31/03/16

Monte Pindo renova o sábado a directiva e afronta o seu futuro co ollar posto nun cambio na Xunta

A Comisión Rectora saínte (CC)
O conxunto das persoas afiliadas á Asociación Monte Pindo Parque Natural está convocada este sábado 2 de abril á unha Asemblea Xeral Extraordinaria crucial para o futuro da entidade. A cita terá lugar ás 17:00 horas no Salón de Actos do Concello de Carnota.

Esta Asemblea servirá para escoller os novos membros que integrarán a nova Comisión Rectora, máximo organismo de decisión da entidade veciñal carnotá, que ademais se proporá ampliar de 10 a 15 membros. Rematou esta tarde o prazo de presentación de candidaturas coa presentación dunha soa lista conformada por 17 persoas, das cales só 6 aspiran a repetir á fronte da entidade, o que supón unha renovación do 60%. Asi, a entidade busca recoñecer e dar entrada na súa dirección a un grupo de persoas que nos últimos anos estiveron moi activas nas cuestións que ocupan ao Olimpo Celta, sen ser da Comisión Rectora ou nin sequera socias.

Na Asemblea ollaremos atrás para debater o Informe de Xestión 2013-2015, un período que estivo moi marcado polo catastrófico incendio de setembro de 2013 no que Monte Pindo Parque Natural tivo que asumir un inusitado protagonismo público, e que centrou máis dun ano da nosa traxectoria. No acto tamén se valorará o Informe de Finanzas 2013-2015 e importantes modificacións estatutarias, coma a ampliación da Asociación do ámbito local ao ámbito galego, máis acorde coa nosa dimensión, ou o traslado do noso domicilio social á Casa da Mestrana antiga escola unitaria do Pindo (Carnota). O local foi cedido desinteresadamente polo Concello de Carnota e estámolo acondicionado para local social da nosa entidade desde hai meses.

Apoio social á declaración do Parque Natural (Fonte)
Finalmente, a afiliación do Monte Pindo deberá trazar o seu futuro inmediato, coa confianza de que as vindeiras eleccións autonómicas que se prevén este mesmo ano resultarán nun cambio na correlación de forzas políticas no goberno galego, e poder rematar asi coa cerril negativa política do PP a sumarse á declaración do Monte Pindo como Parque Natural, iniciativa que vetou ata 4 veces no Parlamento (1, 2, 3 e 4), malia que a única estadística sobre este asunto (Instituto Sondaxe, 2014) reflicte que preto do 75% da poboación signifícase a favor ou moi a favor da idea, por tan só un 2,2% que di estar en contra. No mesmo sentido, a proposta rexistrou xa 181 adhesións de entidades de todo tipo, por só unha (o propio Partido Popular) que se postulou publicamente en contra. A saída do goberno galego do único axente social que impide o éxito da nosa proposta, só pode significar que no espazo duns meses o Monte Pindo se convirta, por fin, no 1º Parque Natural da Costa da Morte.

17/03/16

Grazas por estar 5 anos ao noso lado!

Para concluír a conmemoración do 5º aniversario da nosa loita (2010-2015), queremos agradecerche que nos acompañases durante todo este tempo nas duras e as maduras mediante un sorteo entre os seguidores e seguidoras das nosas redes sociais de 5 lotes de material da Asociación con 5 agasallos cada un: un libro, unha camiseta, un cedé, unha pulseira e un broche.


Para participar só tes que darlle a gústame en Facebook, facer RT en Twitter, recomendar en LinkedIn, darlle a ❤ en Instagram, ou facer +1 en Google+. O sorteo terá lugar o vindeiro 14 de abril, data do 4º aniversario da primeira Manifestación polo Parque Natural do Monte Pindo.

Graciñas a todas e cada unha das miles de persoas que durante un longo lustro seguistes apoiando e alentando unha loita que só pode ter un final: a declaración do Monte Pindo como Parque Natural!

04/03/16

A falta de mantemento das tubaxes de Ferroatlántica ameaza as visitas á Fervenza

Nas últimas datas de choivas producíronse na parte baixa da bacia do río Xallas, xa logo do seu celebérrimo salto ao mar, unhas fortísimas escorrentías que causan un grave risco xeolóxico que afecta a zona de visitas na que conflúen cada ano centos de miles de visitantes para contemplar este magnánime espectáculo da natureza. Logo de seren analisadas por expertos, a conclusión é que as escorrentías non se deben a causas naturais senón que son provocadas por Ferroatlántica debido ao pésimo estado de conservación das tubaxes polas que a empresa conduce a auga que lle substrae ao río para producir enerxía, e cuxas numerosas fugas e deficiencias provocan en época de choivas auténticas riadas que comprometen a seguridade na zona, danando a pasarela pública que permite achegarse ao enclave e a provocando un risco xeolóxico grave de desprendementos de rochas que calquera día poden causar unha auténtica desgraza ás persoas que visitan o enclave, e que son por completo alleas ao perigo real que pende sobre as súas cabezas.

As tuberías brancas que conducen a auga con destino á producción hidroeléctrica por Ferroatlántica foron polémicas desde o mesmo momento da súa instalación, pois durante a mesma non se tivo en conta o impacto medioambiental e visual dunhas infraestructuras que transformaron unha paisaxe natural única dun incalculábel valor medioambiental e turístico nunha paisaxe industrial. Tradicionalmente circularon propostas para cando menos disimular os tubos, pintándoas dunha cor máis acorde co entorno ou cubríndoas cunha cuberta vexetal. Sen embargo a empresa nunca tivo en conta estas peticións a pesar da súa facturación multimillonaria.

Aspecto que ofrecía antigamente a Fervenza
Asi, volvemos comprobar como en pleno século XXI unha empresa parece ter carta blanca para facer o que lle da a gaña co noso medioambiente, destruir o patrimonio público, secar o río cando lle interesa poñendo horario de apertura a un fenómeno natural único en Europa, e incluso por en risco innecesariamente ás persoas que tentan disfrutar da nosa natureza.

Urxe tomar medidas
A Asociación Monte Pindo Parque Natural urxe á empresa Ferroatlántica a poñerse a traballar de inmediato para subsanar estas cuestións, con cando menos cinco medidas necesarias:
  • Reparación das fugas das tuberías e reforzo do seu mantemento para que non se repitan no futuro.
  • Avaliación do risco de desprendementos de rochas na ladeira e instalación de mallas tensionadas de protección nos tramos con perigo inminente.
  • Reparación dos danos provocados á pasarela da fervenza e ao patrimonio da zona.
  • Nova sinalización advertindo do perigo de avalanchas e escorrentías no Ézaro en época de choivas abondosas.
  • Posta en marcha dun plan de redución do impacto visual e paisaxístico das tuberías.
Nin o bo facer dun profesional pode disimular os tubos. Autor.
Desde logo con parte dos pingües beneficios da actividade que Ferroatlántica desenvolve no lugar son máis que suficientes non só para facerse cargo dos danos senón para financiar todas estas actuacións que sen dúbida mellorarían non só a calidade medioambiental do entorno do coaduiro do Xallas senón tamén o potencial de desenvolvemento turístico e socioeconómico de Carnota e Dumbría principalmente; un custe mínimo que a empresa debería estar disposta a pagar á veciñanza en compensación por que lle presten un dos seus recursos turísticos máis valiosos para a produción de enerxía.

Vidal Romaní denunciou a situación en España Directo
O xeólogo e colaborador de referencia da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Xoán Ramón Vidal Romaní, expuxo a situación no programa "España Directo" da televisión pública estatal a partir do minuto 7:30 de programa.