18/06/15

A Xustiza pide unha fianza multimillonaria a Ferroatlántica por secar o Xallas e ano e medio de cárcere para o cargo da Xunta que o autorizou

A Asociación Monte Pindo esixirá que os 8,5 millóns de euros se destinen integramente á recuperación ambiental do Xallas e do LIC Carnota-Monte Pindo en xeral

Parece que a barra libre con que contaba Ferroatlántica no río Xallas, arteria de vida do Monte Pindo, comeza a tocar fin. A década que a explotación hidroeléctrica mantivo practicamente seco o cauce fluvial máis importante do LIC Carnota - Monte Pindo, coa complicidade necesaria do Concello de Dumbría e a Xunta de Galicia, pode sairlle moi caro ao entramado empresarial de Villar Mir, despois de que o xulgado lle impuxera unha fianza de 8,5 millóns de euros, equivalente aos beneficios que a empresa xerou durante anos a conta de destruír ecoloxicamente esta cunca fluvial, que mantivo sempre a niveis mínimos (sen respectar sequera o caudal ecolóxico) e mesmo chegou a secar na súa totalidade durante aqueles tráxicos e polémicos días de novembro de 2007 que supuxeron unha mortandade masiva de fauna e flora, que ata agora non tivera consecuencias alén dunha miserábel indemnización a unha asociación de pescadores.

Fraga na inauguración da "fervenza programada"
A Xustiza parece que toma por fin en serio a gravidade da situación ecolóxica do rio Xallas e podería esixir, ademais de facer devolver os beneficios xerados por esta empresa a conta de destruir o medio ambiente dun dos accidentes xeográficos máis espectaculares e pintorescos de Europa, pide ano e medio de cárcere para o alto cargo da Xunta que o autorizou: Francisco Pan-Montojo, ex director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia (PP), responsábel último do permiso dado en 2001 para que a empresa puidera secar cando lle parecera o cauce, dando lugar a aquela infame inauguración da "fervenza con horario de apertura" por parte do defunto ex-presidente da Xunta Manuel Fraga. O Xulgado considera que esa decisión foi tomada con pleno coñecemento de súa ilegalidade e sen respectar as normas máis basicas de tramitación, polo que o acusa dun delicto contra o medio ambiente no que a empresa é partícipe a título lucrativo.

Mortandade masiva no río en 2007
No 2011 a empresa xa tivera que afrontar a súas responsabilidades pola súa actuación no machacado río Xallas, se ben só se saldara -previo acordo xudicial coa Fiscalía- nunha indemnización de 305.954 euros que deberon pagar respectivamente a Xunta (265.954 euros), á Federación Galega de Pesca e ao Salmo Club de Pesca Deportiva (20.000 euros a cada unha). Evidentemente estamos ante unha sanción completamente ridícula que non chega ao 3,6% dos beneficios que xerou Ferroatlántica nese tempo, se ben obrigaron á empresa a cando menos respectar o caudal ecolóxico, unha vitoria moi celebrada daquela polo conxunto da sociedade que recuperaban asi un patrimonio que lle fora arrebatado durante máis dunha década.

Asi era o Xallas en 1898
A Asociación Monte Pindo Parque Natural vai esixir que, se finalmente se confirma a sanción multimillonaria de 8,5 millóns de euros, o Tribunal obrigue a destinar a integridade do diñeiro a recuperar a cunca fluvial do Río Xallas e outros espazos naturais degradados no LIC Carnota - Monte Pindo, pois, se ben vai ser difícil ou imposíbel que se recupere o valor ecolóxico natural do río, faríase xustiza histórica con quen durante décadas utilizou impunemente en exclusivo beneficio propio un acontecemento único en Europa, patrimonio de toda a Costa da Morte e de todas as galegas e galegos.

16/06/15

Que foi da repoboación prometida pola Xunta no Monte Pindo esta primavera?

