A Asociación Monte Pindo Parque Natural comprácese de presentar hoxe a primeira fornada da reprodución dunha vasilla campaniforme feita a partir dos fragmentos de cerámica atopados nunha cova do macizo granítico, datadas en 6.000 anos antes da actualidade; isto significa nada máis e nada menos que a vasilla orixinal foi deixada nesta cova por algún habitante do Monte Pindo no Neolítico.
A reprodución arqueolóxica é posíbel grazas ao bo facer do ceramista Manuel Miranda, quen nos fixo entrega dunha primeira remesa de réplicas que o colectivo comezará a servir nas próximas datas ás persoas interesadas que participaron na reserva previa na nosa tenda online tenda.montepindo.gal.
A entidade veciñal recoñece o excelente traballo do artesán e tamén do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, que fixeron posíbel esta iniciativa, e valora xa repetir a experiencia con outras pezas cerámicas aparecidas no Olimpo Celta, coma a xerra medieval depositada no Museo do Pobo Galego.