29/10/10

Os Amigos do Camiño de Santiago apoian a declaración de parque natural

A AGACS (Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago), que aglutina a peregrinos da Ruta Xacobea de todo o mundo, vén de sumarse a favor da declaración de Parque Natural para o Monte Pindo.

A grata noticia chegounos hoxe mesmo mediante unha comunicación do seu presidente, o albaceteño José Antonio de la Riera:
Amigos:
Desde el colectivo que representamos, que incluye a peregrinos jacobeos de todo el mundo, nuestra enhorabuena y nuestro apoyo a la iniciativa.
El conjunto del Pindo es un valor histórico y natural extraordinario, único en Europa, que, al igual que el Camino, debemos legar en las mejores condiciones posibles a futuras generaciones.
Para nosotros el Pindo figura en todos los mitos del final del Camino y cada vez más y más peregrinos se sienten atraidos por él, para nosotros forma parte indisoluble de las tradiciones, mitos y leyendas del propio Camino de Santiago.
Todo nuestro apoyo y nuestro ánimo en la iniciativa.

Un fuerte abrazo,
José Antonio de la Riera
Presidente
A AGACS, nacida en 1992 no mosteiro de Sobrado dos Monxes, leva case dúas décadas destacándose por un traballo continuado na defensa a ultranza e posta en valor dos diferentes camiños de Santiago, enfrentándose en ocasións, de ser preciso, ás agresións que sufriron as vías xacobeas por actuacións desaprensivas das administracións. Podes coñecela con moito detalle na súa elaborada páxina.

A Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural xa lles expresou por escrito, e agora o facemos en público, o agradecemento por este xesto tan importante para a nosa Asociación pois refresca o compromiso cos nosos obxectivos, e trasladoulle o recoñecemento á encomiable labor da AGACS. Agardamos que este só sexa o primeiro dos contactos dunha fructífera colaboración mutua.

21/10/10

Nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural

Esta semana un grupo de persoas preocupadas polo devir do noso medio ambiente, e apaixoadas polo Monte Pindo, reuníronse para constituír formalmente a Asociación Monte Pindo Parque Natural, unha organización sen ánimo de lucro de carácter plural, a través dunha ampla Comisón Rectora na que asumen un papel moi destacado ata 11 vogalías territoriais para garantizar o trato directo con veciños e axentes sociais.

Poucas palabras poden expresar mellor as motivacións desta nova organización como as escollidas por Xilberto Caamaño (na imaxe) nada máis ser escollido presidente: "ningún galego entendería que a Catedral de Santiago estivese abandonada, ou queimara cada dez anos; pois o Monte Pindo é a nosa catedral".

Por iso mesmo é que entendemos que hai que comezar a traballar en serio, promovendo figuras de desenvolvemento e protección que rematen co actual abandono dese espazo e o poña en valor, como é a declaración de Parque Natural proposta por ADEGA co apoio dunha multitude de expertos, polos inmensos beneficios sociais, medioambientais e economicos que suporía para o noso entorno.

Pouca dúbida cabe de que unha proposta tan positiva e de futuro debería estar liderada desde as institucións públicas, por ser estas as máis representativas da sociedade e tamén por debérense en exclusiva a defender o interese común. Desgrazadamente o Concello de Carnota rexeitou apoiar esta causa antes de consultar sequera a opinión de veciños e axentes sociais, polo que se fixo case imperativo crear unha Asociación que demostre que se equivocan nos seus prexuízos, para que quen o desexe poida poñer o seu gran de area na defensa do Monte Pindo.

Convidamos a todos aqueles interesados no noso medio a incorporarse a esta Asociación, sexa asociándose ou colaborando coas iniciativas que desenvolvamos. Porque o Monte Pindo, esta catedral natural de 300 millóns de anos cun pé no mar e outro na terra, da que todas e todos somos privilexiados posuidores e que tanto nos fai gozar ás persoas que nos confesamos súas amantes, tamén precisa da nosa axuda para frear a degradación e o abandono.

Esperamos poder contar con esa axuda de todas e todos vós.