17/11/10

A defensa do Monte Pindo é cousa de todos, voten a quen voten

Rexeitamos as acusacións de "partidismo" por parte do alcalde de Carnota

A Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural valorou hoxe as polémicas declaracións do alcalde de Carnota José Oreiro no medio Galicia Hoxe, nas que calificou de "interesada e partidista" a proposta a favor da declaración de Parque Natural.

"A defensa do Pindo é cousa de todos, non dos que profesan unhas determinadas ideas, e a nosa asociación abre as portas a quen o desexe, co único nexo común de querer o mellor para o Monte Pindo", asegurou Xilberto Caamaño, presidente, aínda incrédulo nada máis coñecer a opinión do rexedor carnotán sobre a iniciativa. "Este mesmo sábado estivemos explicándoa toda a tarde no salón de actos do Concello de Carnota, pero o goberno municipal non quixo asistir", lamentou Xilberto, se ben reitera o ofrecemento da entidade ao alcalde para achegar posicións.

"Que nos dea cita, e alí estaremos para explicarlle a proposta, se Mahoma non vai ao monte o monte vai a Mahoma. O que non cabe en ningunha cabeza é acusar de partidismo a quen xa ten contactado con centos de entidades de todo tipo, entre elas as formacións carnotás e galegas do PP, do BNG e do PSOE ademais dos seus respectivos colectivos xuvenís, asi como con EU, TG, PG, CXXI e miles de persoas a título individual, ás cales non se lle preguntou a quen votaban; logo seremos multipartidistas"

A asociación tamén calificou de "temerario" que o alcalde afirmara publicamente que "o Monte Pindo ocasiona máis gastos e disgustos que beneficios". Xilberto Caamaño sorpréndese porque "un alcalde se refira dese xeito ao maior atractivo natural e turístico do seu municipio" cando o que debería facerse é concienciar á cidadanía do importante que é o coidado do medio natural; "este tipo de consignas só pode levar á desafección".

Desde a asociación lamentamos que se trate de xerar desconfianza sobre o Parque Natural con estas declaracións, pois todo o mundo parece ter claro que é a figura máis acaída para o Monte Pindo. "Non o dicimos nós, dixérono todas as voces máis autorizadas que se levan pronunciado polo momento: o Pindo reúne o 100% dos requisitos para ser parque natural, máis que moitos dos existentes, ignorar porque si todas esas voces autorizadas non é razonable".

Como se explicou no acto do sábado, no aspecto social e económico a mellora para a zona será bestial, pois só por contar co parque natural disporíamos dunha partida presupostaria específica, pasaríamos a ter preferencia inversora, e mesmo se podería promover unha "etiqueta de calidade" para os produtos da zona de influencia do futuro parque, como se fai en Andalucía. Isto obviando o importante impacto turístico e, desde logo, a tremenda mellora medioambiental, sen que iso supoña limitar sequera os actuais aproveitamentos que xa se dan no Monte Pindo.

Multitude de colectivos sociais de todo tipo xa apoiaron a iniciativa, como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago (presidida por un albaceteño), ou máis recentemente, Lonxanet e o Club Montañeiros Celtas de Vigo, que se suman xa ao extenso listado de entidades de ámbito máis local.