03/11/10

Subindo á Moa (por Rafael López Loureiro)

Hoxe temos unha sorpresa moi especial para todas as persoas interesadas no Monte Pindo, pero sobre todo para aquelas que aínda non tiveron a ocasión de poder visitalo. De man de Rafael López Loureiro, o gran redescubridor da tradición galega do Samaín, traémosvos unha crónica inédita en primeira persoa das sensacións que subscitou neste profesor de Cedeira un ascenso tan canso como intenso ao Monte Pindo, en agosto deste mesmo ano, e que nos revela en todo o seu esplendor o divino e o humano -como se adoita dicir- desta paraxe.

Sen máis, para o disfrute de todas e todos, deixámosvos co texto. De seguro non quedaredes indiferentes.

Rafael López Loureiro é profesor de escola en Cedeira. Se ben asegura que "no meu curriculum debería figurar que non me gusta facer curriculums", conta cun extenso expediente académico. Pero alén dos méritos profesionais, Rafael é moi coñecido por ser o grande recuperador da tradición do Samain en Galicia, a cuxa difusión adica os ultimos 20 anos con libros como «Samaín, a festa das caliveras», «Las caliveras de ánimas en la Península Ibérica» ou «La Festa de Samaín», un modelo de ecologismo cultural», asi como varias unidades didácticas para o ensino. Tamén é ilustrador e o seu traballo principal neste campo son os encolados.
Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural queremos agradecer ao amigo Rafael que nos facilitara este marabilloso documento inédito, e convidámosvos a mergullarvos na bitácora dixital deste afervoado amante da natureza, Ao noroeste do noroeste, onde xa publicou o 1 do outubro un sentido alegato en favor do parque natural:
"Non direi máis. Paisaxe, xeoloxía e bioloxía, ao tempo que tradición e historia, xunguidos todos nun espazo natural moi ben delimitado, cinguido pola fermosa Enseada de Ézaro, a malpocada fervenza do Xallas, e o formidable areal de Carnota deberían de estar defendidos, protexidos e ben coidados por seren un dos requintados tesouros naturais e económicos que a nación galega posúe no seu territorio. Estar deixado, deitado no abandono, á destrución dos cobizosos e dos iñorantes, é un borrón de lixo no ser quen somos. Discutir os méritos que avalan a necesaria consideración legal de Parque Natural é un exercicio de ociosidade dolosa"
Como non, convidámosvos a enviarnos tamén os vosos propios textos sobre o Monte Pindo.