20/11/17

Un centenar de persoas celebran o Día do Patrimonio no Monte Pindo

O chamamento da Rede do Patrimonio Cultural para celebrar por primeira vez en Galiza o Día Internacional do Patrimonio Mundial da UNESCO, obtivo unha resposta masiva no Monte Pindo e noutros puntos da xeografía galega, polas preto de medio cento de iniciativas que simultanearon as entidades sociais que nos agrupamos baixo a bandeira amarela que xa simboliza a defensa do patrimonio cultural galego.

A comitiva coroou o Monte Pindo
A Asociación Monte Pindo Parque Natural non quixo perderse esta conmemoración e organizou unha visita guiada polo Olimpo Celta, onde o prato forte foi a parada no Castelo medieval de San Xurxo, ao pe do cal tomamos unha foto de familia e demos unha amena charla sobre todo o que sabemos dunha das primeiras fortalezas pétreas do País e o seu encaixe nos eventos históricos da nosa cronoloxía altomedieval, a cargo de Carlos J. Galbán Malagón, historiador quen desenvolveu a súa tese doutoral encol das fortificacións medievais galegas. A charla foi seguida atentamente polas máis de cen persoas que acudiron a este chamamento, e que logo continuaron a súa visita ata o mesmo cumio do Olimpo Celta, nun día absolutamente espléndido.

A Asociación Monte Pindo agarda que a actividade fose do agrado de toda a asistencia, e ter contribuído a incrementar a atención pública sobre o noso riquísimo patrimonio cultural, que non atravesa desde logo polo seu mellor momento pola falta de interese e o abandono das administracións públicas, ao contrario do que pasa noutros países que si invisten tempo e recursos en protexer o seu patrimonio como un piar imprescindíbel para construír o seu futuro. Asi mesmo felicitámonos polo incuestionábel éxito desta primeira iniciativa conxunta da Rede de Patrimonio Cultural, e que convida a seguir tecendo relacións entre as entidades que dedicamos parte dos nosos esforzos a velar polo noso patrimonio.

No noso Facebook podedes ver un completo álbum fotográfico da xornada.