16/08/16

«Se depende do BNG, Monte Pindo será parque natural no primeiro ano de lexislatura»

Ana Pontón visitou Carnota onde ubicou o Olimpo Celta no eixo dun ambicioso plan de desenvolvemento comarcal

O alcalde de Carnota, Moncho Noceda, con Ana Pontón no coadoiro do Xallas (fonte: BNG)
A candidata nacionalista á Xunta, Ana Pontón Mondelo, achegouse na mañá de onte ao noso concello acompañado por varios membros do goberno local do Concello de Carnota e do BNG da Costa da Morte, que visitaron a fervenza do Xallas e o lugar do Pindo, onde presentou un plan de desenvolvemento comarcal que pivotará en torno ao futuro Parque Natural do Monte Pindo, pois o macizo carnotán funcionará coma eixo dun proxecto que pretende, segundo explicou, atallar a necesidade de facer un aproveitamento pesqueiro, medio ambiental e turístico desde «o punto de vista da sostibilidade».

A representación visitou o lugar do Pindo (fonte: BNG).
De feito, e no relativo á declaración de parque natural que desde hai case 6 anos o tecido social galego ven esixindo para o Olimpo Celta, a candidata comprometeuse a facela realidade no primeiro ano da lexislatura se esa medida depende das responsabilidades do BNG. Entende que a medida servirá para incrementar os investimentos e os recursos para a creación de emprego. «Un avanzo non só para Carnota, senón tamén para o resto da comarca, a nivel de dinamización social e turística».

Non esqueciu o tráxico incendio que arrasou o Monte Pindo no 2013, tras o cal, segundo denunciou, o goberno da Xunta «mirou para outro lado»; Ana Pontón chamou a superar a política de abandono dos montes para acabar cos incendios e criticou a falta de investimentos e promoción do coidado dun medio rural que entende como potencial "elemento de vertebración social e económica".

A visita da candidata nacionalista a Carnota insire de cheo a loita polo Parque Natural do Monte Pindo na carreira ás eleccións autonómicas que terá lugar en pouco máis dun mes, o vindeiro 25 de setembro, sendo o BNG a primeira das opcións políticas que se pronunciou expresamente sobre esta cuestión. Sen embargo, desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural xa estamos traballando para iniciar unha rolda de contactos para recabar nas vindeiras semanas o apoio das restantes forzas políticas con opción a acadar peso parlamentario na vindeira lexislatura, para conseguir o compromiso de que o novo goberno da Xunta que saia das urnas entenda coma prioritaria, por fin, a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, unha medida que será boa para o medio ambiente e boa para a xente.

12/08/16

Un lume arrasou esta madrugada a metade da península dos Mouchos


A falta dun mes para que se cumpran 3 anos do incendio do Monte Pindo, volve a nós o seu fatídico recordo co incendio declarado na noite de onte na peninsula dos Mouchos, na costa da localidade carnotá do Pindo.

Ali, ao fío da media noite de onde, e coincidindo co que algúns veciños identificaron coma un estoupido, comezaron a espallarse as lapas dun lume que pronto avanzaría avivado polo vento en dirección ás casas. A intervención dos corpos de extinción evitou males maiores e conseguiu dar por controlado o incendio arredor das 2 da mañá. O lume afectou segundo as nosas estimacións arredor de 9 hectáreas.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural fai pública a súa repulsa a esta nova vaga de terrorismo incendiario que este ano se está cebando particularmente coa nosa bisbarra, con lumes nos municipios de Carnota, Cee, Fisterra, Muxía, Camariñas e Vimianzo. Mais, no que só é imputable a quen ten a responsabilidade de defendernos destes criminais sen castigo, vemos seguimos tan indefensos ante o lume coma o estábamos hai 3 anos cando vimos destruirse o Olimpo Celta: tristemente non aprendemos nada daquela dramática experiencia, non se habilitaron máis medios senón que se reduciron, e os que hai están en peores condicións que nunca. O que a administración galega podería ter feito para prepararnos ante estas cuestións, segue na carteira de tarefas pendentes. E se unha faísca chegara desde os Mouchos á ladeira do Monte Pindo, o resultado sería o mesmo de hai tres anos: catástrofe total. 

Canto máis ten que pasar neste País para que a xente e os seus representantes entendan que os lumes non se apagan no verán senón no inverno? Só partindo dunha xestión ordenada e sostible dos nosos montes, e da protección dos nosos espazos naturais máis valiosos con figuras reais e acaídas de protección (coma o Parque Natural, no caso do Monte Pindo) poderemos evitar que esta recorrente praga de incendios forestais nos siga "sorprendendo" cada verán, pois o lume só sorprende a quen non ten previsión. E o actual goberno da Xunta, despois de 8 anos no poder, debería ir demostrando ter unha pouca.

10/08/16

A visita do Seminario de Estudos Galegos ao Monte Pindo en 1936

Algúns dos persoeiros que visitaron o Monte Pindo, sinalados nunha foto de 1928 (fonte: Galipedia)
Seguimos a coñecer máis sobre o interese que o Olimpo Celta xeraba aos nosos devanceiros, que escrutaban os seus misterios coa mesma curiosidade con que nós o facemos hoxe. E podemos dar máis datos sobre a exploración do macizo feita polos membros do Seminario de Estudos Galegos en 1936, da cal xa tiñamos constancia grazas á publicación do enigmático poema en alemán escrito conxuntamente por Otero Pedrayo e Vicente Risco, nada máis e nada menos, que integraban aquela comitiva de exploradores.

