Informamos da programación das actividades que a
Asociación Monte Pindo Parque Natural prevé desenvolver neste curso.
Todo o seguinte pode sufrir variacións importantes polo que che
recomendamos
estar pendente da nosa web www.montepindo.gal e das nosas redes sociais Facebook e Twitter
para non perderte nada.
TODO O ANO
Mesa de Toponimia do Monte Pindo. A comisión rectora da Asociación
Monte Pindo acordou a creación dunha mesa de traballo destinada a
recopilar e recuperar a microtoponimia do Monte Pindo para plasmar nunha
guía e un mapa. Para inscribirte manda un correo a info@montepindo.org.
Conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
A nosa Asociación celebrará as actividades deste evento de alcance
europeo levando o patrimonio aos centros de ensino da bisbarra. Asi, en
principio temos previsto desenvolver ao longo do ano charlas
informativas cando menos nos institutos de Carnota, Muros e Cee, da man
dunha persoa experta nos valores patrimoniais do Monte Pindo e da
comarca.
Presentación do Proxecto Trekker Monte Pindo,
grazas ao cal a Asociación mapeou para a aplicación Google Maps a
práctica totalidade das rutas de sendeirismo do Concello de Carnota. O
acto incluirá a presentación do proxecto con Google, visita virtual
polas rutas recollidas, e a proxección dun documental sobre a
iniciativa. Dúas datas:
- Carnota: Sábado 24 de febreiro ás 18:00 horas na Domus Atlántica de Lira. Dirixido ao público xeral.
- Compostela: Mércores 28 de febreiro ás 11:00 horas no Hostal dos Reis Católicos. Dirixido a prensa, entidade e TICs.
Asemblea Xeral Ordinaria. Sábado 17 de marzo no Salón de Actos do Concello de Carnota. Pódese asistir en calidade de convidado/a preavisando á Asociación.
5º aniversario do Irmanamento Monte Pindo - Monte Alto. Con subida ao Olimpo Celta desde as 10:00 horas, e á tarde-noite foliada e festa popular na praza da Solaina (O Pindo - Carnota). Prevese dispor de servizo de autobuses desde a cidade da Coruña.
Subida nocturna ao Monte Pindo.
Organizaremos unha subida nocturna da man de Fins Eirexas destinada a
contemplar a bóveda celestial e aprender a facer fotografías
astronómicas e nocturnas. Esta actividade, prevista inicialmente para a
fin de semana do 14-15 de abril, depende estrictamente da
dispoñibilidade de Fins e de que o ceo esté despexado polo que
aconsellamos estar pendentes da nosa web www.montepindo.gal ou das nosas redes sociais Facebook e Twitter por se hai cambios de última hora.
Roteiro micolóxico polo Monte Pindo. Da
man de expertos da asociación ceense Pan de Raposo, descubriremos que
hai cogumelos todo o ano, non só en outono. Tamén trataremos de
localizar o lirio de monte (Iris boissieri), fermosa especie en
risco crítico de extinción a nivel mundial que sobrevive no Monte Pindo.
O mes pode variar en función da abundancia ou escaseza de cogumelos.
Voluntariado no Monte Pindo (VIII). Limparemos
un dos tres camiños do Monte Pindo que detectamos que necesitan tarefas
urxentes de conservación: Pindo-Pedra Cabalgada, Fervenza-Portela
Ventosa e Penafiel-Cova da Xoana.
VI Simposium Monte Pindo.
Sábado 21 de xullo na Casa da Cultura de Cee. 6ª edición destas xa
tradicionais xornadas de investigación e divulgación científica
monográficas sobre o Monte Pindo que se desenvolven por primeira vez
fóra do Concello de Carnota.
Roteiro circular polo Monte Pindo. Desenvolveremos
o tradicional e exitoso roteiro circular, de certa esixencia física
(unhas 8 horas de camiñada) pero que percorre a práctica totalidade dos
puntos de interese do Monte Pindo: San Xurxo, Penafiel, Cova da Casa
Xoana, Laxe da Moa, etc...
Día do Patrimonio. Participaremos un ano máis nas actividades que coordina a Rede de Patrimonio Cultural,
da que formamos parte, en conmemoración do Día Internacional do
Patrimonio, cunha visita guiada o sábado 17 de novembro aos restos do
Castelo de Penafiel, da man dun experto.