20/12/13

Cúmprense 100 días da destrución do Monte Pindo sen detencións nin avanzos

Imaxes apocalípticas do incendio
Cen días despois, o dramático incendio que desde o 11 de setembro acabou por destruir ecoloxicamente o Olimpo Celta segue impune. Non houbo ningún avanzo na investigación da autoría, e desde logo ningunha detención. Ningún político responsábel do desastre presentou a súa dimisión pola nefasta xestión forestal e medioambiental do PP na Xunta, nin tampouco abrandaron á hora de destinar por fin ao Olimpo Celta a protección e os investimentos que desde hai 3 anos se piden na zona, nin tampouco indemnizacións para os veciños que viron as súas casas, explotacións e propiedades afectadas polo virulento lume, ou para as mariscadoras e os mariñeiros que viron o seu único medio de vida afectado. Nada de nada.

Matalobos (LVG) ironiza sobre a
suposta salvación do carballo anano
As pallas que trouxo a Xunta ata o mirador de Louredo, e que serviron para ter un helicóptero privado cimbrándoa durante tres días no 0,16% da superficie queimada (ata que acadaron o titular desexado) rematou abandonada durante semanas no lugar, ata que se repartiu entre a veciñanza para as súas actividades agrícolas, e realmente foi o mellor que puido pasar pois xa estaba comezando a apodrecer. O mesmo podemos dicir do efémero "voluntariado" da Xunta, que tras uns días na zona a pensión completa (e cunha manutención notabelmente superior ao que custaría contratar operarios e operarias en Carnota) marchou sen deixar rastro. A eles queremos recoñecerlle a súa xenerosidade e boa vontade, fosen ou non conscientes do xogo ao que se prestaron. Tampouco foron máis aló as demais medidas estabelecidas na Xunta no Monte Pindo, e segundo a cal lograran evitar "o 90%" das escorrentías. Tendo en conta que as referidas actuacións só se desenvolveron no entorno do Rego Voitureiro (tamén chamado Rego de Amil), e que no resto do espazo natural nada se fixo, isto resulta cando menos discutible, por non dicir burlesco: Fixéronse ali porque é o único lugar do monte Pindo onde se pode acceder en coche. Logo onde non se accede en coche o perigo de riadas non existe?


Punto na Cima da Arca onde comezou o incendio do 11 de setembro

Por último, as pesquisas policiais non deron ningún resultado; estiveron dando auténticos paos de cego, e esta Asociación pode falar con coñecemento de causa. 100 días despois, e á falta de que aparezan os pirómanos pantasma de Feijóo, oficialmente ninguén ten a culpa do incendio do Monte Pindo. Pero na zona todos sabemos que si hai culpábeis, e non son persoas sinistras con chisqueiro agochadas en covas senón uns señores ben traxeados que lles gustan as cámaras, os cargos e os cartos pagados por todos nós para facer exactamente o contrario do que todos nós pedimos. Tal vez, cen días de cortesía despois, chegou o momento de comezar a enumerar os politicos profesionais que contribuiron activamente a que hoxe o Monte Pindo esté morto:
  • Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta
  • Agustín Hernández Fernández de Rojas. Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras (CMATI)
  • Ricardo García-Borregón. Ex-Director Xeral de Conservación da Natureza (CMATI)
  • Rogelio Fernández Díaz, Subdirector Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade (CMATI)
  • Carlos Muñoz Martínez. Xefe de Servizo de Conservación da Natureza na Coruña (CMATI)
  • Rosa Quintana Carballo. Conselleira de Medio Rural
  • Tomás Fernández-Couto. Secretario Xeral do Medio Rural e Montes
  • Marisol Piñeiro Martínez. Deputada do PP natural de Carnota
Lodos na Berberecheira
Todos e cada un deles levan tres anos pasando olimpicamente do Olimpo e ignorando todas as alarmas. Calquera deles leu nestes tres últimos anos ducias ou centos de titulares na prensa pedindo protección para este espazo. Calquera deles podería ter aceptado reunirse con nós cando se lle pediu. Calquera deles podería ter tomado a iniciativa. Pero ningún deles fixo absolutamente nada e consecuentemente os peores presaxios cumpríronse. Por certo, boa parte destes dirixentes nos que recalan as competencias do medio ambiente e do urbanismo galego están imputados por algún delito medioambiental, urbanístico ou de corrupción.

Grazas ao seu pasotismo, neglixencia e incompetencia, o Monte Pindo ardeu e con el as súas -como mínimo- 647 especies naturais, 101 delas protexidas. O único que fixeron é dicir que malo será que o carballo anano non sobreviva.

O lume destruiu explotacións agrogandeiras e apícolas, queimou hortas, cortes e alpendres, fundiu persianas e ennegreciu as casas dos nosos veciños. O único que fixeron é negarse a activar ningún tipo de indemnizacións alegando basicamente que quen non teña un seguro privado se fastidie.

As riadas "evitadas pola Xunta"
As riadas de cinzas contaminantes estragaron camiños e espazos públicos, cubriron bancos marisqueiros, inundaron vivendas. O único que fixeron é dicir que evitaran o 90% das riadas por ciencia infusa.

A catástrofe demostrou que o Monte Pindo non está protexido, que a Rede Natura neste país é papel mollado (asi foi denunciado recentemente ante a Unión Europea) e que a figura do Parque Natural era unha excelente idea para protexer e desenvolver este espazo. O único que fixeron é dicir que o chamizo aínda fumeante ao que quedara reducido o Monte Pindo estaba sobradamente protexido.

Manifestación en Compostela
Milleiros de persoas e 89 entidades sociais percorreron sucesivamente o Monte Pindo e as ruas da capital galega para denunciar o que pasou e pedir un cambio de modelo forestal, ambiental e rural que nos permita ter un futuro aquí, onde nacemos e de onde non queremos marchar. O único que se fixo é dicir que se non estamos dacordo co seu modelo fracasado é porque estamos politizados (bonito termo para que un político profesional ataque ao veciño que non está dacordo con el).

100 días despois, non conseguiron deter a ninguén polo incendio. O único que fixeron é dicir que os veciños tivemos a culpa insultando aos milleiros de veciñas e veciños de Carnota, Dumbría e Mazaricos que vivimos nos lindes do Olimpo Celta. 15 días despois aínda non pediron perdón.

Marcha verde polo Olimpo Celta
A pesar de tantos e tantos desprezos, nin sequera as nosas continuas chamadas ao diálogo e a nosa mellor vontade reciben sequera resposta, rozando a ilegalidade e a mala fe por parte da Xunta e demostrando o seu fanatismo partidario. O último contacto directo que tivemos coa Xunta foi en febreiro do 2012. Tras multitude de solicitudes de reunión, chamadas, e despois do incendio, a única noticia que recibimos da Xunta, cal can do hortelano, foi que se seguiamos plantando carballos e castiñeiros no Monte Pindo nos preparáramos para unha avalancha de multas, o que nos obrigou a paralisar SOS Monte Pindo. Con este goberno estamos nas mans da sorte.

18/12/13

O Monte Pindo xa ten a súa tenda!

O Medallón das Sete Pitas ou Pléiades
A Asociación Monte Pindo Parque Natural lanza no día de hoxe a súa flamante tenda en Internet, tenda.montepindo.org,  para canalizar os pedidos de material da nosa Asociación que ata agora só se podían recoller personalmente no Pindo ou nas nosas actividades e actos públicos.

A entidade social carnotá aspira asi a incrementar a visibilidade das problemáticas do Olimpo Celta e tamén o propio calvario que está a atravesar a nosa entidade por mor da brutal persecución política á que se ve sometida pola actual Xunta de Galicia e dos seus apéndices, e tamén por suposto trata de recadar fondos que nos permitan continuar a desenvolver a nosa intensa actividade sen depender de subsidios e subvencións de ningunha administración ou empresas que puideran mermar ou coartar a nosa liberdade de dicir o que temos que dicir ou de facer o que temos que facer.