O mítico Penafiel, envolto en lapas en setembro de 2013
Xa murchan as dedaleiras, van secando os regatos e a ameaza estival do lume volverá a pender axiña sobre todo o monte galego, e moi nomeadamente nos espazos naturais senlleiros que seguen décadas despois sen ningunha medida de protección real, e as poucas que teñen reducidas a caracteres impresos nun papel. No Monte Pindo sabémolo ben, e partimos dunha situación difícilmente empeorábel, pois no 2013 como todos saben cumpríronse todos os prognósticos e o Olimpo Celta viuse arrasado por un lume produto do abandono, aínda que o goberno da Xunta culpou en exclusiva a un suposto pirómano do que nunca máis se soubo, e iso que xa leva 642 días buscando.

Iris boissieri, 13/6/15
Hoxe a situación está francamente igual que o día despois de que nos ameazaran con sancionarnos se non cesábamos no noso empeño de repoboar o monte coa axuda do voluntariado. A macabra orde frenou en seco os traballos cando xa levábamos 1050 carballos e 2500 castiñeiros sementados, asi coma toneladas de gramíneas venteadas nas zonas onde os nosos técnicos detectaran risco inminente de escorrentías de cinzas. Acto seguido a Xunta teatralizou unha espectacular operación de lanzamento de palla helitransportada no 0,16% da superficie e asegurou que non era o momento de facer máis nada, insinuando sempre que a situación estaba dominada, e que as repoboacións comezarían na primavera de 2015. De nada serviron as peticións desesperadas de axuda de veciñanza, concello e axentes sociais, nin sequera dúas multitudinarias manifestacións para pedirlle á Xunta solucións reais aos problemas no Monte Pindo, pois é quen ten todas as competencias sobre a súa xestión. En efecto, días despois toneladas de cinzas arrincadas do Monte Pindo polas primeiras augas torrenciais asulagaban pobos, ríos e bancos marisqueiros ante a desesperación xeral, e sobre todo das mariscadoras que loitaban en van por retirar os lodos coas súas propias mans antes de que afogase a produción por completo e por tanto o seu medio de vida. A épica e desigual loita non fixo senón evocar as funestas imaxes dos tempos do Prestige, cos mesmos herois e cos mesmos culpábeis.

A Xunta nunca desenvolveu as repoboacións que prometeu
Ao marxe das medidas estéticas para captar o titular mediático, nunca máis se volviu saber da Xunta na zona, literalmente. A repoboación que supostamente tería que terse efectuado esta primavera que xa remata, nunca existiu. O que si se cumpriu ao detalle foron os patróns de expansión de eucalipto que prognosticaran os técnicos da nosa Asociación, pois hoxe esta especie colonizou con forza lugares aos que nunca chegara, incluindo o único hábitat que ten en Galiza o Carballo anano (Quercus lusitanica Lam.). Todas as alarmas foran ignoradas por un goberno cego, xordo e mudo ante as (varias) enfermidades que padece este Monte, abocadas a ser terminais en mans de facultativos tan incompetentes para desenvolver o seu cometido, pois non só actuaron con neglixencia senón o único que fixeron foi impedir que ao enfermo se lle puidese aplicar ningún tipo de tratamento. A conta atrás parece activada, e a pesar dos estertores que a veces nos fan soñar con que certa recuperación aínda é posíbel, coma o feito de ter atopado esta fin de semana, no contexto do V Trail Monte Pindo, un só pé de lirio de monte (Iris boissieri, en risco crítico de extinción a nivel mundial), outras veces todo parece condenado en canto non pase que algo radical, e perdida toda esperanza na reacción deste goberno galego o único que podería supor unha virada de timón é o cambio de goberno na Xunta que se fai esperar demasiado.
Patróns de expansión de eucalipto prognisticados por
Jorge Pérez, enxeñeiro forestal e directivo da AMPPN
Arrecian as críticas científicas contra a posición da Xunta
Profesor Dr. Valeriá Paul
Acaba de publicarse na revista científica International Journal of Development and Environment o artigo The Ambiguous Geographies of Protected Areas in Galicia dos profesores de Xeografía e Ordenación do Territorio Valerià Paül, Miguel Pazos e Xosé Santos, no que explican que o goberno galego tratou as figuras de protección da natureza en Galicia coma simples imposicións europeas, ata o punto de recoñeceren abertamente que as aplican por cumprir pero sen pretender con elas lograren ningún efecto real. De feito, extenden a súa crítica á negativa da Xunta a crear novos Parques Naturais, aínda que existe desde 2010 unha «intensa campaña social» para reforzar a escasa protección do «emblemático e pintoresco» Monte Pindo mediante esa figura. Deixámosvos co fragmento e coa tradución do mesmo, que podedes atopar na páxina 71 da obra.
Since 2009
In 2009 the conservative party that had ruled Galicia until 2005 returned to power. In the past 5 years they have come to power no little progress has been made and there has been a clear lack of commitment to the protection agenda. In 2009 the ruling party was forced by the European Commission to designate an area of almost 7,000 hectares in the Limia district with a large bird population as a Special Protection Area (spa) under the Birds Directive, in the Natura 2000 Network. In the Gazette (Diario Oficial de Galicia) published on 15/10/2009, the Galician Government openly wrote that the designation as spa means that “the area becomes a Natura 2000 protected area but it is not considered a protected natural area” (p. 16231). With this intricate and confusing text, the Xunta meant that the spa designation was compulsory because of an obligation to toe the line in European directives, but that the designation does not mean that the area is protected under Galician and Spanish legislation.
Another case in point is the refusal to designate new Natural Parks. Pindo Mountain is an emblematic and scenic coastal mountain already designated sci, where an intense social campaign is taking place since 2010 for the designation of a Natural Park that would reinforce the existing (but weak) protection by providing stronger planning, investment and management enforcement. The Galician Government has repeatedly denied the need for such a Natural Park.
PAUL, Valeriá: The Ambiguous Geographies of Protected Areas in Galicia. Ambiente y Desarrollo. International Journal of Development and Environment 01/2015; 19(36):60-79. DOI: 10.11144/Javeriana.ayd19-36.agpa.

