Nesta quinta edición, por primeira vez, a cita terá carácter monográfico, ocupándose dun asunto que nunca antes en 80 anos se tratara na súa xusta medida: a historia dos fuxidos no Monte Pindo logo do golpe de estado de xullo de 1936. Naqueles primeiros instantes de desacougo e incerteza pola tebrosa ameaza que se cinguía sobre o noso pobo, milleiros de persoas de toda a bisbarra optaron por escalar as agrestes ladeiras do Olimpo Celta buscando refuxio da fratricida sede de sangue desatada naqueles que tentaban conseguir mediante as balas o que non lograran mediante as palabras. Desgrazadamente os seus temores non eran infundados: moitas destas persoas atoparon a morte no Monte Pindo, tentaron fuxir ou ben cederon finalmente ante falsas promesas de seren amnistiados; moi poucos porén volverían a ver as súas familias.
Por e para eles o colectivo veciñal pretende facer do cartel e o programa do Simposium unha verdadeira homenaxe póstuma a tantas persoas que deron a súa vida pola liberdade. Para iso, o V Simposium Monte Pindo contén un extenso programa de actividades que irá debullando o contexto sociopolítico da época e os acontecementos concretos vividos nos municipios de Carnota e Muros e na Costa da Morte en xeral, e que humildemente pretendemos que sexa do agrado de todas e todos.
Programa V Simposium Monte Pindo: A memoria dos fuxidos
O Simposium será inaugurado ás 10 da mañá por Merche Díaz Mayán, secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo e directiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Fuxidos no Monte Pindo, fotografados á súa chegada a Bristol tras fuxir por mar no As |
A continuación intervirá o historiador Eliseo Fernández cunha palestra titulada «Evasións por mar na Guerra Civil: Os fuxidos do Pindo», que presentará unha realidade moi pouco coñecida: as múltiples fuxidas por mar que se produciron na costa galega, e moi concretamente o secuestro do As, que se produciu na nosa zona.
Ás 14:00 horas desenvolveremos un xantar fraternal no restaurante da pensión A Morada no Pindo, para o que haberá que anotarse en info@montepindo.org ou chamando ao 655 56 43 72. O prezo é de 15€ por comensal.
José Piñeiro Casais, mariñeiro do Pindo de 21 anos do que a súa familia non volve saber nada tras ser encarcerado |
Poñendo a guinda ao programa, ás 17:45 horas intervirá Moncho Ermida, quen vén de publicar este verán o libro "Mortos por amor á Terra", dedicado á brutal represión do galeguismo no 36, un asunto ao que dedicou case 20 anos de estudo, e que o levou a investigar a traxectoria da veciñanza que formou o Partido Galeguista de Carnota e Muros, un episodio da nosa historia que nos foi negado e do que apenas quedaban rexistros, ata agora.
Finalmente, ás 18:30 procederemos ao acto de clausura do Simposium, durante o que nos acompañará Carme Armendariz, concelleira de memoria histórica do Concello de Carnota.