Ra de SOS Monte Pindo
Ademais das clásicas gorras e camisetas, ou a literatura coma a obra colectiva Versos no Olimpo recentemente editada pola nosa entidade mediante subscrición popular, existen verdadeiras rarezas de coleccionista imposíbeis de atopar noutro lugar coma a fermosa reprodución realista do Medallón das Sete Pitas, enigmático obxecto arqueolóxico aparecido no Olimpo Celta e desaparecido na guerra civil, ou unha divertida Ra de San Antón, símbolo da operación de rescate do Monte Pindo tras o lume deste verán, feita polo Obradoiro Charamusca (Canedo - Carnota). Tamén se poden mercar simbolicamente carballos e castiñeiros para plantarmos no Monte Pindo.

Como asociación sen ánimo de lucro que é os beneficios de todas as vendas irán exclusivamente destinados ao desenvolvemento das actividades da nosa Asociación, nomeadamente o proxecto SOS Monte Pindo co que pretendemos devolver á vida o Olimpo Celta asasinado pola cobiza humana e o desleixo da Xunta.

15/12/13

A Xunta culpa agora á veciñanza do incendio do Monte Pindo

Tomás Fernández-Couto. Fonte: ECG
O Monte Pindo volveu recentemente ao Parlamento a instancia do BNG que esixiu novamente que a Xunta deixe de ignorar todas as voces que piden atención para a situación do macizo carnotán e que dunha vez comprometa prazos e investimentos para a restauración ecolóxica deste espazo protexido -especialmente logo de que a Xunta obrigara a paralisar os traballos de SOS Monte Pindo- baixo a ameaza de sancións- e tamén actuacións preventivas para que este tipo de catástrofes non se volvan a repetir á volta duns anos.

Pois ben, a Xunta a través do seu director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, asegurou entre outras lindezas que as actuacións desenvoltas polo seu gabinete, denunciadas por procurar tan só o efecto mediático, serviran para atallar "o 90%" das escorrentías e, o máis polémico, a súa arrogancia chega ao extremo de asegurar que a veciñanza e o concello eran culpábeis directos do incendio por, en resumo, non ter o monte limpo.

Esta Asociación quere deixar moi claro que a culpa do incendio que o 11 de setembro destruiu o Monte Pindo non é culpa dos veciños do Pindo, Caldebarcos, Quilmas, Ézaro, Fieiro, Arcos, etc..., e está disposto a ir onde faga falta a defender a honra dos veciños acusados en falso e sen probas. A culpa do incendio é da chispa que o provocou e de que un monte que a Xunta ten a encomenda de protexer estivera absolutamente abandonado. Os veciños somos simples vítimas desta situación.

É insultante que unha administración que acaba de ameazar con durísimas sancións á veciñanza por traballar no Monte Pindo diga agora que o incendio foi culpa dos mesmos por non traballar no dito espazo cando iso lle correspondía á Xunta, que brillou pola súa ausencia. E o peor de todo é que no caso concreto do Monte Pindo existía un importante movemento social que lle estaba a pedir por activa e por pasiva que fixeran algo no espazo para evitar a traxedia que finalmente se produciu ante o seu absoluto abandono.

Sobre as supostas escorrentías evitadas, está claro que a non ser que a Xunta de Galicia teña algún tipo de influencia directa sobre a meteoroloxía é imposíbel que evitaran nada pois só actuaron nunha ínfima parte da superficie, e ademais con medidas estéticas na busca do titular. A día de hoxe máis do 99% do Monte Pindo segue sen ver ningún tipo de actuación, e o que nel pase dificilmente pode ter que ver coa Xunta. A realidade que non poden agochar é que nos poucos días de choiva intensa que se teñen producido desde o incendio produciuse unha auténtica avalancha de cinzas sobre aldeas e bancos marisqueiros, tal e como lle viñamos avisando.

Por outra parte, a Xunta segue sen contestar e ningunha das preguntas que lle levamos feito desde o incendio: nin nos concederon a reunión solicitada en decembro do 2012 e setembro de 2013, nin nos facilitaron o informe técnico favorábel á declaración do Monte Pindo coma Parque Natural que ocultaron deliberadamente ata a data, nin nos contestaron á información que lle solicitamos sobre o custe do operativo de extinción e os investimentos no Olimpo Celta desde o 2013 ata o incendio3.

É obvio que a Xunta está a ocultar as súas miserias para non ter que recoñecer publicamente o notorio fracaso da súa xestión medioambiental, e non conformes con iso incluso está disposto a empregar o convenio franquista que delega nese organismo a xestión do Monte Pindo, titularidade do Concello de Carnota, para empregalo como ariete político e para frear os intentos desesperados da veciñanza por salvalo Olimpo Celta da sentenza de morte á que parece condenado polo desleixo desta Administración.
Mira o debate parlamentar en Youtube


29/11/13

Medio Rural deberá responder sobre o custe do lume que arrasou o Olimpo Celta este verán

Rosa Quintana
Conselleira de Medio Rural
A Asociación Monte Pindo Parque Natural presentará esta mañá ante o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un escrito destinado á Consellería de Medio Rural para que de explicacións sobre o custe total do operativo de extinción do incendio declarado o fatídico 11 de setembro no Monte Pindo, e que arrasou máis de 2.500 hectáreas -a práctica totalidade- do Olimpo Celta. Medio Rural tamén deberá explicar cantos deses cartos foron destinados a empresas privadas e como se contrataron. Todas esas cantidades, lembramos, foron inutiles á hora de frear a destrución dun dos espazos ecolóxicos máis valiosos de Galiza, pois só cesou cando, días despois, non había nada máis que queimar, comezou a chover e puido darse o incendio por controlado.

Por outra parte, o polémico operativo de lanzamento de balas de palla desde helicópteros privados tamén están no punto de mira da veciñanza, que esixe saber cantos cartos do seu peto foron destinados a sufragar esa operación estética da Xunta, e tamén cales son as empresas privadas beneficiarias dela.

Por último, Monte Pindo lémbralle a Medio Rural que levaba desde o 17 de outubro de 2010 solicitando por activa e por pasiva medidas de protección, investimentos e actuacións no lugar, e requeriulle coñecer cantos cartos foron destinados nese tempo a traballos no Monte Pindo e a que se destinaron. A Asociación Monte Pindo non percibiu que se gastase directamente no Olimpo Celta un só céntimo nese tempo, mentras que todas as actuacións qyue si se desenvolveron nese tempo (limpeza e recuperación de camiños, investigación arqueolóxica...) foron levadas a cabo pola nosa Asociación mediante accións de voluntariado coma as de SOS Monte Pindo que agora a mesma administración tenta frear.

Esta entidade veciñal defende que foi precisamente o desinterese da Administración o que converteu o Monte Pindo nun polvorín que para estoupar só precisaba a chispa que alguén prendeu a noite do 11 de setembro. Esa opinión compártea o Concello de Carnota, cuxo alcalde Moncho Noceda vén de anunciar ao dixital Praza Pública que se a Xunta só vai utilizar o Consorcio polo que xestiona o monte nunha ferramenta para impedir as actividades veciñais, está disposto a recuperar a xestión total do Olimpo Celta.
Preguntas que deberá responder Medio Rural
1. Que a Consellería que vostede preside informe a respecto do operativo de extinción do lume deste verán no Monte Pindo:
  • Nº total de efectivos humanos e de medios mecánicos públicos e privados que traballaron no lugar desde a declaración do incendio ata a súa extinción.
  • Cal foi o custe total dese operativo.
  • Que empresas privadas participaron nese operativo, que labores desenvolveron, cal foi a forma de contratación e cal foi o seu custe para a Xunta de Galicia.
2. Que a Consellería que vostede preside informe a respecto do operativo de lanzamento de palla sobre o Monte Pindo.
  • Que empresas privadas participaron nese operativo, que labores desenvolveron, cal foi a forma de contratación e cal foi o custe para a Xunta de Galicia.
3. Que a Consellería que vostede preside informe con detalle sobre os investimentos da Xunta de Galicia no Monte Pindo desde o 17 de outubro de 2010 ata a actualidade e das actuacións efectivamente desenvolvidas no dito monte a cargo dos mesmos.

27/11/13

A paralización forzosa de #SOSMontePindo dispara as inscricións no voluntariado

O último informe demostra o
positivo das actuacións
A Xunta omite a existencia dun informe interno favorábel ao Parque Natural
Lonxe de amilanarse, a sociedade galega está indignada pola orde de paralización do proxecto de voluntariado de SOS Monte Pindo por parte da Xunta, e de feito o ritmo de inscricións no formulario web do proxecto suspendido incrementouse malia a ameaza de sancións.