[Tradución ao galego] Desde 2009
No 2009 o partido conservador que gobernou Galicia ata 2005 voltou ao poder. Nos pasados 5 anos desde que chegaron ao poder non tivo lugar nin o máis mínimo avanzo e houbo desleixo coa axenda da protección. En 2009 o partido gobernante viuse forzado pola Comisión Europea a designar unha área de case 7.000 hectáreas na zona da Limia cunha gran poboación de aves coma unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), na Rede Natura 2000. Na Gaceta (Diario Oficial de Galicia) publicado en 15/10/2009, o goberno galego afirmaba abertamente que a designación desa ZEPA significaba que "a área convértese nunha zona protexida da Rede Natura 2000, pero non se considera unha zona natural protexida". )p. 16231). Con este texto intricado e confuso, a Xunta admitía que a designación da ZEPA fora unha obriga derivada da imposición de directivas europeas, pero que esa declaración non significaba que a área esté protexida baixo a lexislación galega e española.
Outro caso é o rexeitamento a declarar novos Parques Naturais. O Monte Pindo é un monte costeiro emblemático e pintoresco xa declarado LIC, onde ten lugar unha intensa campaña social desde 2010 para declarar un Parque Natural que reforce a protección existente (aínda que escasa), proporcionando unha planificación máis forte, investimento e reforzo da xestión. O Goberno Galego ten denegado repetidamente a necesidade deste Parque Natural.

15/06/15

280 herois logran conquistar o Trail máis duro de Galiza

Un dos puntos máis espectaculares do Trail
As condicións non poderían ser máis idóneas para facer xustiza ao recén estreado apelido do V Trail Monte Pindo: O "Trail máis duro de Galicia". A tarde do sábado ofreceu unha meteoroloxía tan cambiante e adversa que poucos podían esperar o que lles agardaba aló arriba, a 627 metros.

Se ben a tarde comezou cuberta mais apacíbel, segundo se ía gañando altura a paisaxe ía desaparecendo tupida por unha mesta néboa de choiva, no medio duns ventos por veces infernais e tamén o frío máis propio do inverno que dos prolegómenos do verán. Asi, á dureza da proba sumouse as adversidades engadidas polo tempo, cun chan moi esvaradizo sobre todo nos tramos que percorren por granito, fortísimos ventos que case obrigaron a impor o uso de cortaventos e choiva persistente durante os tramos máis escarpados.

