20/05/16

Monte Pindo dótase de comisións de traballo abertas á participación de toda a sociedade

A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de decidir poñer en marcha cinco novas comisións de traballo desde as que de agora en adiante organizará toda a súa actividade, en base ao acordado na última xuntanza da Comisión Rectora da entidade, e en aplicación do artigo 17 dos Estatutos

Mediante esta nova estrutura interna a organización veciñal aspira non só a ser máis útil para a sociedade e eficaz e áxil no seu funcionamento interno, senón tamén posibilitar que este sexa máis dinámico, horizontal e democrático, aberto á participación activa de toda a súa base social -sen limites- nas distintas liñas de traballo das que ata agora se ocupaba a Comisión Rectora, aproveitando as importantes sinerxias que a nosa asociación ten creado con amplas capas da sociedade, asi coma con outras entidades e institucións, nos seus cinco anos e medio de existencia. Deste xeito, para poder participar nunha comisión nin sequera é necesario asociarse, senón só manifestar o interese dun ou dunha na mesma.

A entidade veciñal agarda deste xeito evitar que toda a carga de traballo que se ve obrigada a asumir a nosa entidade polo absoluto desinterese da Xunta neste espazo, siga recaendo case en exclusiva nos 15 membros da Comisión Rectora e que asi moitas máis persoas poidan comprometerse coa protección do Olimpo Celta e involucrarse activamente na solución das problemáticas que atinxen ao Monte Pindo e na posta en valor deste espazo natural único no mundo, para beneficiar asi a toda a veciñanza da bisbarra.

As cinco comisións teñen en común que funcionarán autonomamente, e que todas terán unha portavocía representada na Comisión Rectora. Son as que seguen:

Comisión de Medio Ambiente
Ocuparase de:
  • Estudo e divulgación da biodiversidade presente no Monte Pindo
  • Identificación de ameazas a especies protexidas
  • Iniciativas e actividades de conservación dos hábitats e ecosistemas naturais e a recuperación daqueles espazos degradados pola man do home
  • Medidas de protección contra os incendios
  • Erradicación de especies invasoras
  • Xestión e mantemento do Catálogo de Especies do Monte Pindo
  • Concreción das medidas de protección globais e específicas a adoptar no espazo natural: Parque Natural, espazo natural de interese local, xeoparque, reservas naturais, etc...

Comisión de Patrimonio Material
Ocuparase de:
  • Estudo e divulgación da xeoloxía do Monte Pindo, identificación de ameazas e medidas de protección necesarias
  • Localización de xacementos arqueolóxicos, identificación de ameazas e medidas de protección necesarias
  • Identificación, recuperación, conservación e sinalización dos sendeiros tradicionais
  • Localización e catalogación das covas, identificación de ameazas e medidas de protección necesarias
  • Xestión e mantemento do Catálogo de Patrimonio Material do Monte Pindo
  • Pular pola creación dun centro visitábel na zona no que se depositen os distintos materiais arqueolóxicos aparecidos na contorna
  • Elaboración dun catálogo de roteiros GPS do entorno
Comisión de Patrimonio Inmaterial
Ocuparase de:
  • Investigación e divulgación da Historia do Monte Pindo e do entorno local e comarcal
  • Recuperación da tradición oral do entorno: lendas, contos, historias, etc...
  • Recuperación da toponimia e microtoponimia tradicional
  • Dotación de libros á Biblioteca do Monte Pindo
Comisión de Comunicación
Ocuparase de:
  • Deseño da estratexia da asociación
  • Relacións coa base social da Asociación
  • Relacións coa sociedade local e cos movementos veciñais
  • Relacións cos movementos sociais e causas afíns
  • Relacións coas institucións
  • Xestión e mantemento dos espazos web da Asociación
  • Xestión e mantemento do correo electrónico da Asociación
  • Xestión e mantemento das redes sociais da Asociación (Facebook, Twitter, Instagram, LinkedIn, Youtube...)
  • Relacións cos medios de comunicación
Comisión de Organización
Ocuparase de:
  • Loxística e intendencia do local
  • Elaboración do inventario da asociación
  • Seguemento das finanzas e do cobro de cotas
  • Xestión do almacén de material da Asociación
  • Xestión de pedidos da tenda virtual da Asociación
  • Xestión dos préstamos da Biblioteca do Monte Pindo
  • Calendario de limpeza do local da Asociación
Para participar nunha ou varias comisións, basta con indicalo enviando un correo electrónico a info@montepindo.org.