Mentras a noticia saltaba a todas as portadas e as mensaxes de apoio e rabia non cesan en redes sociais coma Facebook e Twitter, os servizos xurídicos do Concello estudan que facer en adiante para poder desenvolver o proxecto sen exporse a accións punitivas aos organizadores nin tampouco ao propio voluntariado. Pola súa banda, e mentras non se aclara a situación legal na que nos atopamos, a Asociación Monte Pindo ratificou a suspensión indefinida do proxecto cando menos no tocante ás intervencións directas no territorio queimado do Olimpo Celta, malia que pode continuar traballando na sementeira situada en Lamas de Castelo no chan de Carnota para aclimatar as árbores que o proxecto siga recibindo, entre elas unha nova partida de carballos e castiñeiros que xa ten preparado o IIAG-CSIC e que se prevé que entreguen esta mesma semana en virtude do convenio que ten asinado con Monte Pindo Parque Natural.

Verónica Tellado, última esperanza de reconducir unha situación dantesca 
O feito de que o PP se negase a prohibir a utilización de cianuro na minaría galega o mesmo día que paralizou un proxecto de recuperación dun espazo natural protexido tan valioso coma o Monte Pindo deixa claro que a sociedade está condenada a suplir a falta de acción deste goberno no que respecta ao medio ambiente. O único raio de esperanza para normalizar esta situación é que a nova titular da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado Barcia, marque unha distancia significativa co seu antecesor no cargo, Ricardo García-Borregón, dimitido en agosto tras verse envolto nunha serie de actuacións medioambientais desastrosas. Por iso agardamos con impaciencia e esperanza a reunión que xa lle temos solicitado, e tamén lle pedimos que nos faga entrega dun Informe técnico da Xunta favorábel á declaración do Monte Pindo coma Parque Natural elaborado polos técnicos da Consellería antes do verán, e cuxa existencia a Xunta omitiu deliberadamente ao negarse unha e outra vez a conceder esta figura de protección ao mítico macizo carnotán.

26/11/13

A Xunta paralisa SOS Monte Pindo coa ameaza de sancións


Nin fan, nin deixan facer. A Xunta púxose en contacto con nós a través da Xefa do Distrito Forestal V, Sara Romero Sueiros, para ordenarnos que paralisemos inmediatamente as accións de voluntariado de SOS Monte Pindo. O argumento é que o Monte Pindo "non é de todos", senón da Xunta, porque existe un contrato nese sentido polo que todas as actuacións que se fagan teñen que contar coa súa autorización. Para a xefa de distrito, a situación é a mesma que "se entramos no seu piso a pintar", e denunciou que utilicemos árbores de viveiro, cousa que é falsa pois recollémos todos os exemplares en bosques naturais da contorna a excepción de doce ameneiros cedidos por convenio co CSIC, certificados xeneticamente e que non plantamos no monte senón no chan de Carnota para que se aclimaten antes de transplantalas ao seu emprazamento definitivo.

As parcelas nas que temos actuado son titularidade do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que non só autorizan senón que están a colaborar co proxecto. O suposto convenio ao que se refire delegaría na Xunta a xestión deste espazo, cuns resultados tan desastrosos que as consecuencias saltan á vista. Despois de anos sen apenas facer ningunha actuación, o deterioro e abandono do Olimpo Celta era tan acuciante que en setembro ardeu na súa totalidade, a pesar de que existía unha asociación que levaba anos solicitando implacablemente actuacións e medidas de protección. Ademais, nin o lume espertou unha Xunta que ignorou todos os avisos das previsíbeis escorrentías de lodos contaminantes que finalmente acabaron producíndose, afectando a bancos marisqueiros, o que obrigou á sociedade civil a tomar a iniciativa cun proveitoso proxecto de voluntariado que agora a Xunta intenta destruír. Ademais, non se pode dicir precisamente que a Asociación non tentara pedir permisos: ao igual que o Concello de Carnota, temos varias reunións solicitadas coa Xunta antes e despois do incendio para falar do que facer neste espazo, o que pasa é que nunca foron respondidas. Malamente pode consensuarse nada con quen se nega a recibirte e falar contigo.

Por todo, a Asociación Monte Pindo vese obrigada a tomar a dolorosísima decisión de paralisar indefinidamente SOS Monte Pindo ante a ameaza de que se presenten axentes na próxima acción de voluntariado (prevista para a vindeira fin de semana) para formalizar denuncias, situación á que non imos expoñer nin ao voluntariado -que abondo esforzo fai con vir a botarnos unha man- nin á propia Asociación que non conta con recursos para facerlle fronte a unha posíbel avalancha de multas.

O Concello de Carnota e a Asociación Monte Pindo Parque Natural estudan que medidas adoptar para poder continuar os traballos, e queremos trasladar unha mensaxe de tranquilidade a quen xa traballou na zona. O propio alcalde Ramón Noceda xa nos expresou a súa solidariedade e disposición a facerse responsábel no caso de que finalmente a Xunta decida emprender accións legais contra o voluntariado.

Asi mesmo, queremos denunciar a crecente persecución política á que nos vemos sometidos por parte do actual goberno da Xunta. Nunca nada malo lles fixemos, só lles pedimos que cumpran co seu cometido, e que se non queren facelo, que cando menos se aparten e non molesten. Non merecemos que despois de tres anos esixindo que declaren dunha vez o Parque Natural, o PP siga inmóbil. Non merecemos que cando pedimos actuacións urxentes para evitar as temidas riadas o PP se ría de nós facendo espectáculos televisivos na zona para simular que fan algo. Non merecemos que cando no Parlamento se piden actuacións e compensacións económicas no Parlamento para os veciños afectados, o PP diga que os veciños non as queren. Non merecemos que cando empezamos a falar de voluntariado, o PP contraataque cun voluntariado máis simbólico que real. Non merecemos que agora que está a agromar realmente a xenerosidade e solidariedade do noso pobo para recuperar o seu Olimpo Celta, veña agora o PP a poñernos paus nas rodas.


Pola parte positiva queda o bo traballo feito durante as dúas fins de semana consecutivas que leva o proxecto en marcha, e que se saldou coa participación dun total de 55 voluntarias e voluntarios, a plantación de 2500 castiñeiros e 1050 carballos, e o tratamento de 5,73 hectáreas con gramíneas de crecemento rápido para agarrar a terra e evitar as riadas de cinzas. Iso xa non o poderán evitar.

Lamentamos vernos involucrados nesta dantesca situación e agradecemos sinceiramente a xenerosidade das case cen persoas que xa se inscribiron para traballar altruistamente en SOS Monte Pindo, e moi especialmente a profesorado, nenas e nenos do CEIP Santa Eulalia de Dumbría que tiñan previsto participar na seguinte acción de voluntariado, que polo momento non poderá realizarse. A forza do noso amor non será inútil.

24/11/13

Monte Pindo, premio Nordés 2013!

Compartimos este momento co Club de Xadrez Cabo Touriñán, 2º clasificado.
A audiencia de Radio Nordés - Cadena SER elixiu á Asociación Monte Pindo Parque Natural como merecedora do Premio Nordés 2013, acadando ademais un record de 503 votos, e proclamando á entidade carnotá coma a máis votada nas 14 edicións que se levan desenvolto destes premios.
Precisamente foi este premio o que inaugurou a gala que este venres se celebrou na Casa da Cultura de Olveira (Dumbría), subindo a recoller un premio (por certo elaborado polo artista carnotán Nacho Porto) que pasou das mans do representante da construtora Germán Mouzo ás da tesoureira Merche Díaz e do secretario Mario Maceiras.
Na intervención, Merche Díaz e Mario Maceiras agradeceron o importantísimo apoio recibido e ás demais entidades nominadas, pois a xente "recoñece asi a imprescindíbel acción do puxante tecido asociativo da Costa da Morte neste momento de crise", e lamentaron que non puidese estar para recoller o premio a cabeza visíbel da Asociación, o seu presidente Xilberto Caamaño, por estar convaleciente dunha operación.
Non faltou a nota crítica, facendo uso da súa intervención para lembrarlle a toda a comarca que "a Xunta ten abandonado o Monte Pindo e a veciñanza de Carnota á súa sorte", e que "só desde a sociedade seremos quen de desenvolver o Monte Pindo á vida", polo que chamaron a participar no proxecto SOS Monte Pindo. Tamén o artista convidado da noite, o rapeiro ceense Leö KCh, saiu ao escenario vestindo unha camiseta de Monte Pindo Parque Natural e bateu en todos os presentes cos seus ácedos berros en silencio.
Este traballo abnegado vese por primeira vez recoñecido cun premio e a
demais de transcendencia comarcal, o que nos anima a seguir traballando con máis forza e gañas para que o futuro do Monte Pindo sexa ben distinto a ese futuro negro ao que parecen querer condenarnos sen remisión.


