28/12/10

Monte Pindo Parque Natural, Naturalmente (I)


O Monte do Pindo, fiel á súa lenda, comprácese reafirmando o seu misterio. Coñecelo semella unha experiencia mística, un ritual de iniciación, unha descuberta que se ofrece a quen acorda penetrar no labirinto, prescindindo da comodidade, pero disposto á emoción e ao entusiasmo. Visible dende lonxe, ofrecido e presente, non é ata que ascendemos polos seus carreiros, que descubrimos toda a riqueza de matices, a explosión dos contrastes, o enigma do descoñecido, a variedade de vida que atesoura no seu interior o Pedregal, -que así é como se lle di na súa contorna-, forza e alma do territorio que abrangue este macizo granítico e tamén os montes que o circundan, terras de Dumbría e Mazaricos, paisaxes agrarias e montesías onde o garañón outea o aire intuíndo a presenza do lobo, onde o miñato debuxa circos escuros no voo de mediodía, terra na que foza o xabaril e na que medran bosques que acollen as brétemas que agardan a chegada do luar.

O macizo elévase dende o mar de Caldebarcos e Panchés, litoral coñecido como Costa das Cravas, ou dende a Curra e Quilmas, deseñando barrancas inaccesibles, debuxando contra o ceo os seus cumios agrestes, construíndo covas e furnas de difícil acceso, traballando a rocha en formas caprichosas que provocan a imaxinación do camiñante e incrementan o misterio. Velaí senón o outeiro da Casa da Xohana, traspasado no cumio de lado a lado, coma cabeza de agulla ou tránsito entre a luz e a sombra, os camiños da lúa e do sol, como chamándonos; ou esas covas que acollen restos da idade de bronce, agochados en cavernas só abertas aos espeleólogos, posible lugar de enterramento dos primitivos habitantes deste aire.

O Pindo é monte con tradición sagrada dende antigo. Son moitos os autores que insisten na súa denominación de Olimpo, velaí senón a Ramón Otero Pedrayo, quen o describe así: “O monte, formado por enormes masas de granito adopta unha forma de grave testa, e aínda florecen nas súas fisuras as figueiras salvaxes das que falan o P. Sarmiento e Jovellanos nas súas Notas de viaxe. Chamouselle un dos Olimpos célticos de Galicia e é, en verdade, un dos máis fermosos montes litorais dela”. A versión da orixe grega do topónimo, da que informan, entre outros Frei Martín Sarmiento e Ramón Artaza, quedou relativamente descartada na actualidade, apostando algúns por ser derivación de pino ou piñeiro, polos bosques que desta árbore había no Monte, explicación que vén sendo interpretación do cotián, próxima e común, pero privada de romanticismo e de épica e que frustra as expectativas de veciños e viaxeiros que senten, ao contemplar a súa complexa orografía e o bafo húmido que o cobre tantas veces, o alento dunha personalidade complexa e a lembranza dun pasado incógnito. Gonzalo Navaza, escritor e experto en toponimia é da opinión de que un accidente xeográfico de tan singular e de tan grande consideración coma o macizo, debeu ser referencia de todo o territorio, polo que o Monte debeu ser Carnota, antes de Pindo, dando nome a todo o territorio. Dúas son as razóns nas que fundamenta esta opinión: a primeira, a raíz latina da palabra Pindo, derivada de pineto, pieiro ou pena; a segunda o feito de que ningún lugar concreto responda ao nome de Carnota e que sexan dúas parroquias –Santa Columba e San Mamede- as que o utilicen e proclamen, evidenciando dese xeito que o topónimo Carnota non era en concreto de ningún lugar. De non ser así e de aceptar o nome de Pindo como única alternativa, un referente territorial de tamaña consideración estaría sen nome antes da romanización do país, cousa improbable. Abondando nisto, e da man de Fariña Jamardo, lembrar que antes da división municipal constitucional, o que hoxe é territorio do termo municipal dependía de tres xurisdicións: á do Conde Altamira de Corcubión pertencías dúas parroquias, Santa Columba de Carnota e Lariño; ao Arcebispado Compostelán, San Mamede de Carnota e ao Marqués de la Sierra, Lira. Logo, coa primeira división municipal, da etapa liberal de principios do século XIX, Santa Comba de Carnota e San Mamede de Carnota figuran como dous concellos diferentes, producíndose a unificación no ano 1835.

Continuará no capítulo II...

Francisco Xosé Fernández Naval, "Chisco" (Ourense, 1956) é un escritor e poeta galego.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e ex-subdirector xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Coñecer máis sobre o autor