09/05/16

Monte Pindo homenaxea as súas socias máis noviñas e crea a Biblioteca do Monte Pindo

Esta fin de semana tivo lugar a primeira xuntanza da nova Comisión Rectora da Asociaciòn Monte Pindo Parque Natural despois da pasada Asemblea Xeral Extraordinaria, que se converteu nun acto moi emotivo ao homenaxear a Helena e Julia, socias nº 145 e 146, as pequerrechiñas da nosa entidade xunto con Carlota, quen non puido participar nos actos. A directiva do colectivo ambientalista deulles cadanseu carné de socia, camiseta e un puzzle do Xigante para divertirse mentras coñecen un elemento tan simbólico do Monte Pindo. No mesmo acto tamén se entregaron os agasallos aos gañadores do sorteo polo 5º aniversario da Asociación.

A xuntanza serviu para actualizar as metas e obxectivos da Asociación e definir a súa axenda de actividades nos vindeiros meses, que consistirá en dúas subidas ao Monte Pindo este mesmo mes, dous roteiros de limpeza e recuperación de rutas e a 6ª edición do Simposium Monte Pindo, que se vai dedicar este ano á restauración da memoria histórica dos fuxidos no Monte Pindo durante a Guerra Civil.

Nace a Biblioteca do Monte Pindo
Asi mesmo, a Comisión Rectora de Monte Pindo Parque Natural determinou a creación da Biblioteca do Monte Pindo, unha colección de obras bibliográficas e audiovisuais dedicadas total ou parcialmente ao Olimpo Celta, incluíndo unha serie de obras descatalogadas desde hai décadas e moi difíciles de atopar xa, coma as primeiras edicións orixinais do Montes do Pindo de Barreiro Barral, gran obra de referencia sobre o macizo, o Galicia Incógnita de Pedro Marfany, a Guía de Galicia de Otero Pedrayo no que bautizou o Monte Pindo coma Olimpo Celta, ou o Antigüidades de Galicia escrito en 1845 por Barros Silvelo, e grazas ao que puidemos recuperar o Medallón das Sete Pitas. Todas estas obras e outras que iremos reunindo estarán á disposición do público xeral para a súa consulta nunha sala de estudo dedicada do noso local, e dispoñíbeis para o préstamo no caso das persoas asociadas.