26/08/15

Un estudo sobre aves e a visita dun grupo de escolares en 1972 elevan en 70 as especies presentes no Olimpo Celta

O Catálogo de Especies do Monte Pindo supera as 730 especies
Tal e como tiñamos anunciado, a Asociación Monte Pindo Parque Natural retomou recentemente os traballos do Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un ambicioso proxecto que busca compilar para un mellor coñecemento da biodiversidade neste espazo as especies naturais que nel existen, e que combina un traballo continuado de campo (con rexistro de avistamentos e fototrampeo) e tamén co estudo das fontes documentais e científicas que nos permiten a día de hoxe elevar ata 734 o reconto de especies naturais presentes no Olimpo.

Unhas 70 especies de aves aniñan no macizo carnotán
A bubela é unha das aves que aniñan no Monte Pindo
É precisamente neste último eido onde presentamos máis novidades, coa inclusión do Atlas de aves reproductoras de los LICs “Carnota e Monte Pindo” y “Monte e Lagoa de Louro", un profuso estudo sobre a presenza de aves na zona elaborado entre 2001 e 2002 polos investigadores Luis Enrique Rego Vale, Juan Domínguez Conde e María Vidal Malde. O informe, que non só detalla a presenza senón o lugar, a abundancia e mesmo se a especie cría ou está de paso, ubica no Monte Pindo un total de 80 aves, concluíndo que 70 das mesmas é seguro, probábel ou posíbel que críen no territorio do futuro Parque Natural.

Unha fermosa excursión escolar en 1972
Fotos da excursión publicadas en "O Pindo na memoria"

Asi mesmo, tivemos a oportunidade de coñecer a fantástica visita feita por un grupo de nenas e nenos do Instituto de Cee ao Monte Pindo en 1972, nunha excursión escolar por duración dunha semana acompañado polo profesorado do centro, que ben merecerían unha homenaxe por unha iniciativa que documentaron na obra titulada "O Pindo na memoria", editada por Manuel Quintáns Suárez e Alberto Rodríguez Rogina, que repasa non só a bioloxía senón a xeoloxía, a historia e as tradicións neste espazo natural mítico.

Un dos obxectivos daquela fermosísima experiencia foi documentar toda a vida natural que coñeceron ao longo desa -de seguro- intensa semana, que reflectiron no libro mediante a anotación dun total de 71 especimes, entre aves, mamíferos, anfibios, réptiles e plantas, das cales preto dunha trintena aínda non figuraban no noso Catálogo, o que demostra que á hora de coñecer o noso medio natural todos podemos ser moi útiles. Desde a entidade veciñal só podemos agradecer, 42 anos despois, a exemplar vocación demostrada polos docentes.

O fototrampeo da resultado
Vulpes vulpes
Outra das iniciativas para seguir ampliando o Catálogo de Especies, e nomeadamente no que implica aos escurridizos mamíferos, é o fototrampeo. Esta metodoloxía de inventariado xa ten dado interesantes froitos, pois opera mesmo de noite, cando este tipo de fauna é máis activa e confiada. Asi temos identificado varios raposos, unha garduña (Martes foina) e -curiosamente- un gato doméstico, non sabemos se aventureiro ou asilvestrado. Agardamos poder localizar pronto algún exemplar de gato bravo (Felis silvestris), pois hai testigos de avistamentos e mesmo atropelos na zona.



Por outra parte houbo que suprimir do Catálogo algunhas especies que foran ubicadas incorrectamente no macizo, coma o Malpolon monspessulanus, unha especie de cobra que non existe aquí, tal e como nos indicou un especialista recentemente.

24/08/15

Falece un home no Monte Pindo mentras practicaba barranquismo

O barranquismo fíxose habitual pola seca ilegal do río Xallas
A traxedia apodérase novamente no Monte Pindo por mor dun desgrazado accidente sufrido por Erich Moledo Troncoso, mozo de 33 anos natural de Bamio (Vilagarcía) no canón do Río Xallas, o maior cauce fluvial do Monte Pindo, mentras practicaba barranquismo por libre con tres amigos no treito do Xallas que transcorre encanonado entre o encoro de Santa Uxía e o Cadoiro, unha zona de altísimo valor ecolóxico, xeolóxico e paisaxístico moi famoso polas súas fondas pozas características.

