
Poucas palabras poden expresar mellor as motivacións desta nova organización como as escollidas por Xilberto Caamaño (na imaxe) nada máis ser escollido presidente: "ningún galego entendería que a Catedral de Santiago estivese abandonada, ou queimara cada dez anos; pois o Monte Pindo é a nosa catedral".
Por iso mesmo é que entendemos que hai que comezar a traballar en serio, promovendo figuras de desenvolvemento e protección que rematen co actual abandono dese espazo e o poña en valor, como é a declaración de Parque Natural proposta por ADEGA co apoio dunha multitude de expertos, polos inmensos beneficios sociais, medioambientais e economicos que suporía para o noso entorno.

Convidamos a todos aqueles interesados no noso medio a incorporarse a esta Asociación, sexa asociándose ou colaborando coas iniciativas que desenvolvamos. Porque o Monte Pindo, esta catedral natural de 300 millóns de anos cun pé no mar e outro na terra, da que todas e todos somos privilexiados posuidores e que tanto nos fai gozar ás persoas que nos confesamos súas amantes, tamén precisa da nosa axuda para frear a degradación e o abandono.
Esperamos poder contar con esa axuda de todas e todos vós.