Tras o recoñecemento da bisbarra, toca seguir traballando
Voluntarios de SOSMontePindo, sábado
Despois da celebración, o amencer trouxo novas esperanzas para o Olimpo Celta. O sábado unha ducia de voluntarios de SOS Monte Pindo seguian venteando media tonelada de gramíneas e crearon un novo souto para o Monte Pindo con máis de 500 castiñeiros. Ao rematar, as e os voluntarios preguntaban se cando consigamos o Parque Natural poderán vir ás castañas. Abofé que poderán!

22/11/13

2ª acción de voluntariado #SOSMontePindo

Sábado 23 e domingo 24 de novembro comeza unha nova acción de voluntariado de SOS Monte Pindo, despois do éxito do primeiro operativo civil para recuperar o Monte Pindo.

A cita será ás 10:00 horas no punto de reunión de Lamas de Castelo. Desde ali organizaremos os traballos en función do número de voluntarios que asistan e que se ocuparán de xestionar varios centos de carballos e castiñeiros tanto na sementeira de Lamas coma no propio Monte Pindo, e continuarán cos traballos de espallar gramíneas. A organización ofrecerá aos voluntarios, ademais das ferramentas precisas, bocadillo e durmida gratuita no pavillón municipal de Lamas de Castelo.

Por outra parte, a Asociación está a traballar na creación dun servizo de transporte compartido para por en contacto a voluntarios queiran achegarse a Carnota desde diferentes puntos de Galiza e poidan compartir un mesmo coche co conseguinte aforro de cartos e de enerxía.

Xanela da Lúa ofrece aos voluntarios de SOS Monte Pindo habitacións a 20 euros
Para aqueles que prefiran pernoctar nunha fermosa casa de turismo rural en Lira, Xanela da Lúa ofrece un importante desconto aos voluntarios de SOS Monte Pindo, que a noite do sábado poderán pernoctar no dito estabelecemento polo prezo exclusivo de 20 € a habitación. Ademais, por un suplemento de 25 € por persoa, poderán disfrutar tamén de xantar e cea.

Quen desexe aproveitar esta oferta debe porse en contacto con Xanela da Lúa nos teléfonos 617 485 182 ou 981 761 306.

20/11/13

Monte Pindo encara con posibilidades a recta final da votación dos Premios Nordés

A situación parece cada vez máis axustada na votación que este venres outorgará o XIV Premio Nordés da Cadena SER que se entregará o o 22 de novembro ás 21 horas na Casa da Cultura de Olveira, no veciño Concello de Dumbría, polo que previsibelmente ata o último segundo non se coñecerá a entidade gañadora.

Ás nominacións iniciais da Asociación Monte Pindo Parque Natural, do Asalto ao Castelo de Vimianzo e do Clube Xadrez Cabo Touriñán, sumaronse ademais o Concurso de murais de Suministros Lar, o Clube ciclista de DumbríaSiesopiratasdemuxia e o Grupo de Teatro Badius, sendo o clube de xadrez muxián o que polo momento lidera a votación por escasa marxe sobre o colectivo carnotán en defensa do Olimpo Celta que esta fin de semana lanzaba SOS Monte Pindo, o ambicioso proxecto para a restauración ecolóxica deste espazo arrasado o pasado verán.

Para participar na votación, débese contar cunha conta de usuario na rede social Facebook, e seguir as instrucións da enquisa publicada na páxina de Radio Nordés-Cadena SER. A continuación poderase emitir un só voto.

A Asociación Monte Pindo agradece o significativo apoio xa recibido ata o momento e deséxalle toda a sorte aos participantes.

18/11/13

Arrincou #SOSMontePindo coas mans dos herdeiros do País

O proxecto de voluntariado para recuperar o Monte Pindo non puido iniciarse con mellor pe, pois foron unha trintena de nenas e nenos cos seus monitores e voluntarios os que se ocuperon do espazo natural ao longo dunha xornada enteira na que o tempo acompañou. Como anfitrións por parte da Asociación actuaron Xil Caamaño, Sven Schwebsch, Antía Insua e Mario Maceiras.

Pola mañá, o voluntariado dividiuse en dous grupos: os maiores dedicáronse a plantar na sementeira de Lamas de Castelo unha ducia de ameneiros cedidos polo IIAG-CSIC como primeira colaboración do convenio recén asinado, mentras o grupo dos máis cativos internouse polo Bico do Santo para recoller cepellóns de pequenos carballos, loureiros e ata un eucalipto recollido por erro e que obviamente foi desbotado por non corresponder coa filosofía deste proxecto.

Logo de xantar, puxemos a proa cara o Monte Pindo, e novamente dividimos dous grupos. Esta vez os máis pequechos serían os que plantarían uns 50 carballos, mentras os maiores marcharon cara o Rego Voitureiro para, provistos de bolsas de gramíneas coma cebada e herba, ventear uns 50 kg de sementes nas ladeiras máis escarpadas, que seguían tan desprovistas de toda vexetación coma se o incendio se extinguise onte mesmo. Ao fío das 6 e media da tarde, e cando os máis pequechos xa comezaban a acusar o cansanzo, volvían ao autobús que os trouxera desde Miño logo dunha emotiva despedida e aplauso mutuo.

A Asociación Monte Pindo desexa expresar novamente a súa emoción por que fosen manciñas de entre 6 e 17 anos as que deran este primeiro paso en defensa do noso medio natural e concretamente pola recuperación do Olimpo Celta, e porque moitos deles que nunca antes prantaran unha árbore puidesen concienciarse da importancia de coidar o noso medio ambiente, nunha xornada na que non faltaron os risos, os xogos, os chíos cada vez que un desprevido verme decidía asomarse a ver que pasaba, pero sobre todo non faltou o compañeirismo nin o amor pola terra na que afundiran as súas pequenas mans. Asi mesmo, queremos agradecer infinitamente o bo facer e a profesionalidade dos monitores e voluntarios do Centro de Acollida de Bañobre (Miño) para que a xornada fose perfecta e o seu compromiso decidido de seren os primeiros en dar este paso. O futuro do Monte Pindo xa é voso!

Aparece tiroteado un cartel de "Vedado de caza"
A parte negativa da Xornada, a parte de volver a transitar por unha paraxe desolada onde o único son era o dos pasos e as palabras do voluntariado, foi o achádego á beira dunha pista no Chan das Lamas dun cartel que lembra a completa prohibición de cazar neste espazo, e que antes do incendio fora totalmente acribillado por un total de 8 impactos de bala que demostran a absoluta impunidade reinante neste espazo no que a vixilancia -que si se garante nun Parque Natural- brilla pola súa ausencia. Agustín Hernández, Marisol Piñeiro e demais individuos que levan meses repetindo que o Monte Pindo está sobradamente protexido poden estar satisfeitos cos froitos da súa magnífica xestión.

Aberto o prazo para inscribirse no voluntariado desta fin de semana
Quen desexe participar nas accións de voluntariado de SOS Monte Pindo que se desenvolverán sábado 23 e domingo 24, deben confirmar a súa asistencia escribindo un correo a info@montepindo.org. Ademais, para garantir a cobertura do seguro de accidentes e responsabilidade civil da Asociación Monte Pindo, deben estar previamente inscritos no formulario de inscrición da páxina web. Agardamos que esa segunda acción será, cando menos, tan proveitosa como xa foi a primeira.

