A falta dun mes para que se cumpran 3 anos do incendio do Monte Pindo, volve a nós o seu fatídico recordo co incendio declarado na noite de onte na peninsula dos Mouchos, na costa da localidade carnotá do Pindo.
Ali, ao fío da media noite de onde, e coincidindo co que algúns veciños identificaron coma un estoupido, comezaron a espallarse as lapas dun lume que pronto avanzaría avivado polo vento en dirección ás casas. A intervención dos corpos de extinción evitou males maiores e conseguiu dar por controlado o incendio arredor das 2 da mañá. O lume afectou segundo as nosas estimacións arredor de 9 hectáreas.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural fai pública a súa repulsa a esta nova vaga de terrorismo incendiario que este ano se está cebando particularmente coa nosa bisbarra, con lumes nos municipios de Carnota, Cee, Fisterra, Muxía, Camariñas e Vimianzo. Mais, no que só é imputable a quen ten a responsabilidade de defendernos destes criminais sen castigo, vemos seguimos tan indefensos ante o lume coma o estábamos hai 3 anos cando vimos destruirse o Olimpo Celta: tristemente non aprendemos nada daquela dramática experiencia, non se habilitaron máis medios senón que se reduciron, e os que hai están en peores condicións que nunca. O que a administración galega podería ter feito para prepararnos ante estas cuestións, segue na carteira de tarefas pendentes. E se unha faísca chegara desde os Mouchos á ladeira do Monte Pindo, o resultado sería o mesmo de hai tres anos: catástrofe total.
Canto máis ten que pasar neste País para que a xente e os seus representantes entendan que os lumes non se apagan no verán senón no inverno? Só partindo dunha xestión ordenada e sostible dos nosos montes, e da protección dos nosos espazos naturais máis valiosos con figuras reais e acaídas de protección (coma o Parque Natural, no caso do Monte Pindo) poderemos evitar que esta recorrente praga de incendios forestais nos siga "sorprendendo" cada verán, pois o lume só sorprende a quen non ten previsión. E o actual goberno da Xunta, despois de 8 anos no poder, debería ir demostrando ter unha pouca.