De entre os grandes valedores do Olimpo Celta, o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní foi sempre un dos máis entusiastas e comprometidos coa protección deste espazo natural, desde unha perspectiva fortemente enraizada coas pedras deste macizo granítico carnotán.
Vidal Romaní acaba de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias, acto solemne no que tivo a honra de estar presente a directiva da nosa entidade e que saldaba unha débeda histórica con esta disciplina do coñecemento, vén de conceder unha ampla entrevista a El Correo Gallego na que fai gala do seu gran humor e enxeño, mais tamén da súa confianza no pronto avanzo do nivel de protección do Monte Pindo, ao que mesmo se atreve a sinalarlle data.
O tamén director do IUX Parga Pondal (UDC) ironiza na entrevista con que o espazo leva aí 350 millóns de anos "sen que se tiveran que gastar cartos", con só evitar que se destrúa con canteiras e minas ou se cubra con cascallos. E, inquirido polo medio sobre as posibilidades de velo declarado xeoparque, non dubida á hora de dicir que xa o sería se os responsables autonómicos foran xuizosos (sic), e que ademais non lles ocasionaría gastos. Por iso, confía que a arelada protección do espazo chegue en breve e mesmo atrévese a prognosticar que isto podería acontecer o próximo ano.
Romaní salienta que a xente ignora o valor da historia dos 1.160 millóns de anos que se acumulan debaixo dos nosos pes, e defende que o Monte Pindo xunto con outros lugares do País coma O Courel, Serra do Xurés, Manzaneda, Cañóns do Sil... conforman un patrimonio xeolóxico suficiente para desenvolver unha nova modalidade de turismo xeolóxico na nosa comunidade. Só hai que lembrar que o propio profesor dirixiu hai poucos anos a tese doutoral Génesis de cavidades graníticas en ambientes endógenos y exógenos (Juan Antonio Mayor Rodríguez,. 2011) na que se defende que o Monte Pindo é un dos sitios xeoloxicamente máis interesantes do mundio, ao nivel dos arquicoñecidos Yosemite, Castle Rock, ou Kangaroo Island en Australia.
Agardemos que os prognósticos do catedrático non anden moi desencamiñados, aínda que temos as nosas serias dúbidas sobre o carácter xuizoso que se lle presupón aos nosos responsables autonómicos.
▼
21/09/15
O Monte Pindo prepárase para celebrar un lustro de loita
O 17 de outubro de 2010, un grupo de veciños e veciñas de Carnota, fartos da situación de abandono absoluto que vían no Monte Pindo e, estimulados pola iniciativa que viñan de presentar unha vintena de científicos das 3 universidades galegas para declarar este macizo como Parque Natural, deciden constituirse nunha asociación para reivindicar ese obxectivo, conseguir apoios e investimentos no espazo natural e tamén divulgar e seguir investigando os seus valores.
Pois ben, o sábado 17 de outubro de 2015, en menos dun mes, cumpriranse 5 anos daquela Asemblea Fundacional, onde unha docena de bos e xenerosos comprometéronse a sacrificar boa parte do seu tempo e folgos por un ben común: lograr da Xunta a creación do primeiro Parque Natural da Costa da Morte, que por un lado garanta o futuro do Monte Pindo e por outro permita o seu aproveitamento para lograr unha mellor calidade de vida e desenvolvemento nun entorno socioeconómico deprimido. 5 anos despois as adhesións disparáronse, as enquisas ratifican que un amplísimo 73,3% da sociedade apoia a medida por só un 2,2% que a rexeita, e o mellor de todo, xa ninguén dubida que o Monte Pindo é un dos montes máis valiosos, importantes e recoñecidos da xeografía galega.
Por isto, queremos agradecer a quen dun ou outro xeito puxo un gran de area no agreste camiño que nos leva con paso lento pero seguro cara á consecución dos nosos obxectivos, rendendo homenaxe a todas e cada unha das persoas socias, veciñas, investigadoras e -en fin- amantes do Monte Pindo, reuníndonos todos e todas coa excusa do 5º aniversario dunha loita medioambiental que só pode considerarse xa patrimonio común de todo o pobo galego.
