O Pindo, 17 de outubro de 2010: Unha docena de veciños e veciñas preocupados polo estado de abandono do Olimpo Celta reúnense na casa dunha delas no Pindo, onde determinan crear a Asociación Monte Pindo Parque Natural para pedir que a Xunta reconsiderara a súa negativa inicial á
iniciativa dunha vintena de académicos das 3 universidades galegas. 5 anos despois, aquela idea converteuse nun movemento social referencial para milleiros de galegos e galegas e arquicoñecido a nivel galego e mesmo estatal,
as maiores vilas e cidades do País ilumínanse de verde en apoio dun Olimpo Celta que
é xa o 3º espazo natural máis coñecido e valorado da provincia da Coruña, e case 200 entidades e un masivo 73,3% da sociedade que apoian a idea de declaralo Parque Natural. Hoxe xa só falta por convencer á nova Conselleira.
|
José Rodríguez Ramos |
Todo isto había que celebralo dalgunha maneira. E non podía facerse mellor que o día do noso 5º aniversario, subindo ao Olimpo Celta da man de quen mellor o coñece: o señor
José Rodríguez Ramos, Pepe do Fieiro para quen o queremos e admiramos, foi o noso excepcional guía nesta aventura. E aos seus case 82 anos fíxoo cun espíritu propio dun rapaz de 20, brincando entre as pedras como as cabras que durante décadas pastoreou no Monte Pindo, e que o conduciron a coñecer os secretos de cada recuncho, o nome de cada pedra, cada historia e lenda, e en definitiva, converténdoo na auténtica Enciclopedia vivinte sobre o Olimpo Celta, pois ao seu lado cada paso por este monte sagrado agocha o agasallo dunha historia, unha memoria, unha chiscadela.
Con Pepe e ducias de persoas máis alcanzamos o gran Xigante pétreo que millóns de anos despois segue no Chan de Lourenzo vixiando a subida á Laxe da Moa desde o Pindo. Baixo a súa atenta mirada, percorremos a historia da Mina de Wolfram, a verdadeira historia do Castelo de San Xurxo onde a Raiña Lupa está soterrada co seu amante e o seu incalculable tesouro, as murallas do Castelo da Moa nas que tamén está enterrada a mesma raíña, a xerra medieval que o propio
padre de Pepe atopou agochada nunha rocha, a Cova da Xoana onde as meigas da nosa comarca celebraban en San Xoán o seu famoso aquelarre, e tantas outras lendas e historias que os participantes foron capturando atentamente nos beizos dun home que -tamén- xa é lenda.
Ao volver, a iso das 19:00h, no Pindo agardaba aos asistentes que aínda tiñan forzas un extenso programa de actividades para conmemorar a onomástica de Monte Pindo Parque Natural, e que arrincaron cun breve saúdo do alcalde de Carnota
Ramón Noceda, para expresar o seu apoio e ánimo para seguir adiante cunha loita que só pode acabar nunha vitoria.
Xil Caamaño, veciño do Pindo e presidente da Asociación desde a fundación, presentou o acto chamando a unirse para lograr o mellor para o noso Monte e logo o secretario
Mario Maceiras debullou os 5 anos da súa existencia, destacando que se ben o obxectivo fundacional non se puido acadar aínda, atravesáronse ducias de metas intermedias coas que nunca teríamos sequera contado, poñendo o Monte Pindo en boca de todas e todos.
A continuación o recital poético presentado pola nosa tesoureira e veciña do Pindo
Merche Díaz encheu o acto de
Versos no Olimpo, caldeando unha noite que se presentou fría e chuviosa. Varios autores das pezas publicadas na antoloxía poética do Monte Pindo leron as súas composicións, xunto con espontáneos e outros que quixeron presentar poemas inéditos de colleita propia.
|
Homenaxe a Pepe do Fieiro, quen se amosou emocionado |
O momento máis emotivo e agardado foi a homenaxe popular a
Pepe do Fieiro, último cabreiro vivo do Monte Pindo, a quen o propio presidente da Asociación presentou cunha biografía digna da súa persoa "
que merece non unha senón moitas homenaxes", rematando por entregarlle un exemplar do Medallón das Sete Pitas, unha magnífica peza de arqueoloxía desaparecida que a nosa Asociación reproduciu. Pepe, que é unha caixa de sorpresas, ademais de agradecer a Asociación e veciñanza esta homenaxe que modestamente asegurou non merecer, sacou do peto unhas poesías e textos de colleita propia e, tras pedir educadamente permiso, dedicou á audiencia deixándonos, se cabe, coa boca un pouco máis aberta pola súa memoria e paixón polo noso.
|
Pedro Sestayo |
Antes da cea o veciño do Pindo
Pedro Sestayo Riveiro, que ademais dun excelente profesional é un gran colaborador da nosa Asociación, ofreceu unha degustación de cócteis:
mojitos de sabores,
gin tonics por cortesía de
Gin Sea... e por suposto non podía faltar o seu famoso "
Pindo, mar e monte", unha sofisticada preparación que lle serviu a Pedro para converterse no
mellor cocteleiro de Galicia o ano pasado. 5 persoas que naceron, ao igual que a nosa Asociación, no mes de outubro, foron os afortunados que puideron degustar esta delicia irrepetible.
|
Imaxe do convivio |
Despois da espectacular
Cea popular servida pola
Polbeira Porta da Estrada, que adoita colaborar con nós nestes eventos, o noso gran druída queimador
César Cambeiro foi o encargado de preparar un inesquecible
Conxuro da Queimada, que lle serviu para esconxurar as meigas que nos impiden lograr o noso obxectivo de lograr a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural.
Agardamos que o meigallo de César nos sirva para que o Parque Natural do Monte Pindo chegue por fin e sen obstáculos, cousa que agardamos aconteza pronto pois
esta mesma semana o gabinete da Xunta acaba de informarnos que axiña nos recibirán nunha reunión as novas Conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Medio Rural, Ánxeles Vázquez. Asi parece confirmado que o colectivo de loita polo Monte Pindo volverá a San Caetano, de novo, coas faltriqueiras cargadas de razóns e de argumentos para que a Xunta tome dunha vez a decisión de acabar co abandono do Monte Pindo, para protexelo e desenvolvelo coma un espazo natural tan emblemático se merece, e como a veciñanza nos merecemos.
Se finalmente aceptan, na Asociación Monte Pindo Parque Natural atoparán unha aliada. Porque 5 anos perdidos xa son demasiados, incluso para un monte sacro de 350 millóns de anos.