Ao parecer ao fío das 12:50 horas da tarde de onte o experimentado deportista entraría en pánico ao borde dun cantil, desde o que se precipitou a unha poza na que xa non volveu emerxer, polo que puido morrer afogado pola forte acción de succión que exercen as cuncas, e que dificultou a localización do corpo a pesar da intervención de numerosos especialistas en rescates, que non puideron rescatar o cadáver ata case 24 horas máis tarde, aínda despois de pechar as comportas do encoro, río arriba.

Parte do equipo de rescate. Fonte: CRTVG
A práctica do barranquismo no canón do Xallas disparárase nos últimos anos grazas á seca ilegal do río causada durante anos pola empresa hidroeléctrica Ferroatlántica, ata que a Xustiza lle obrigou a respectar o caudal ecolóxico, un asunto que pode acarrar unha sanción multimillonaria a Ferroatlántica e o ingreso en prisión do alto cargo da Xunta de Fraga que o autorizou. En calquera caso, a obriga de respectar o caudal ecolóxico do río, malia supoñer unha parte simbólica do caudal real do río complicou moito a práctica destes deportes de aventura na zona, que na actualidade só atrae a expertos de alto nivel pola súa gran dificultade e indiscutíbel risco para a vida das persoas.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural lamenta o suceso e transmite o seu apoio a familiares e amizades do falecido nestes duros momentos, e que seguiremos traballando de cara a lograr un compromiso das administracións públicas, en especial da Xunta, para que o goce do Monte Pindo pola xente se faga cada día en condicións máis seguras e que este tipo de desgrazas non volvan repetirse.

Actualización, 24/08/15 ás 17:00h
Malia que nun principio nos fixemos eco da suposta recuperación do corpo de Erich Moledo na noite de onte, tal e como aseguraban varias fontes, o certo é que o corpo seguiu desaparecido no río Xallas ata arredor das 13:00 horas de hoxe, cando foi finalmente rescatado, Tamén publicamos que o mozo tiña 35 anos cando en realidade tiña 33.

Desculpamos o malentendido.

18/08/15

O clamoroso estado de abandono en que se atopa o Monte Pindo salta á prensa

La Voz de Galicia, martes 18 de agosto de 2015, páx. 4.
Hoxe o diario La Voz de Galicia chama a atención sobre a situación desesperada do Monte Pindo, cun artigo publicado na páxina 4 da sua edición nacional na cal denuncia que case dous anos despois do pavoroso incendio de setembro de 2013 que devastou o espazo natural protexido, as actuacións da Xunta na zona brillan pero pola súa ausencia, tal e como tamén denunciou o noso colectivo hai dous meses asi coma outras entidades. A dura cabeceira mesmo acusa literalmente ao executivo Feijóo de marxinar o macizo carnotán.

En efecto, no 2013 e coas cinzas do devastado Monte Pindo aínda fumegantes o propio secretario xeral de Medio Rural Tomás Fernández Couto tentara desautorizar as voces que clamaban por actuacións urxentes de reparación dos danos físicos á natureza e a vivendas, explotacións e propiedades particulares, e moi nomeadamente aquelas destinadas a conter as previsíbeis escorrentías (que remataron por chegar sen resistencia) e tamén e moi nomeadamente a conter a expansión do eucalipto, especie alóctona que antes do lume apenas inquedaba aos colectivos que traballamos pola biodiversidade deste espazo natural, e que por centos unimos a nosa voz en 2013 nun chamamento cidadán unitario contra o lume e a favor dun novo modelo de xestión forestal e rural, e que en San Caetano só atopou por resposta un silenzo máis doloroso incluso que mil lumes.