15/11/13

As nenas e os nenos dun colexio inaugurarán SOS Monte Pindo

A xornada servirá para ensaiar no Monte Pindo a
divertida técnica das "Bombas de sementes" ou Nendo dango
Este domingo 17 de novembro ás 11 da mañá, un autobús con profes, nenos e nenas procedente dun colexio chegará a Carnota para inaugurar coas súas mans o proxecto de voluntariado SOS Monte Pindo, que aspira a recuperar desde a propia sociedade o Olimpo Celta destruido durante un incendio en setembro, despois de que a administración responsábel de facelo, a Xunta de Galicia, negara reiteradamente todas as peticións que se lle levan feito a nivel de actuacións e mesmo a negativa a reunirse sequera, o que motivou a recente ruptura de relacións da Asociación Monte Pindo coa Xunta.

A primeira xornada dividirase en dúas accións principais: os máis maiores dedicaranse á semente de gramíneas de crecemento rápido (herba, cebada, trigo, centeo...) no entorno do Rego Voitureiro, o causante de graves arrastres de cinzas cara a Berberecheira. Pola súa parte, os máis cativos recollerán landras de carballo en bosques da contorna, destinadas a medrar na Sementeira con que contará o proxecto. Pola tarde plantaremos esas landras na sementeira e elaboraremos bombas de sementes, unha eficaz e divertida técnica xaponesa denominada Nendo dango consistente en formar pequenas bolas de arxilas cheas de sementes de distintas especies para lanzar sobre áreas de difícil acceso. Logo a propia choiva disolve as bolas e espalla as sementes que prenden de forma natural.

A Asociación Monte Pindo quere agradecer aos docentes deste centro o seu interese en participar e tamén desexa expresar a nosa emoción porque as primeiras mans que devolverán á vida o Monte Pindo sexan a de nenos e nenas, pois eles son os donos do futuro do noso monte e do noso País. Agardamos que a xornada lles sirva para coñecer o Monte Pindo, divertirse e reforzar os valores de compañeirismo, solidariedade e respecto polo Medio Ambiente.

14/11/13

A Asociación Monte Pindo asina un convenio co CSIC para o subministro de árbores autóctonas


A Asociación Monte Pindo Parque Natural e o grupo de Biotecnoloxía e mellora forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), acaban de asinar esta mañá un Convenio polo cal ambas partes comprométense a colaborar mutuamente nos seus proxectos en marcha e futuros.

Convenio asinado
Nomeadamente, no que afecta ao Monte Pindo, o IIAG-CSIC proporcionará ao proxecto SOS Monte Pindo árbores autóctonas coma ameneiros, carballos e castiñeiros certificados xeneticamente e que forman parte do seu Banco de Xermoplasma, un banco de sementes no cal conservan xenotipos extraídos de árbores senlleiras e representativas do noso país, co gallo de poder reproducilas no futuro cantas veces sexa necesario. Por outra parte, o IIAG-CSIC proporcionará asesoramento á Asociación Monte Pindo no proxecto de repoboación.

Pola súa parte, o IIAG-CSIC pretende garantir o futuro da especie Quercus lusitanica (Carballo anano), que periga despois do incendio que asolou o Monte Pindo este verán. Por iso pretende localizar especimes sans para crear o Banco de xermoplasma de Quercus lusitanica do Monte Pindo. O convenio ratificou a colaboración da Asociación Monte Pindo nesa iniciativa.

Esta fin de semana o Monte Pindo beneficiarase por primeira vez deste convenio e recibirá unha ducia de ameneiros de ata ano e medio de idade destinados á súa aclimatación na Sementeira do proxecto en Lamas de Castelo.

13/11/13

O pobo do Pindo volcouse para coñecer a iniciativa para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural


O sábado 9 de novembro a declaración do Parque Natural do Monte Pindo volvía ás rúas do seu entorno mediante unha Charla Informativa Aberta que contou cunha afluencia masiva de veciñas e veciños do lugar.

O acto contou coa presenza destacada de Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, e de Martiño-Fiz López, biólogo e representante de ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade, e tivo que desculpar a ausencia da directora do Parque Natural de Corrubedo ao non ter recibido a necesaria autorización da Xunta para participar, a Asociación Monte Pindo Parque Natural pretendía por sétima vez achegar a toda a veciñanza os argumentos a favor desta proposta, respostar as normais dúbidas que poidan xurdir sobre as implicacións dunha iniciativa tan ambiciosa, e por suposto desmitificar moita da lenda arredor desta iniciativa.

A veciñanza, gran protagonista
Feitas as presentacións iniciais por parte da nosa Asociación, e despois das intervencións de Martiño Fiz para explicar a idea de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, e de Serafín González que repasou os valores naturais e ecolóxicos con que conta o monte e que xustifican esta medida. Pero o momento máis ansiado foi o turno de palabras onde quen quixer puidese expoñer con liberdade os seus pareceres. Aínda que por momentos o debate presentouse algo caótico pola importante afluencia, serviunos para sondar os argumentos e especialmente algúns temores infundados en parte da veciñanza.

As preguntas máis recorrentes versaron en torno a coñecer as limitacións que se derivarán desta figura, nomeadamente en materia de urbanismo, industrialización e acceso ao espazo natural. A resposta a mesma en todos os casos: o Parque Natural non vai conlevar ningunha limitación que non exista xa coa Rede Natura salvo que os veciños e axentes sociais asi o decidan. Sen embargo, a diferencia do que acontece coa Rede Natura o Parque Natural si obriga a facer uns investimentos anuais e a crear un organismo no que poderán participar e opinar veciños, asociacións, concellos, etc... Ademais, obriga a constituir corpos de vixilancia e conservación que xerarían un número determinado de postos de traballo, unha cuestión que foi moi valorada polos asistentes, pois ademais hai que sumarlle aos xerados no sector servizo polo importante impulso que suporá esta figura ao turismo de calidade.

A conclusión máis positiva do debate é que non percibimos en absoluto un rexeitamento veciñal ao Parque Natural, senón un certo descoñecemento sobre o que se está a pedir e que existían falsos prexuízos e lendas urbanas sobre esta figura. Ademais quedounos clarísimo que a veciñanza quere coñecer cal será a delimitación física do futuro Parque Natural. Ao ser unha cuestión que depende de criterios técnicos da Xunta, por cautela a Asociación non abrira ese debate ata agora, pero á vista da gran expectativa a Asociación aclarou que o que se lle propuxo á Xunta é a declaración do monte público titularidade do Concello de Carnota, asi coma o monte concedido á Comunidade de Montes de Caldebarcos, pois esta pediu a inclusión das súas terras no futuro Parque Natural para beneficiarse das súas vantaxes; en total son arredor de 1.800 hectáreas entre as que non se atopa ningunha propiedade particular, aínda que queremos que no futuro se abra a posibilidade a que calquera propietario que queira aproveitar os beneficios dun parque natural poida pedir a inclusión da súa parcela no mesmo. Tamén se desmentiron outros dos medos que tiñan interiorizado algúns veciños, como que dentro ou fóra do Parque Natural a titularidade dunha propiedade nunca se vai perder, ou que esta non afectará negativamente a ningunha actividade económica existente; ao contrario, o produto producido no entorno dun Parque Natural ten valor de mercado engadido.

Por último, a importantísima resposta veciñal motiva que a Asociación xa esté a pensar na organización dunha 8ª Charla Informativa, e na divulgación de cartografías na que se represente claramente a proposta territorial do futuro Parque Natural, se vexa claramente que non inclúe ningunha propiedade particular -salvo que o titular o solicite- e tamén que os veciños poidan facer as súas suxestións.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural agradece a todos e cada un dos veciños a súa asistencia a este acto, fose cal fose a súa posición inicial, pois demostrouse que mediante o diálogo todos podemos entendernos e lograr xuntos o mellor para o noso pobo.

08/11/13

Sábado ás 17h, 7ª Charla informativa de Monte Pindo Parque Natural no Pindo

Riada de cinzas á porta da casa de Marisol Piñeiro,
a deputada que negou os investimentos para paliar os danos
A Asociación Monte Pindo Parque Natural segue coa súa labor divulgativa sobre os moitos beneficios e os cero contras que lle atopamos á proposta de declarar o Monte Pindo como 7º Parque Natural galego e 1º da Costa da Morte, e por iso queremos achegar por sétima ocasión o noso argumentario á veciñanza mediante a Charla Informativa Aberta que desenvolveremos este sábado 9 de novembro ás 17:00 horas no Colexio do Pindo.

