Non cabe dúbida que o Monte Pindo desata paixóns non só nos que residimos debaixo da súa influencia mística, e así é agora o Club de Montañeiros Celtas, entidade deportiva viguesa nacida nada menos que en 1942, o que se sumou á petición veciñal para que o Monte Pindo sexa declarado parque natural.
A entidade nace en 1942 (ver imaxe inferior) ao abeiro do Real Club Celta de Vigo, coa fusión do Centro Excursionista de Galicia (nacido en 1936) e a Peña Excursionista Viguesa (nacida en 1938). En outubro de 1952, a agrupación desvencéllanse do RC Celta de Vigo consolidando definitivamente esta entidade que traballa pola práctica e difusión dos deportes de montaña en todas as súas modalidades: montañismo, sendeirismo, escalada, esquí, espeleoloxía, bici de montaña, subacuáticas...
Sen dúbida este novo apoio, sobre todo sabendo de quen procede, vai insuflar novo aire fresco a todos os que amamos o Monte Pindo, e sobre todo nos que disfrutan da súa faceta máis deportiva e aventureira. A todos os montañeiros celtas, parabéns pola súa encomiable traxectoria polo ben do deporte ligado ao disfrute do noso medio natural, que no caso do Monte Pindo, tamén é seu.