriba, seguindo a estrada empinada, o miradoiro decorado con murais do ceramista Xosé Luis Ribas e do escultor Manuel Ferreiro, que ofrece unha perspectiva na que a lembranza do río, o pedregal de cor rosácea, a complexidade das formas e o mar contra o horizonte, conxugan en harmonía unha paisaxe única.

No solpor, O pedregal ilumínase e ofrece o seu relevo vivo, cambiante, granítica expresión de luces e de sombras. Quen se introduce nel, descubre que este é un universo complexo, onde as pedras da lenda mesturan as súas formas coas da historia, onde os camiños cruzan bosques e regatos, onde os garañóns brúan no mediodía, no que o vento e a brétema saben do voo do falcón e no que a raíña Lupa segue a observar o mundo dende o seu trono. Os Aguillóns, Casa Xoana, Penafiel, O Pedrullo ou a Moa, son algúns dos seus cumios deste macizo, coroados polo alto da Moa, cos seus 627 metros sobre o mar e do que Álvaro Cunqueiro dicía que “É un monte para chegar de vagar o seu cume unha mañá clara, quizais polo estío, e dende el cumprir, con atentos e amorosos ollos, a visita pastoral da beleza sobre tanta e tanta terra, e sobre tanto mar”.

Francisco Xosé Fernández Naval, "Chisco" (Ourense, 1956) é un escritor e poeta galego.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e ex-subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Coñecer