12/12/10

Os mariñeiros do concello de Carnota apoian o parque natural

As Confrarías de Pescadores de Pindo e de Lira, entidades que agrupan as traballadoras e os traballadores dos sectores da pesca e o marisqueo do concello de Carnota, uniron xa os seus folgos a prol da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo. O apoio da de Lira aprobouna a súa directiva esta mesma semana.

Ao forte impulso que supón este apoio moral por representar un colectivo tan importante do noso concello, únese o feito de seren dúas entidades referenciais entre todas as Confrarías galegas por destacarse na posta en valor do noso medio de vida tradicional e tamén na loita polo desenvolvemento sostible do noso entorno.

E é que a Confraría de Lira é a autora do proxecto Mar de Lira, arquicoñecida receita para o recoñecemento e posta en valor da actividade mariñeira de baixura, e que fructificou na primeira reserva mariña do norte da Península Ibérica, asi como a do Confraría do Pindo que celebra as Xornadas de Pesca, que este ano acadaron a 5ª edición, e que tamén desenvolveu o proxecto Pindo Mariño para recoñecer o pasado, presente e futuro da nosa actividade pesqueira.

Non podemos máis que aproveitar este espazo para agradecer dous apoios que supoñen un paso de xigante para as posibilidades de ver en pouco tempo defendido o Monte Pindo tal e como se merece.

Á súa vez, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos recoñecer o inmenso traballo desenvolvido por dúas entidades que, pouco a pouco, conseguiron ir sacando da práctica invisibilidade o traballo abnegado de todo un colectivo, o mariñeiro e marisqueiro, dando coñecer que detrás dos excelentes manxares que chegan a mesas de todo o mundo e que distinguen internacionalmente ao noso País existe un enorme sacrificio, risco e paixón polo traballo de centos de persoas que queren facer do mar o seu medio de vida, máis tamén garantir que os recursos das nosas pesquerías poidan ser aproveitados polas xeracións vindeiras, labor e compromiso que merecen o recoñecemento de toda a poboación.

Convidámosvos a mergullarvos nos seus respectivos proxectos con sabor a mar, pois sen dúbida non vos deixarán indiferentes.