14/09/18

5 anos despois do desastre, o Monte Pindo segue agardando respostas


O Pico Penafiel, envolto en chamas e fume
No cálido e ventoso solpor do 14 de setembro de 2013, un ou unha terrorista sementaba lume na Cima da Arca, a escasos metros da única mámoa catalogada no noso Concello, e aos pes da aba leste do Olimpo Celta. Coa súa acción daba comezo unha das catástrofes ecolóxicas máis importantes desta década en Galiza, pois remataría por devastar por completo un dos espazos naturais máis singulares do País, chamado a converterse no primeiro Parque Natural da Costa da Morte e no 7º de Galiza, tras unha década sen novas declaracións.

O lume sementou o terror ameazando ata as casas
Neste hábitat privilexiado, consistente nun macizo granítico de 350 millóns de anos de antigüidade cuxo escaso substrato vexetal acolle unha biodiversidade única. A Asociación Monte Pindo ten catalogadas xa preto de 800 especies, das que 150 contan con algún nivel de protección ou interese pola súa singularidade. Entre elas, caben destacar as máis famosas, o Quercus lusitanica ou carballo anano, que atopa aqui o seu único fogar galego, ou o Iris (Xiphion) boisseri ou lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial. Pero non menos importante é que o Monte Pindo supón o límite de distribución de moitas especies, en moitos casos a moitos quilómetros dos seus conxéneres máis cercanos. É o caso da salamántiga galega Chioglossa lusitanica, ou a lagarda da serra Iberolacerta monticola, especies ameazadas cuxas poboacións do Olimpo Celta mereceron estudos propios.

A Quintana converteuse nun berro polo Olimpo Celta
Pois ben, polo evidente interese ecolóxico do espazo, e ante o desleixo da administración autonómica e a súa (falta de) xestión rocambolesca do desastre, a sociedade civil reaxiu coma poucas veces antes ante un incendio, dando desde o minuto cero mostras de indignación e fartura de ver o lume saltar case cada día do verán ás páxinas dos periódicos e os avanzos informativos, e ante o que xa non estaba disposta a resignarse. Ás manifestacións que ateigaron as rúas de Carnota e Compostela, sumouse unha iniciativa civil sen precedentes chamada SOS Monte Pindo, que pretendía recuperar coas nosas propias mans e recursos o espazo natural devastado, chegando onde a Xunta parecía non querer chegar.

Pancarta principal na manifestación de Compostela
Esta reacción espontánea e similar no plantexamento inicial á reacción popular contra o desastre do Prestige na década anterior, foi cortada de raíz, pois a Xunta prohibiu literalmente calquera tipo de intervención no espazo degradado, chegando a ameazar con sancións a todo aquel que se presentara no lugar coa intención de revertir e axudar a recuperar coas súas mans limpas o que unhas mans sucias destruíra. Antes deunos tempo a sementar 2500 castiñeiros, 1050 carballos, e protexer 5,73 hectáreas de solo con gramíneas.

Roteiro pola zona, xa chea de eucaliptos, un ano logo do lume
Por suposto, a administración autonómica non fixo ningún tipo de intervención seria no lugar, só estéticas abranguendo tan só o 0,16% do arrasado, e moito menos unha vez que se apagaron as cámaras e o interese mediático: non volveron pola zona. Con estes precedentes, o resultado non podía ser outro que a perda irreversíbel de calidade ecolóxica do espazo, e a pesar dos chamamentos desesperados do movemento veciñal, mantívose impasíbel en canto o eucalipto e outras especies invasoras aproveitaban o río revolto para espallarse ata cotas onde nunca antes estiveran, ameazando ao mesmísimo hábitat do carballo anano, que xa invadiu por doquier.

Especies invasoras infestaron o espazo queimado
5 anos despois, esta é a realidade. A Xunta gastou na extinción 14 veces máis que en prevención. O voluntariado no Monte Pindo segue a estar prohibido e condenado a operar nesta especie de clandestinidade á que neste estado parecemos abocados aqueles e aquelas que queremos cambiar algo para mellor. Mentras tanto o eucalipto, gran aliado desta administración, é o dono de todo... onde non chegan os proxectos eólicos nin as minicentrais. A ou o criminal que acabou con todo, segue libre e indemne. E a protección e os recursos que levamos esixindo desde hai xa 3 mil días, seguen pendentes. Nada cambiou polo inmobilismo dunha administración que ve no seu medio natural unha das súas últimas prioridades, e verán tras verán volvemos atoparnos coa mesma escena, sexa en Lariño, no Invernadeiro, nas Fragas do Eume, ou no Courel. O único que mellorou foi a conciencia social, pois xa non vemos os incendios coma algo normal e inevitábel senón a consecuencia da falta de prevención.