20/12/10

O Monte Pindo entra en centos de miles de fogares da man de Luar na Lubre e RNE

O Monte Pindo segue abrindo fronteiras. Onte o espazo Abierto hasta las 2 da Radio Nacional de España emitiu un apaixoante programa monográfico sobre Luar na Lubre, no que por suposto a peza Monte Pindo que compuxeron para o Olimpo Celta galego atopou o seu lugar sonoro.

Pero ademais o programa tiña unha sorpresa moi especial preparada para o grupo, nomeadamente para Bieito Romero, visitante asiduo do concello de Carnota. O equipo de "Abierto hasta las dos" contactara co presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, que agradeceu a Bieito Romero non só o seu interese no noso entorno (que nunca perde a ocasión de demostrar colaborando coas actividades dos colectivos locais), senón tamén a súa amizade personal. As verbas do noso compañeiro sorprenderon a Bieito, que non dubidou en calificar de "auténtico druida galego" a Xilberto, e loubou a iniciativa a prol da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo, cando só faltan horas para que a causa sexa debatida no seo do Observatorio Galego da Biodiversidade .

Na web de RNE podedes escoitar o programa completo, que se divide en dous cortes dunha hora cada un. Velaquí a primeira hora. As emocionadas palabras de Xilberto e a contestación de Bieito podémolas escoitar a partir do minuto 31 da segunda hora. Tamén se poden descargar directamente os respectivos cortes aquí e aquí.

Pouca dúbida cabe de que este conxunto referencial da música galega no mundo camiña cara a converterse no principal mentor da nosa reivindicación, e non só con palabras senón con feitos. Sobra dicir que Luar na Lubre ocupa un lugar non só nos nosos oídos, senón cada vez máis tamén nos nosos corazóns. Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, infindas grazas.