Asi conxuraba a Xunta as críticas tras o lume
Porén, este mesmo persoeiro, destacado defensor da eucaliptización do noso País por acreditar firmemente en que a única especie natural valiosa é aquela que cotiza no mercado, non casualmente sentenciara no mesmo medio de comunicación que o momento de acometer actuacións non era aquel senón na primavera de 2015, dando portazo non só as demandas de máis medidas de protección senón das actuacións concretas que se esixían. Como era previsible, ás portas de outono de 2015 da Xunta nada máis se soubo, a erosión á que se viu submetido o Monte Pindo tivo efectos devastadores deixando sen apenas substrato vexetal as zonas máis sensíbeis, e o eucalipto espallouse libre e programadamente atendendo os patróns previstos no seu día polos técnicos da nosa Asociación, enriba do lugar de Quilmas e moi nomeadamente no entorno de San Cibrán e Caldebarcos, colonizando masivamente o hábitat único en Galiza do carballo anano, e que a pesar de rebrotar con aparente boa saúde logo do lume, debe agora resistir a competencia dunha especie devastadora coma é o eucalipto.

En fin, todo parece responder a un programa do PP máis ou menos elaborado para que o abandono deliberado do Monte Pindo leve a un progresivo deterioro da súa biodiversidade que xustifique unha relaxación das medidas de protección e desenvolvemento que a sociedade reclama para este lugar, abrindo os espazos accesibles ao monocultivo do eucalipto e deixando á súa sorte o resto. Pode que esta escolla sexa rendible economicamente para a Xunta, que ten consorciada desde o franquismo a xestión do Monte Pindo, e a quen a venda de eucalipto lle reportará beneficios económicos nuns anos, mentras que as medidas que sociedade, axentes e científicos esixen conleva comprometerse e desenvolver programas de actuacións e investimentos.

Agora ben: pódese admitir que unha administración pública que ten a encomenda de xestionar un espazo natural protexido por normas internacionais o abandone á súa sorte? Que opina a Unión Europea que hai xa 15 anos desenvolveu a Rede Natura de que un dos espazos máis valiosos do noso País se xestione baixo esas premisas? Quedará impune que o Valedor do Pobo tivese que actuar con contundencia contra a Xunta por vulnerar en varias ocasións ata 5 leis galegas, españolas e europeas ao negarse a facilitar información oficial sobre o Monte Pindo?

Independentemente de se aceptan tramitar o Parque Natural, medida tan demandada por ser esta a única figura de protección que implica un compromiso legal e obrigatorio con investimentos e planos de actuación no espazo, e ao que a Xunta se negou ata en catro ocasións, moi ao seu pesar o Monte Pindo xa conta con protección internacional ZEC (Zona de Especial Conservación), LIC (Lugar de Interese Comunitario) e PIG (Punto de Interese Xeolóxico). A actitude do PP nesta zona desde o ano 2010 trasluce sospeitas non só de desleixo e neglixencia, senón de violar todos os preceptos legais na súa encomenda de xestionar este espazo natural, que literalmente se están cargando.

Que facer ante unha Xunta que en materia medioambiental ten optado abertamente por operar na ilegalidade? 
Cremos que é absolutamente necesario reforzar o consenso social sobre o cambio climático e por tanto a necesidade de conservar os nosos espazos naturais máis valiosos, e no que respecta ao Monte Pindo en particular, artellar novas vías de encontro entre o pobo, axentes sociais e institucións para que, dunha vez, remate a impunidade con que esta Xunta está a acabar non só co Monte Pindo, senón con boa parte dos espazos naturais protexidos do noso País. Neste eido, desde a entidade veciñal do Monte Pindo trataremos de desenvolver unha renovada rolda de contactos de cara a obter o compromiso de distintas institucións públicas (Concellos, Deputacións, Xunta...) coa declaración do Monte Pindo como Parque Natural coincidindo con que está a piques de cumprirse un lustro desta reivindicación, que ratifiquen e se sumen ás xa máis de 170 adhesións que xa obtivemos no tecido veciñal, cultural, asociativo, sindical, político e empresarial do noso País.