▼
23/05/20
A Xunta quer talar 6.000 árbores no Monte Pindo
Monte Pindo convoca ao ambientalismo da Costa da Morte a unha mesa de diálogo
A Xunta anunciou esta semana a través dos medios de comunicación a tala de 6.000 árbores no Monte Pindo co pretexto de evitar futuros incendios. O escuro anuncio, que colleu desprevida a sociedade pois non existiu ningún diálogo previo coas entidades sociais, nin sequera coas comunidades de montes, sentou coma un xerro de auga fría ao ecoloxismo da comarca, pola falta de claridade.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que se enterou tamén das intencións da Xunta pola prensa, solicitará información á Consellería de Medio Ambiente, para coñecer de que especies se trata e en que zonas. Ademais, defende que aínda que se trate da tal de especies alóctonas coma eucaliptos, entende que calquera actuación de eliminación debe facerse por medios manuais e non por queimas indiscriminadas (mal chamadas "controladas") que poden afectar á biodiversidade endémica do espazo protexido.
Por outra parte, non entendemos a eliminación da cuberta vexetal se non se contempla a súa inmediata substitución por especies arbóreas autóctonas. O solo do Monte Pindo está moi afectado por séculos de incendios masivos, dando como resultado unha cuberta vexetal mínima. Eiminar a pouca vexetación que o protexe deixará o solo desprotexido ante a erosión e a choiva, o que pode significar un golpe mortal á biodiversidade, pois ali tardará décadas ou séculos en volver medrar nada.
Convócase unha mesa de diálogo a persoas e entidades con sensibilidade ambiental
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que está a recibir numerosas mostras de apoio da sociedade e das principais entidades ambientalistas ante esta nova posíbel agresión medioambiental, convoca para esta semana unha mesa de diálogo por vía telemática (videoconferencia) na que as persoas e entidades con sensibilidade ambiental poidan intercambiar pareceres e ideas, debatir sobre as problemáticas medioambientais que enfronta a bisbarra e o País, e mesmo artellar unha coordinadora que axude a poñer en común os proxectos das distintas entidades que operan na bisbarra e tamén enfocar o vindeiro proceso electoral no que o País se xoga tanto.
Para participar podes cubrir o seguinte formulario.