Estes foron no 2015 os verdadeiros Reis do Monte Pindo
Asi e todo, nada menos que 280 das 316 persoas inscritas lograron conquistar o V Trail Monte Pindo, 16 delas por debaixo dunhas incríbeis dúas horas e media. Nesta edición coroáronse como auténticos Reis do Monte Pindo (por este orde) o nicrariense Luis Calvo Castro, o nigranés Luis Martínez Comesaña e o dodrés Samuel Saborido Soñora, cunha chegada axustadísima a partir dos 02:10:44 e en menos de 30 segundos de diferencia.

A proba contou cunha alta participación feminina, e a muller mellor clasificada foi a coruñesa Almudena Suárez Pazos, 58ª na xeral cun espectacular tempo de 2 horas e 50 minutos, sendo a primeira veterá a viguesa Margarita Beiro González. sendo o terceiro posto desa categoría para a ceense Belén Pérez Martínez, . O primeiro veterán masculino foi o redondelán César Santos Barciela, que conquistou nada menos que o oitavo posto da xeral. Dentro dos corredores locais, salientar a magnífica participación dos Praia de Carnota Runners, equipo amateur conformado por unha ducia de veciños do noso Concello e do entorno, que lograron situarse en torno ao posto cen e por debaixo das tres horas, tempos absolutamente brillantes tratándose da xa considerada proba raiña dos trails galegos e non sendo profesionais. O resto dos resultados pódense consultar aquí. Os premios a todos eles, obra do artesán local Nacho Porto, foron entregados en nome de GMTA José Moutinho, en nome de Monte Pindo Parque Natural Mario Maceiras e polo alcalde de Carnota Ramón Noceda, reelixido como tal esa mesma mañá.

Aspecto que ofrecía o control de dorsais na Laxe da Moa
A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que organiza desde este ano a proba xunto a Galicia Máxica Trail Adventure, queremos agradecer a profesionalidade, seriedade e exemplo da nosa entidade compañeira na organización GMTA, da que aprendemos moitísimo para mellorar no futuro non só esta proba senón as nosas propias actividades; a colaboración do Concello de Carnota e de Augas de Mondariz; a disposición dos negocios locais que colaboraron (Sol e Mar, Pensión A Morada, Casa de Turismo Rural Xanela da Lúa, Panadería Parada, Covirán e outras que amosaron a súa vontade de colaborar no futuro); e, sobre todo, o incuestionábel compromiso do voluntariado que asumiu tarefas de control de dorsais, tomando fotos, no reparto de víveres nos avituallamentos, no control de cruces e nas tarefas de coordinación, loxística e seguridade..., contribuíndo a que unha proba tan complicada se desenvolvera con éxito e sen ningún incidente que reseñar, nun día no que permanecer quedo durante horas nun punto determinado do Monte Pindo parece máis ben a última opción que calquera persoa nos seus cabais elixiría.

Por último, a moi nomeadamente, queremos agradecer a espectacular resposta de corredores e familiares á nosa chamada para conquistar o Olimpo Celta, pois eles son os verdadeiros herois do día, e non podemos finalizar sen dirixir unha mención moi especial ás 36 persoas que non lograron completar a proba. Algunhas por teren sufrido pequenas lesións, outras por non ter podido acabar; na próxima edición de seguro non se lles resistirá.

En nome do conxunto desta humilde entidade veciñal que nunca soñou sequera con poder participar en algo tan grande, grazas a todas e todos!

10/06/15

316 corredores aceptan o reto de conquistar o V Trail Monte Pindo

Por quinto ano o Trail Monte Pindo reta a corredores de toda Galiza a unha das probas galegas máis duras nesta disciplina. E nada menos que 316 persoas recolleron a luva e inscribíronse no único Trail que coroa o Monte Pindo, e que percorrerá máis de 23 km polo corazón do Olimpo Celta, con pendentes de ata o 30% e os sempre tan esixentes descensos.

Monte Pindo e GMTA, coorganizadores da proba co apoio do Concello de Carnota e de Augas de Mondariz, achegarán máis dunha vintena de voluntarios para que todo saia perfectamente e que as únicas sorpresas se vexan nas táboas clasificatorias. Ás 11 horas do sábado reuniranse na Solaina para repartir os cometidos de organización.

Agardamos ver moita xente no Pindo este sábado a partir das 17:30h apoiando estas e estes 316 valentes.