|
Cartel do IV Simposium Monte Pindo |
A Asociación Monte Pindo Parque Natural confía en que o
IV Simposium Monte Pindo que se celebrará este sábado 12 desde as 11:00h no Pósito do Pindo, servirá para despexar definitivamente as dúbidas e prexuízos que parte da veciñanza aínda poida ter sobre o Parque Natural.
Cinco anos despois
as enquisas amosan un apoio social practicamente unánime e segue sen alzarse unha soa voz autorizada en contra desta medida que
xa conta co respaldo de 181 entidades de todo tipo;
de feito a negativa limítase exclusivamente ao PP, quen ademais de tumbala ata catro veces no Parlamento Galego orquestou durante anos unha campaña difamatoria na localidade sobre os propios Parques Naturais e as propostas e motivacións da nosa entidade veciñal, campaña que aínda ten o seu pouso entre parte da veciñanza que segue a ver con receo e prexuízos unha iniciativa que só pretendeu desde o seu inicio o progreso do núcleo do Pindo, do municipio de Carnota e de todo o seu entorno da Costa da Morte.
Precisamente neste sentido iniciativas coma o Simposium Monte Pindo, que se celebra por cuarta ocasión despois de visitar en edicións anteriores as localidades de Carnota, Caldebarcos e Lira, forma parte do inxente esforzo por socializar e debatir as propostas do colectivo de defensa do Monte Pindo para informar sen intermediarios á veciñanza das súas propostas, e desmontar as mentiras e manipulacións que determinadas persoas politicamente interesadas no fracaso da iniciativa veciñal puxeron a circular sobre este asunto.
Neste aspecto a entidade veciñal Monte Pindo agarda que o Simposium servirá para desmontar definitivamente mitos coma que o Parque Natural suporá limitacións adicionais á veciñanza (cando polo nivel de protección actual xa lle aplican todas as limitacións posibles, pero sen os beneficios dun Parque Natural) e tamén vai demostrar que esa proposta non pretende pechar ningunha porta senón abrir todas as das múltiples oportunidades económicas e de emprego que pode supoñer para a veciñanza, e non só as directas derivadas da xestión dun Parque Natural, senón as indirectas para a hostalería derivadas do exponencial incremento que se prevé nas visitas, ou das posibilidades de que calquera veciño poida dedicarse ao aproveitamento dos seus valores xeolóxicos, forestais, silvícolas, apícolas, e mesmo para a práctica do deporte e o lecer na natureza.
Para iso contaremos cun nutrido elenco de expertos, destacando unha forte presenza de persoas naturais do municipio e do entorno, entre os que podemos destacar, aparte dos directivos da Asociación
Merche Díaz Mayán e
Xilberto Caamaño Beiro que presentarán e explicarán a traxectoria da mesma, á profesora de xeografía tamén natural do Pindo,
Manuela Costa Casais, que falará sobre como se pode xestionar o inmenso valor xeomorfolóxico da zona, o veciño do Ézaro e enxeñeiro de montes
Jorge Pérez González para explicar o seu potencial forestal e madeireiro, ou os irmáns
Belén e César Pérez Martínez de Cee, enxeñeira técnica agrícola e veterninario respectivamente, que explicarán o potencial que ten o Olimpo Celta a nivel silvícola e agrogandeiro. Porén, unha das ponencias clave da xornada será sen dúbida a intervención de
Luis Costa Pérez, pois coma funcionario da Consellería de Medio Ambiente e Director e Conservador do Parque Natural das Fragas do Eume entre 2006 e 2012 coñece mellor que ninguén os entresixos da xestión dun Parque Natural e as oportunidades directas que suporá a nivel de xeración directa de emprego.
Por suposto, outro dos momentos máis agardados será o
debate aberto de rigor onde calquera asistente pode plantexar as súas dúbidas, suxerencias e críticas á Asociación ou a calquera dos poñentes, e que nos últimos actos da entidade veciñal serviu para sumar moitísimos novos apoios a esta reivindicación histórica da veciñanza de Carnota, pois seguimos cinco anos despois sen escoitar nin un só argumento irrebatible que desaconselle a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. Moderará este debate o secretario da entidade,
Mario Maceiras Dosil, natural de Lira.
Coa despedida por parte do alcalde de Carnota
Ramón Noceda Caamaño, activo defensor desta proposta veciñal desde o seu retorno á política en 2011, daremos por clausurada unha xornada que agardamos sirvan para reforzar os cimentos de un proxecto veciñal que seguimos a construir entre todas e todos os que teñamos amor polo pobo e queiramos deixar aos nosos descendentes un Monte Pindo máis coidado, protexido, bonito e desenvolvido para o ben de veciñanza e visitantes.
Só cabe lembrar que a participación nesta actividade é totalmente aberta, libre e gratuita.
Cuña de radio