Nesta charla contaremos ademais coa opinión de expertos na cuestión, coa presenza agardada da directora do Parque Natural de Corrubedo ou o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, entre outros que nos poidan transmitir unha visión en primeira persoa sobre a única figura de protección que obriga a administración a comprometer un investimento anual, a constituir un organismo rector con presenza de veciños e axentes sociais, e a crear corpos de conservación e vixilancia permanentes no espazo natural.

Por outra parte, a Asociación organizadora gustaríalle poder contar coa presenza do virtual "95%" do Pindo que non quere o Parque Natural segundo as imaxinativas cifras de Marisol Piñeiro, deputada do PP que negou todos os investimentos que se pedían no Parlamento para paliar os efectos do lume a Monte Pindo, veciñanza e sectores produtivos.


04/11/13

Medio cento de voluntarios inscritos na primeira fin de semana de #SOSMontePindo

Foto: Santi Llecha
O Proxecto SOS Monte Pindo non puido nacer con mellor pe, pois xa conta con medio cento de persoas inscritas nos dous días que o formulario web leva aberto a inscricións. E isto a pesar dos problemas técnicos que durante a fin de semana impediron visibilizar correctamente os contidos en varias plataformas, e que xa foron subsanados esta mañá.

A primeira xornada efectiva de traballo terá lugar o 17 de novembro, no que cando menos unhas corenta persoas dedicaranse a voluntariado físico na zona, que dependendo das condicións meteorolóxicas consistirá en prevención de escorrentías no monte arrasado ou ben na recollida e plantación de landras e sementes destinadas á creación da sementeira de Lamas de Castelo. Na xornada prevese a participación das nenas e nenos dun Centro de Acollida.

Mentras tanto as mariscadoras confirman que as cinzas seguen a arribar á Berberecheira e que están a solidificar en forma dunha capa de máis de 25 centímetros dunha especie de argamasa negra moi difícil de retirar.

31/10/13

SOS Monte Pindo nace o Día de Defuntos para devolver o Olimpo Celta á vida

O proxecto civil para recuperar o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, un santuario de 646 especies (100 delas protexidas) que hoxe ficou convertido nun océano de morte, cinzas e lodo en permanente procesión cara as aldeas e os bancos marisqueiros situados monte abaixo, nacerá mañá venres 1 de novembro, Día de Defuntos, arredor das 13:00 horas, co único obxectivo de traballar pasiño a pasiño para devolver á vida o Monte Pindo asasinado pola cobiza humana, e o desleixo e a traizón dos representantes políticos elixidos para defendelo.

A páxina sos.montepindo.org deixará de amosar nese momento a conta atrás e amosará a páxina web definitiva con toda a información sobre o proxecto, e na que calquera persoa que poida colaborar de calquera xeito coa recuperación do Monte Pindo poderá facelo.

Mañá comezará o novo futuro do Monte Pindo, e culminá a ruptura coa administración da Xunta que desde o día cero da catástrofe abandonou á nosa sorte a veciños, medio ambiente e tecido produtivo, negándose unha e outra vez a dispoñer do fondo de emerxencias da Xunta ou cando menos de calquera outro investimento resarcitorio á veciñanza directamente perxudicada polo incendio e as súas consecuencias, rexeitando aceptar coma interlocutores tanto a veciñanza coma ao propio Concello de Carnota e limitándose a perder o tempo facendo o tonto na zona arrasada, e por suposto negándose á petición cidadá de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, desatendendo a petición de milleiros de galegas e galegos e dun total de 169 entidades sociais de todo tipo e de todo o País.

Toda a sociedade está chamada a botar unha man para que ese novo futuro sexa de todas e todos, tamén dos nosos herdeiros aos que poderemos legar un espazo natural do que sentir verdadeiro orgullo.

28/10/13

A Asociación Monte Pindo, nominada aos Premios Nordés

A loita pola declaración do Parque Natural do Monte Pindo está de noraboa pola nominación da Asociación Monte Pindo Parque Natural aos Premios Nordés que xa levan celebrándose durante 14 anos consecutivos na nosa comarca, e que nesta edición se fallarán o 22 de novembro ás 21 horas na Casa da Cultura de Olveira, no veciño Concello de Dumbría.

A votación segue aberta e para participar hai que contar con perfil en Facebook, e acceder a esta ligazón. Ademais, polo simple feito de participar na votación éntrase no sorteo dun lote de productos lácteos galegos para unha familia ao longo dun ano. Arestora a Asociación Monte Pindo Parque Natural lidera a votación por unha escasa marxe.

Esta Asociación xa ve nesta nominación un premio en si mesmo e un recoñecemento a 3 anos de duro traballo, loitando contra os elementos. Desexámoslle a mellor das sortes aos restantes nominados, o Clube de Xadrez Cabo Touriñán e a Asociación Asalto ao Castelo de Vimianzo, e agradecemos tamén á Radio Nordés (Cadena SER) que nos fixeran merecedores desta distinción, e aproveitamos para saudar a dilatada traxectoria e o traballo -en galego- desta emisora sen a que a Costa da Morte non sería o que é.

25/10/13

As cinzas do Olimpo Celta inundan a Berberecheira mentras a Xunta volve a negarnos axuda

Berberecheira. Fonte: AMPPN
As consecuencias dramáticas do incendio do Monte Pindo seguen dando coletazos. O banco marisqueiro da Berberecheira (Caldebarcos) amenceu cuberto por unha grosa capa de chapapote de monte, que as mariscadoras da Confraría do Pindo xa comezaron a retirar de inmediato por iniciativa propia, para tratar de evitar por todos os medios que a cinza deixe sen osíxeno e acabe con toda a produción marisqueira, como xa aconteceu hai dez anos cando o chapapote era de petróleo vertido por outra catástrofe provocada tamén pola nefasta xestión do PP, a do Prestige.

A falta de análises científicas descoñecemos polo momento se xa se rexistran problemas de contaminación tamén no mar e por tanto nun dos caladoiros de polbo de máis calidade da costa galega, pero o aspecto cada vez máis turbio e enlodado das augas abertas disparan a preocupación porque a contaminación acabe por danar tamén esta produción. Terra adentro, o lodo xa asulaga casas, parcelas agrarias e está a causar problemas en ríos e pontes.

Area e cinza. Fonte: AMPPN
Neste panorama, a Xunta de Galicia (novamente na voz da súa deputada local Marisol Piñeiro) volveu a negarse a aceptar unha iniciativa parlamentar, esta vez de AGE, para dotar de investimentos e actuacións urxentes a zona, e declarar a zona catastrófica para indemnizar e resarcir a veciños que viron danados os seus fogares e o seu medio de vida a consecuencia do incendio, e tamén que declare dunha vez o Parque Natural.

Ao igual que a presentada 15 días antes polo BNG, a Xunta volveuna tumbar usando para iso a unha deputada local de terceira fila, Marisol Piñeiro, reafirmada en furibunda negadora de investimentos para o seu pobo, insistindo novamente na estratexia de repetir unha e outra vez a mesma mentira coa esperanza de que se convirta en verdade. Por exemplo, que os veciños non queren proxectos nin investimentos da Xunta porque xa son maiores de idade e tamén incrementou noutro 5% a cifra dos veciños que segundo ela non quere o parque natural, ata o 95%.

Casa afectada na Curra. AMPPN
A falta de ningún tipo de estudo estadístico, a inventiva desta deputada é digna dun premio de ficción literaria. Temos que lembrar que o PP nunca consultou a veciñanza de Carnota neste sentido, foi a única forza que descendeu en porcentaxe de votos na zona referida, negouse a asistir ás 6 charlas informativas sobre a proposta do Parque Natural que xa se desenvolveron pese a seren convidados expresamente, e dubidamos sinceramente que participen na 7ª convocada para o vindeiro 9 de novembro no Colexio do Pindo. A propia deputada mesmo chega ao esperpento de variar o seu lugar de nacemento en función do argumento que lle interesa defender en cada momento: á hora de autoproclamarse en única portavoz dos veciños do Pindo di que naceu nesta localidade; cando o que quere é erixirse en única defensora do monte di que naceu no mesmísimo Chan das Lamas; en realidade naceu no lugar da Curra.

