Este sábado 13 de novembro tivo lugar no Salón de Actos do Concello de Carnota a presentación da recén creada Asociación Monte Pindo Parque Natural, que nace co obxectivo de conseguir que o Monte Pindo se converta no séptimo parque natural galego.
Mario Maceiras, secretario da asociación, abriu o acto agradecendo a asistencia a pesar das inclemencias e presentando un a un os 15 membros da Comisión Rectora (cun vogal por cada localidade do noso concello) e explicou os obxectivos e os medios que se estiman axeitados para conseguilos. Tamén relatou que a coincidencia do acto co 8º aniversario da catástrofe do Prestige non é casual, senón que se pretende espertar coa protección do Monte Pindo un sentimento de compromiso cidadán parello ao que se espertara 8 anos atrás coa limpeza das nosas costas ateigadas de chapapote.
O propio Xilberto Caamaño, presidente da asociación, abriu a posterior conferencia informativa destinada a resolver as dúbidas técnicas que puidera haber sobre a declaración do Monte Pindo como parque natural. A continuación, Martiño-Fiz e Fins Eirexas, membros de ADEGA que no pasado mes de setembro presentaron no rexistro da Xunta a proposta, debullaron os aspectos dun Parque Natural destacando a obligatoriedade de levar aparellado un presuposto anual para inversións na mellora da zona, e aseguraron que todos os aproveitamentos actuais do monte son compatibles co Parque Natural e non van a prohibirse de ningunha maneira.
Finalmente chegou a intervención máis agardada, a do profesor Xoán Ramón VIdal Romaní, catedrático de Xeoloxía e Director do Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal. O reputado xeólogo pronunciou unha amena conferencia na que se abordou a formación do Monte Pindo dende a era carbonífera, ate o actual modelado superficial que produce interesantes formas xeolóxicas que espertan a atención da comunidade científica e deben ser estudadas e protexidas coa figura do Parque Natural. A respecto do recente achado de formacións con aspecto de fósiles en pleno Monte Pindo, catalogounas de extremadamente raras e interesantes cun notable interese xeolóxico, mais nun principio explícaas en base á actividade magmática previa ao emerxemento do Monte Pindo do subsolo hai máis de 300 millóns de anos, sendo pouco probable que realmente se trate de fósiles.
A estas actividades, celebradas nun día marcado polo temporal e os continuos cortes do subministro eléctrico, asistiron numerosos interesados a título individual ou colectivo, entre eles concelleiros carnotáns de PSOE e BNG. Pola contra non quixo asistir asistiu ningún membro do PP, a pesar de seren sido convidados ata por 3 vías.
Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural acollemos con decepción a negativa do PP a asistir, porque precisamente a vocación desta actividade era axudar a superar o descoñecemento sobre a figura do Parque Natural, motivo esgrimido polo goberno municipal para rexeitar a iniciativa. Sen embargo a asociación reitera a súa dispoñibilidade a proporcionar toda a información necesaria aos veciños e aos políticos locais.