09/11/10

A Asociación Monte Pindo Parque Natural preséntase en sociedade e organiza unha conferencia informativa en Carnota

Adega e a Asociación Monte Pindo Parque Natural (AMPPN) convidan a todos os grupos políticos do Concello de Carnota a informarse do proxecto
O pasado 17 de outubro de 2010 naceu no Pindo a Asociación Monte Pindo Parque Natural para promover a declaración deste insigne espazo natural baixo a citada figura de protección ambiental.
A AMPPN foi fundada basicamente por persoas que representan ás parroquias que rodean o Monte Pindo, ademais de ecoloxistas promotores da idea. É polo tanto unha asociación composta maioritariamente por habitantes das inmediacións do Pindo que, orgullosos do seu patrimonio natural e cultural, pretenden poñelo en valor para compatibilizar un aproveitamento económico que impulse o turismo sostible e máis unha protección ambiental que sirva para a ordenación do territorio e máis para a protección dos seus grandes valores vexetais, animais, xeolóxicos e patrimoniais.
Con estes obxectivos convócase un Acto público de presentación da Asociación, que vai ter lugar o vindeiro sábado 13 de novembro de 2010 no Salón de Actos do Concello de Carnota, coa seguinte PROGRAMACIÓN
18:30 horas | Presentación pública da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
19:00 horas | Conferencia aberta "Razóns para un parque natural no Monte Pindo". Coas ponencias de:
  • Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
  • Martiño-Fiz López Lindoso, biólogo e relator da iniciativa "Monte Pindo Parque Natural"
  • Fins Eirexas Santamaría, xeólogo e secretario executivo de ADEGA
  • Juan Ramón Vidal Romaní (na foto), xeólogo e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (UDC)
(Ao remate todo o público poderá formular as súas preguntas a calquera dos poñentes)

A esta conferencia xa convidamos ademais de numerosísimos colectivos do entorno, aos 3 grupos políticos que forman a corporación municipal de Carnota, e especialmente ao señor alcalde de Carnota, José Oreiro que ten manifestado a falta de información como a única razón para opoñerse a este ilusionante proxecto de que o Monte Pindo se convirta no 7º parque natural galego.

CONFIRMA A TÚA ASISTENCIA OU DIFUNDE EN FACEBOOK