Emblema do grupo
Hoxe sabemos que aquela visita quedou narrada nun documento divulgado recentemente por Grial, Revista Galega de Cultura, nº 207, quen se fixo eco á súa vez da publicación en xullo de 1936 dunha crónica no diario vigués El Pueblo Gallego enviada desde a Costa da Morte por un mozo de 21 anos chamado Xaime Illa Couto. O artigo de 6 páxinas, titulado «O Seminario de Estudos Galegos en Fisterra», narraba extensa e precisamente a visita do grupo de intelectuais á Costa da Morte no verán do 36, durante a que os sorprendería o fatídico golpe de estado que sumiría a Galiza e a España nunha dictadura de corte fascista durante catro décadas.

Recorte do artigo
Pois ben, e volvendo ao asunto que tratamos, neste relato descríbese a exploración do Olimpo Celta por varias das seccións que compoñían o Seminario de Estudos Galegos nunha época en que os seus aproveitamentos mineiros e gandeiros estaban a pleno rendemento, parte dos seus castelos aínda en pe, e cando aínda o franquismo non modificara para sempre o seu aspecto mediante sucesivos decretos que primeiro erradicaron toda a fauna autóctona que puidera supoñer unha ameaza para o gando, e logo tamén o propio gando que puidera supoñer unha ameaza para as repoboacións masivas con piñeiro de Monterrei, levando á extinción dunha especie de cabra propia do Monte Pindo. Segundo o xornalista as calidades do espazo natural carnotán subscitou un «gran interese» para eles e de feito «o Monte Pindo xustificaría hoxe por si propio unha campaña de investigacións».

Na comitiva, ademais dos xa citados Xaime Illa, Vicente Risco e Otero Pedrayo, participaron tamén persoeiros coma o xeólogo Isidro Parga Pondal, o sacerdote e arqueólogo Xesús Carro García, o historiador, arqueólogo e antropólogo Xosé Filgueira Valverde (homenaxeado o Día das Letras Galegas 2015), o científico Luís Iglesias... entre outros. Tristemente as súas investigacións víronse truncadas por un inoportuno temporal cando exploraban Penafiel e que nos privou  -de seguro- de moi valiosa información sobre como era o Monte Pindo naquel tempo. Ante a frustrada exploración, ao seu retorno, foron homenaxeados por un concerto da Coral de Cee no colexio Fernando Blanco.

Exploración del monte Pindo 

Mientras que los miembros de la sección de Psicotecnia trabajaban en las escuelas de Ameixenda y Brens, los miembros de las demás secciones escalaron el Monte Pindo. Los resultados de esta difícil exploración no fueron tan completos como sería de esperar porque el temporal del miércoles sorprendió a los miembros del Seminario en los picos de Penafiel y les obligó a suspender sus trabajos. Sin embargo, la exploración ha tenido un gran interés y el monte Pindo justificaría hoy por sí solo una campaña de investigaciones.
Xaime Illa Couto, en "El Pueblo Gallego" (Vigo, xullo de 1936)
Esta información vén de ser divulgada polo noso socio e colaborador Miro Villar na súa bitácora As Crebas e tamén no dixital Que Pasa na Costa.

01/08/16

A Xunta di agora non oporse á declaración do Monte Pindo como Parque Natural

«No somos contrarios a la declaración de Parque Natural»

Impresionante aspecto que ofrece o macizo (Foto: Miguel Caamaño)
Asi de rotundas son as declaracións da Directora Xeral de Conservación da Natureza, Ana Díaz, nunha recente entrevista concedida a La Voz de Galicia, que lle consultou á máxima dirixente deste departamento do goberno galego. Declaracións que chegan en vésperas electorais, cando se cumpren 5 anos, 9 meses e 15 días do nacemento da reclamación veciñal a prol desta medida definitiva de protección e desenvolvemento da contorna; media década durante a que o seu goberno fixo exactamente o contrario, exercer de barreira de contención a unha iniciativa que tumbou -grazas á súa maioría parlamentaria- ata en catro ocasións distintas.

Se ben a dirixente matizou que esta medida «debe contar co aval científico, técnico e social», este aval está máis que demostrado coa propia documentación que lle entregamos á directora xeral na reunión mantida o pasado mes de xuño, na que puido contrastar o moi maioritario seguemento social da iniciativa (a única enquisa sobre este asunto, elaborada en 2014 polo Instituto Sondaxe, constatou que o 73,3% da sociedade está a favor ou moi a favor da iniciativa; ademais, tamén a secundaron 212 entidades de todo tipo, sen que unha soa se destacase en contra. Pola parte científica, cabe destacar a trintena de académicos asinantes da iniciativa, ademais das distintas entidades neste eido que xa de adheriron formalmente, destacando a Universidade da Coruña. E pola parte técnica, existe un informe encargado polos anteriores mandatarios do mesmo departamento no cal non desbota a proposta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural e ademais enténdea xustificada.

Polo tanto, e como vimos dicindo durante anos, o único obstáculo que segue habendo á proclamación do Monte Pindo como Parque Natural foi e é a negativa da Xunta, que agora e con estas declaracións tamén queda en entredito. Desde a entidade veciñal volvemos a pedir que se estime a nosa iniciativa e se publique no Diario Oficial de Galicia, antes de rematar a actual lexislatura, o decreto polo cal se declare o Monte Pindo como Parque Natural. É de xustiza histórica.