23/12/10

Observatorio da Biodiversidade: Do paripé ao fraude

Fotografía dos primeiros intres de reunión, que a Xunta mandou á prensa para simular que a súa postura era a que adoptaran os expertos. En realidade o Monte Pindo era o último punto.
Indignación e engano. Só asi se pode calificar o que sentimos aqueles que amamos o Monte Pindo tras saber o que pasou antonte na reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade, que prevía debater -entre outras cousas- a protección do Monte Pindo. E non tanto polo que sucedeu de portas para dentro, senón polo feito de que á mesma hora do debate a Xunta de Galicia mandou unha nota de prensa asegurando que a declaración de Parque Natural no Monte Pindo non se ía tratar nesta lexislatura.

Dentro da reunión o debate transcurriu dun xeito ben diferente. Asi, a unanimidade dos presentes coincidiron na enorme importancia do Monte Pindo e na necesidade de avanzar na súa protección. Pero hai que deixar moi claro que dentro da reunión nin se rexeitou nin se aprobou -lamentablemente- o parque natural do Monte Pindo.

A nota vén a demostrar que o problema non é parque natural si ou parque natural non. O problema é a negativa da Xunta a protexer o Monte Pindo mentres a responsabilidade recaia no actual executivo, e asi de claro o transmite a súa nota de prensa. A posición da Xunta xa estaba tomada de antemán, e convertiu todo canto se falara dentro da reunión nun completo paripé, brindis ao sol, ou fraude á cidadanía, segundo se mire.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural anuncia que as aspiracións de ver o Olimpo Celta convertido no sétimo Parque Natural galego seguen tan intactas como antes da reunión, para o cal vai continuar ampliando a súa base social e explicando que o Parque Natural non é un capricho, senón a figura impresdindible para garantir o futuro deste espazo natural e o desenvolvemento substentable da súa contorna.

Asi mesmo seguiremos denunciando calquera novo intento de terxiversar e deslexitimar a nosa loita co único propósito de que para o Monte Pindo nada cambie. Porque temos que deixar moi claro que se seguimos asi, sen investir un só euro no coidado deste espazo, sen perder un só minuto en estudar como poñelo en valor, sen implicar a un só veciño nas solucións aos seus problemas, amparándonos en figuras de protección obsoletas e que só demostraron non servir para nada, antes que despois no Monte Pindo non quedará nada que protexer.

Se isto chega a pasar, todos aqueles envoltos no lamentable espectáculo de antonte deben saber que lle imos esixir responsabilidades. Non poderán lavar as súas conciencias nin con toda a auga da fervenza do Xallas.