5 anos ben merecen un brindis! |
A Asociación Monte Pindo Parque Natural convida a esta festa a todas as persoas interesadas nun mellor porvir para o Olimpo Celta e a toda a bisbarra.
11/09/15
Cúmprense dous anos do incendio que devastou o Monte Pindo, e a Xunta cerca o espazo natural con viraventos e minicentrais
Desolación dun operario ante o lume de 2013 |
Incendio de 2013 (NASA) |
A Xunta retoma o proxecto dun parque eólico 4 anos despois de que negara a súa existencia
En marzo de 2011 ADEGA e a Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncian públicamente que se estaban a tramitar a ampliación dos parques eólicos inmediatos ao Monte Pindo, unha nova agresión a este espazo natural e a súa área de influencia. Trátanse de varios parques eólicos cuxa concesión sen concurso tivera lugar nos estertores da era Fraga, arredor de 2005, e que logo de anos esquecidos, cando a sociedade comeza a demandar a declaración do Parque Natural, no 2011 volve á carga no seu intento de levalos adiante con permiso de Feijóo.
Marisol Piñeiro (PP) negaba asi a LVG os parques eólicos |
Proxecto do novo parque |
Un directivo de Monte Pindo Parque Natural estivo esta mañá en dependencias da Consellería consultando o proxecto, que é moi real e resulta ser o mesmo presentado en 2010, inzado de alegacións. O proxecto está á espera dos informes técnicos e do Estudo de Impacto Ambiental, mais cabe pouca dúbida do interese da Xunta en que se aprobe pola porta de atrás e canto antes.
Por iso non queren Parque Natural? A quen tenta enganar a Xunta? De verdade pensaba que no-la ían colar?
As máquinas arrasan a devesa de Anllares
Asi está hoxe o antigo bosque virxe de Anllares |
07/09/15
Polo retorno da vaca de Fisterra!
O Monte Pindo une a súa voz aos que reclaman que volva bruar a emblemática bocina do Faro de Fisterra tras 16 anos en silencio
Se non medrastes na Costa da Morte, seguramente non entendas o significado que para a xente de toda unha comarca ten o lonxano bruar da Vaca de Fisterra, apelativo cariñoso que se xeralizou na nosa bisbarra para denominar as bocinas do Faro de Fisterra, que desde 1889 se activaron ininterrumpidamente nos días de borraxeira para alertar -coa axuda do tamén mítico cono de luz destelleante- aos mariñeiros dos perigos inminentes que arreciaban contra os cantís dos nerios e supertamáricos. O seu son, grave e longuísimo, meteuse desde entón no imaxinario colectivo, fíxose lenda e poesía e mistificou o bruar procedente de alén do telón de néboa, rebotando entre os agrestes penedos do Monte Pindo, e en definitiva, confeccionando a conciencia colectiva de toda unha comarca salpicada desde tempos inmemoriais, precisamente, polo destino tráxico que agardaba ao mariñeiro incauto na rompente das ondas.
En 1996, tras 110 anos de vida e sen avisarnos, a vaca calou, silenciada polos avanzos tecnolóxicos de a bordo, e despois de que a Asociación Internacional de Sinalización Marítima recomendara métodos máis eficaces e modernos. Asi, ao saber que non era xa máis necesaria para orientar proas, permaneceu en silencio por primeira vez o último sinal sonoro de Europa, mais tamén desapareceu un símbolo da Costa da Morte.
O 19 de setembro a demanda sae á rúa
16 anos despois, unha acción auspiciada polos escritores, poetas e embaixadores da Costa da Morte Francisco X. Fernández Naval "Chisco", Modesto Fraga ou Xosé Iglesias, coa colaboración do consistorio fisterrán, reclama que remate este silencio, e que a bocina -perdón- a vaca volva bruarnos entre a borraxeira, para seguir edificando a idiosincrasia dunha comarca, e recordándonos para sempre onde está ela, e sobre todo quen somos nós. O 19 de setembro escenificarán esta reivindicación camiñando desde a lonxa de Fisterra ata o Faro.
A vaca de Fisterra é Patrimonio Inmaterial da nosa comarca, e desde o Olimpo Celta sumamos a nosa voz para que volva bruar dunha vez.