En definitiva, todas estas excusas de mal pagador servíronlle ao PP para volver a tumbar a petición de facer proxectos nesta zona mentras que nas restantes bancadas do hemiciclo volveu a repetirse a unidade en apoio a estes proxectos positivos para o Monte Pindo e para a veciñanza, o que non nos cansaremos de agradecer cantas veces sexa preciso a PSOE, AGE e BNG.

Cada día está máis claro que son a veciñanza e as persoas sensibles co medio ambiente os que temos que dar resposta á petición desesperada de socorro que nos está a lanzar o Monte Pindo. Estamos convencidos de que en 7 días terá unha resposta masiva mediante o proxecto civil de voluntariado SOS Monte Pindo, cuxo título ten dous significados: SOS é a sinal internacional de socorro, pero tamén é como a Xunta nos deixou ante esta catástrofe.

22/10/13

Comezou o arrastre de cinzas e lodos contaminantes do Monte Pindo ata aldeas e mar

Hai un mes a Asociación Monte Pindo pediulle a Hernández unha reunión de urxencia para prevenir isto, sen resposta

Torrencial de auga en Caldebarcos
O domingo o río e a enseada do Ézaro xa comezaba a adquirir un surrealista tono marrón chocolateado debido ao comezo de arrastres das cinzas e terras que a chuiva está xa a desprender das ladeiras do Monte Pindo. Onte auténticos torrenciais de auga contaminada arribaron tamén ao lugar de Caldebarcos, confirmando o que todos temíamos e o que a Asociación Monte Pindo levaba avisando desde o día cero da catástrofe que vivimos a partir do 11 de setembro.

Reunión solicitada pola AMPPN á CMATI o 20 de setembro
A Xunta fixo caso omiso tanto das reunións que lle solicitamos entidade e concello para facer fronte a esta problemática que se aveciñaba de xeito inminente, e que hoxe se fixo realidade con prexuízos aínda por valorar tanto a veciños e sectores produtivos pesqueiro e marisqueiro como ao propio ecosistema, pois debemos lembrar que nun macizo granítico as capas de terra son pouco profundas e a súa erosión pode ter consecuencias irreversíbeis ou incluso provocar a perda definitiva dun delicado tapiz vexetal construido durante millóns de anos que albergaba -como mínimo- a vida de 646 especies, 100 delas protexidas.

Sen embargo, si estimaron a medida que lle solicitamos no punto 4 daquela solicitude, a estabilización do solo mediante a distribución de palla, que lanzaron desde un helicóptero privado balas de palla sobre 4 das 2.500 hectáreas arrasadas polo lume, o 0,16% da superficie. Pero só se trataba dun espectacular paripé na busca do titular, pola zona "tratada" non apareceu ninguén para extender a palla e para colmo destas actuacións non se lle avisou a ninguén, nin sequera ao concello e ás forzas de seguridade para que puideran acordonar cando menos as zonas de carga e descarga e evitar o risco de que alguén resultara ferido. Tres días despois, cesou a actividade incluso antes de esgotar toda a palla almacenada no mirador de Louredo, que segue abandonada ali.

Área "tratada" con palla pola Xunta en relación ao total ardido
Cinzas na praia do Ézaro
A Asociación Monte Pindo Parque Natural esíxelle a Xunta de Galicia que cese coa súa actitude de desprezo aos veciños e cando menos acepte coma interlocutor senón a nós cando menos ao Concello de Carnota, quen lembramos é titular do Monte Pindo e debe ser informado de calquera actuación que se leve ali. Desoindo á veciñanza o noso goberno está a actuar dun xeito totalmente irresponsable e neglixente, o que só podemos explicar como unha vinganza pola avalancha de críticas á Xunta por ter feito caso omiso ás miles de voces e 169 entidades que lle reclamamos sen éxito que declarase o Parque Natural cando estábamos a tempo de actuar, e cuxas funestas consecuencias podemos ver todos hoxe.

19/10/13

A Asociación Monte Pindo cumpre tres anos

E segue en marcha: Sábado 9 de novembro ás 17:00 horas,  Charla aberta no Colexio do Pindo sobre os beneficios dun Parque Natural

Expresión persoal de rabia polo artista local Nando Lestón
Tal día coma hoxe hai tres anos, unha fermosa tardiña de outono, no Paseo Marítimo do Pindo, á sombra do Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, reuníase un grupo de veciños coa única misión de que o macizo granítico se convertese no primeiro parque natural da Costa da Morte e no sétimo do noso País, tal e como viñan de propoñer grupos ecoloxistas como ADEGA e SGHN, e os científicos e profesores máis prestixiosos das tres universidades galegas.

Hoxe, esta entidade revelouse máis necesaria que nunca e rompeu todas as barreiras, acadando relevancia internacional despois de que o fatídico 11 de setembro se declarase un incendio que o arrasaría por completo en 3 días aquelo polo que levábamos 3 anos loitando. Millóns de persoas souberon do alcance real da traxedia grazas ao traballo da nosa entidade, grazas a plataformas coma a nosa páxina web, a lista de correos, as notas de prensa que chegaron a practicamente todas as cabeceiras xornalísticas, radiofónicas e televisivas do Estado e algunhas do estranxeiro, e incluso redes sociais coma Twitter e Facebook. Só nesta última rexistráronse arredor dun millón e medio de visitas na semana do desastre. Claramente, A Asociación Monte Pindo foi a referencia informativa, e menos mal que é asi, pois de ser pola Xunta as miles de hectáreas de cinzass fumeante a que quedou reducido o Monte Pindo anotaríase no listado de centos de espazos naturais destruidos cada ano que non transcenden.

Pero para chegar a isto, fixeron falta moitos anos de traballo previo, anos de moita reivindicación, por suposto, e non porque estemos politizados senón porque non pode ser doutro xeito: o cumprimento do noso principal obxectivo pasa pola vontade dun político do PP, o señor Agustín Hernández, e só presionando poderíamos lograr que aceptase comezar unahs tramitacións que sabía perfectamente que lle ía esixir esforzos económicos da súa Administración para dotar o Parque de dirección, corpos de vixilancia e conservación, e investimentos anuais para desenvolver o seu potencial. Esta presión non só se fixo mediante manifestacións, senón con reunións co susodito, que ata chegou a asegurarnos que estaba pola labor igual coma outros membros do seu departamento.

Pero non chegou só con iso. Fixeron falta media ducia de charlas informativas, unha decena de iniciativas de voluntariado para limpar e recuperar camiños abandonados, recollida de toponimia e tradición oral, investigación histórica e patrimonial, a investigación da bioloxía coa creación dun Catálogo de Especies do Monte Pindo que conseguiu inventariar 646 especies antes do incendio, e mesmo grandes Simposium monográficos ou Xornadas de Historia e Patrimonio, e un longo etcétera. Todo isto foi pouco a pouco apuntalando os alicerces dunha organización veciñal que non só pedía cousas, senón que predicaba co exemplo e mesmo ofrecía outras.

En poucos anos a afiliación multiplicouse por 13, moitísimos millóns de persoas en todo o mundo hoxe saben que existe o Monte Pindo grazas a esta labor de divulgación, e podemos presumir de contar cun bo número de expertos e investigadores que desenvolven unha labor completamente altruista no Monte Pindo, da man da nosa Asociación.

Malia todo, a Xunta a efectos reais nunca fixo nada, e foi mutando a súa postura favorable con matices ata unha situación de negativa total que causa total desamparo e desafecto coa veciñanza de Carnota e as 169 entidades que lle pedían que dunha vez iniciase a tramitación do Parque Natural.

Hoxe en día as relacións están completamente rotas, e non porque nós non intentáramos conservalas: segue pendente unha reunión solicitada co conselleiro en decembro do ano pasado e outra en pleno lume, sen resposta. Incluso néganse a atender xa ao Concello de Carnota, con tres reunións solicitadas.

