25/05/16

Unha delegación do Monte Pindo volve á Consellería o 3 de xuño


Despois de 9 meses agardando, por fin o Olimpo Celta volve a ter un lugar na axenda da Xunta. Será o vindeiro venres, 3 de xuño, a partir das 13:00 horas, no edificio da Consellería en San Caetano (Compostela), segun nos confirmaron esta mesma mañá fontes da conselleira.

Solicitude de reunión
Malia que a xuntanza se solicitou o pasado 5 de outubro de 2015 coas -daquela- recén nomeadas conselleiras de medio ambiente, Beatriz Mato Otero, e de medio rural, Ánxeles Vázquez Mejuto, por tratar temas transversais de ambas áreas, finalmente por parte da Xunta só está confirmada a asistencia da directora xeral de conservación da natureza, Ana María Díaz López.

A reivindicación veciñal estará representada por Xilberto Caamaño Beiro e Mario Maceiras Dosil, presidente e secretario, respectivamente, da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Representando aos titulares do Monte Pindo asistirán Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota, e Xoán Lestón González, representante da CMVMC Caldebarcos - San Cibrán. Por último, en nome do mundo académico, asistirán en respaldo da proposta Manuela Costa Casais, profesora de xeografía da USC, Javier Amigo Vázquez, profesor de botánica da USC, e Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.

Esta nutrida e variada delegación tentará sondear a sensibilidade ambiental das novas persoas a cargo destas áreas para lograr que a Xunta se aveña finalmente a revertir a situación de parálise administrativa que mantén no Monte Pindo, e moi nomeadamente que acepte iniciar a tramitación da declaración do Parque Natural, unha medida que sen supoñer ningunha restricción que non exista xa, si vai traer as tan necesarias medidas de posta en valor, protección e desenvolvemento sostible do entorno; un posicionamento a favor da Xunta suporía o éxito dunha iniciativa que tras 5 anos subscita un nivel de apoio social incontestable.

Por outra parte, a comitiva buscará recuperar as canles de diálogo e conseguir o levantamento do veto que a Xunta ten imposto sobre todas as iniciativas de repoboación da nosa entidade baixo a ameaza de sancións, unha medida sen precedentes que xa se prolonga durante dous anos e medio, demasiado tempo perdido.