O único que fixeron no Monte Pindo ardido foi o paripé para calar catro bocas e garantirse uns titulares mediáticos que insinuaron que fixeron algo ante a maior catástrofe ecolóxica do ano: cimbrando unilateralmente palla no 0,16% da superficie, e agora lanzando tamén unilateralmente un pomposo programa de voluntariado de 2 meses e medio que en realidade só dedica 5 xornadas ao Monte Pindo. Incluso sacrificaron a carreira política de Marisol Piñeiro, veciña da zona que soaba como futura candidata popular á alcaldía de Carnota, e que está sendo a cara visible da negativa a aceptar destinar orzamentos da Xunta á recuperación da zona arrasada e a paliar as perdas económicas dos veciños directamente afectados.

A Xunta é hoxe unha institución captiva da estratexia partidista do PP, que viu nunha semana denostadas e desprestixiadas pola cidadanía todas as súas políticas destinadas ao medio rural e natural, e dunha fabulosa campaña contra os incendios que se lle caeru coma un castelo de naipes, mentras o pobo ardía en indignación polo que viña de pasar e polo que estaban vendo despois.

Pero incluso ante un bloqueo institucional a sociedade debe seguir andando, e a Asociación Monte Pindo tamén. Por iso está a preparar un programa de voluntariado a gran escala para recuperar o Olimpo Celta, e vai seguir organizando charlas para que a veciñanza se siga implicando nos proxectos que existen para converter un monte hoxe abandonado nun monte coidado, produtivo e que cree postos de traballo e mellore a calidade de vida. A seguinte será o próximo sábado 9 de novembro ás 17:00 horas no Colexio do Pindo, e convidamos a todas as entidades e persoas que queiran estar, incluso a Marisol Piñeiro e ao seu virtual "90%" do Pindo que segundo ela prefire que a Xunta non faga nada.

15/10/13

Intereses económicos e políticos poderían estar detrás do lume que arrasou o Monte Pindo

O Partido Popular pasou de ser a primeira entidade en pedir a declaración do Parque Natural do Monte Pindo, a ser o seu único freo e a promover proxectos incompatibles que poderían verse favorecidos pola destrución ecolóxica do Olimpo Celta

No 2003 o Parque Natural do Monte Pindo foi a
proposta estrela do PP de Carnota (Fonte: La Voz)
As semanas pasan, e a falta de aparecer o autor material do incendio, comézanse a barallar hipóteses que puideran explicar que levou a alguén a iniciar o lume que acabou co Monte Pindo no solpor do fatídico 11 de setembro de 2013, xusto á hora en que os medios de extinción aéreos -os únicos minimamente efectivos nesa zona- xa non poderían despegar. Neste contexto, a posibilidade que gaña máis peso para explicar esta catástrofe é a de cargarse as condicións que candidataban o Monte Pindo para unha declaración como Parque Natural que parecía cada vez máis inminente.

No 2007 seguía no programa electoral
A pregunta que temos que facernos é clara: quen resultou realmente beneficiado por este incendio? No Monte Pindo non hai actualmente intereses madeireiros ou gandeiros que puideran aproveitarse dun lume, nin moito menos urbanisticos, pois a durisima orografía, a carencia de servizos e as restricións derivadas da Rede Natura impiden o desenvolvemento de proxectos residenciais na zona.

Sen embargo si existen intereses especulativos que poden saír beneficiados da destrución ecolóxica do Olimpo Celta que freara a súa inminente declaración como Parque Natural. Nese sentido, o Partido Popular ten moito que dicir, pois mentras outros pulamos pola declaración o PP pasou de ser o primeiro que pediu esta medida a promover proxectos claramente incompatibles coa protección e o desenvolvemento sostible do Monte Pindo.

Só por lembrar algunhas das propostas que o PP apoiou moi activamente, estaba cercar o Monte Pindo de viraventos mediante a ampliación dos 3 parques eólicos que existen nas inmediacións, a implantación de novas minicentrais hidroeléctricas no río Xallas, ou a pretensión de crear unha canteira. Pero das que máis polémica xerou foi a de crear no Monte Pindo un coto de caza maior. O PP pretendía literalmente valar o Olimpo Celta para pechar dentro especies de caza maior, para permitir só o acceso de cazadores. Calquera das propostas referidas sairían beneficiadas por un lume que frease a creación do Parque Natural.



É moi importante lembrar que a idea de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural naceu no propio PP hai xa dez anos. Durante as eleccións municipais do ano 2003 o seu candidato carnotán, José Oreiro, anunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia a súa intención de convertir o Monte Pindo en Parque Natural. Na campaña do 2007, refrescou este compromiso no seu programa electoral. Porén, malia acadar a alcaldía, non foi quen de cumprir esta promesa no seu mandato. No 2010 un grupo de veciños decidiu dar un paso adiante a favor desa idea e ofreceulle ao daquela alcalde de Carnota liderar a demanda veciñal. Inexplicabelmente, xusto nese momento o rexedor popular deu un paso atrás e nas eleccións locais do 2011 pasou de ser o único que o pedía a ser o único que o criticaba, resultando derrotado nas urnas.

Porén a bola de neve que el mesmo creara xa se convertera nunha reivindicación de transcendencia galega apoiada por toda a esfera política, por practicamente todas as entidades sociais da bisbarra e sobre todo de Carnota: Confrarías de Pescadores do Pindo e de Lira, Comunidades de Montes de Caldebarcos e Lira, asociacións veciñais coma Canle de Lira, Insua de Lariño, Raiña Lupa de Quilmas, As Areas de Mallou, O Patín de Carnota e Xurde Caldebarcos... Nin unha soa entidade veciñal se posicionou en contra ata hoxe. Na bisbarra a demanda tampouco pasou desapercibida, obtendo axiña o respaldo da Asociación Neria que representa a todos os concellos da Costa da Morte, dos empresarios e dun longuísimo etcétera que a día de hoxe aglutina o apoio de 169 entidades de todo tipo, e medrando.

Poucas veces antes se puxeran dacordo intereses tan dispares nun proxecto común que pasaba por aproveitar un espazo abandonado para o seu desenvolvemento e a mellora das condicións de vida de toda a veciñanza. E poucas veces se produciría o absurdo de que o ideólogo orixinal da idea pasou a combatila cando o conxunto da sociedade a asumiu.

Os argumentos desta negativa son máis absurdos aínda. O PP primeiro dicía que era moi pequeno (malia que sería o 5º parque natural galego en extensión), logo que moi caro, logo que estaba protexido abondo, e agora que ardeu por culpa da súa falta de interese en protexelo aseguran que "o 90% da veciñanza non o quere", o que a falta dun estudo estatístico é tan científico coma se dicimos que a única que non o quere é Marisol Piñeiro. Curiosamente esa maioría silenciosa que nunca se pronuncia nun sentido nin noutro sempre resulta avalar as argumentacións da dereita máis rancia, mentras que aqueles que si se pronuncian e que resultaron estar unanimemente a favor desta iniciativa, ou son poucos ou non son de Carnota ou están equivocados. A trapalleira deputada insiste en que ela é a única voz dos veciños, confundindo o círculo de amizades no que os seus disparates teñen algunha aceptación coa vontade maioritaria do seu pobo, un delirio de grandeza que demostra precisamente a falta de contacto real co pobo que di representar, o mesmo pobo que lle deu as costas enviándoa á oposición.

Mención aparte merecen as súas imaxinativas invencións a respecto das consecuencias negativas dos Parques Naturais para os veciños. Chegan a asegurar que lles van expropiar aos veciños a súa propiedade. Marisol Piñeiro ignora ou non quere saber que o monte proposto para a súa declaración é público, do concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que apoian abertamente a declaración. Incluso se atreven a dicir que o Parque Natural significaría o peche da piscifactoría de Quilmas, cando o que está a debate é o monte, non a liña de costa.

Esta deputada minte a sabendas de que axitando falsas pantasmas de restricións e perda de postos de traballo, unido ao descoñecemento xeralizado sobre as características desta figura de protección, pode alimentar o medo dunha poboación xa machacada pola falta de traballo e oportunidades na nosa bisbarra, cando precisamente o que se pretende co Parque Natural busca crear novas oportunidades de traballo, desenvolvemento e calidade de vida para a cidadanía aproveitando un monte que hoxe é un espazo absolutamente abandonado no que ninguén ten un interés aló do recreativo, e que esta desafección é a que provoca incendios coma o que vimos de vivir.