|
A bandeira verde converteuse xa no símbolo desta loita |
Mentres a Xunta de Galicia segue insistindo na súa
fuxida cara adiante e repetindo o absurdo
mantra de que o monte estaría igual con protección, o movemento social que leva 3 anos pedindo a súa defensa está traballando a pleno rendemento de
cara a devolver o verde ao Monte Pindo, e tamén para esixirlle ás administracións competentes que fagan nin máis nin menos que o que se espera delas. Mentras tanto centos de persoas puxéronse xa á enteira disposición da Asociación Monte Pindo Parque Natural para axudar a recuperar o espazo natural destruído.
Unha maré verde solidaria conquistará o Olimpo Celta
|
Cartel da marcha do 28 |
O sábado 28 de outubro unha auténtica marea solidaria subirá ás 11 da mañá ao Olimpo Celta. Centos de mensaxes e chamadas indican que a sociedade estase a mobilizar masivamente, e o evento xa foi rebautizado popularmente como
marcha verde polo Monte Pindo, pois esa cor converteuse xa no símbolo da desesperación e a impotencia pola catástrofe que vivimos, pero tamén da solidariedade e da esperanza por un futuro mellor para o Olimpo Celta.
Chamamos a toda a sociedade a traer bandeiras, prendas ou lazos desa cor para devolverlle simbolicamente a vida ao Monte Pindo nunha expresión de dignidade e de rabia contra os lumes que de a volta ao mundo. Ao mesmo tempo, as 11, unha
marcha ciclista verde partirá desde Compostela con rumbo ao Monte Pindo, encabezada por destacados ciclistas da nosa comunidade, que tamén queren expresar a súa solidariedade. Finalmente o movemento social contra os lumes e por un medio ambiente máis coidado, rendible e protexido confluirá o 6 de outubro nunha grande Manifestación en Compostela que xa están a secundar ducias de colectivos de todo tipo, polo que se agarda igualmente masiva.
Actuacións necesarias e urxentes para evitar outra catástrofe inminente
|
Os regatos xa acumulan cinzas |
O Monte Pindo precisa de axuda urxente para sobrevivir. E cremos que quen debe facelo é a administración que nos representa a todos. É por iso que a nosa Asociación vai solicitar unha reunión de urxencia co Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, para reclamarlle que en desenvolvemento das súas competencias, e dado que conta co personal e os recursos necesarios para facelo, pase das palabras aos feitos e adopte cando menos as seguintes actuacións de emerxencia que -por unha vez- nos permita anticiparnos á catástrofe inminente, a do arrastre de cinzas e a erosión total do terreo:
- Restauración hidrolóxico forestal do Monte Pindo que evite a erosión e o arrastre das cinzas, que é a maior ameaza inmediata.
- Hidrosembra de herbáceos autóctonos de crecemento rápido (p. ex. trigo e centeo) no perímetro do espazo natural.
- Establecemento de barreiras vexetais para a contención de escorrentías nas ladeiras máis sensíbeis, que se poden elaborar facilmente tumbando as árbores calcinadas a contrapendente, deitando balas de palla, etc.
- Estabilización da superficie do solo mediante aplicación dunha capa de palla que reteña as cinzas e evite a erosión.
- Declaración de zona catastrófica e dotación dos recursos necesarios para paliar os danos sufridos polos veciños nas súas casas e propiedades, asi como aos colectivos que tiñan na zona proxectos de agricultura e apicultura ecolóxica.
|
Restos dunha alvariza tradicional |
Se cando menos todo isto se fai de inmediato, cando cheguen as choivas evitaremos unha nova catástrofe. Todo o sector sabe exactamente o que hai que facer nesta situación, que é saír dos despachos, deixarse de inventar o que está inventado e actuar desde xa no campo. Pero polo momento o unico que vimos foi declaracións, declaracións e máis declaracións. Atendendo as elas, os técnicos da Xunta "xa están a traballar" no asunto. Porén, membros da nosa Asociación levan días percorrendo cada recuncho do Monte Pindo e os únicos técnicos que se viron na zona son aqueles que nos acompañaban.
O carballo anano, en perigo crítico de desaparición
|
Carballo anano calcinado |
As primeiras conclusións sobre o terreo das consecuencias ecolóxicas déixannos cun panorama moito peor do esperado. O carballo anano (
Quercus lusitanica, especie vulnerábel) foi destruido case por completo. O mesmo equipo que
catalogara hai uns anos a especie e logrou que se catalogara coma vulnerábel acompañáronnos novamente ao lugar e desgrazadamente certificaron a destrución do 99% da poboación do carballo anano, mentras que no caso do 1% restante algunhas partes da planta non se queimaron; haberá que esperar á primavera para certificar a supervivencia, ou ben a defunción, desta especie no Monte Pindo. Debemos aclarar que estes días teñense sucedido numerosas noticias referidas á suposta boa saúde do carballo anano; isto débese á confusión moi común con exemplares xuvenís de carballo do país e rebolo distribuidos por todo o monte, mentras que o rarísimo carballo anano só ocupa unha área mínima e aillada.
Para o
Iris boissieri, en risco crítico de extinción a nivel mundial e que
descubriramos pouco antes do lume despois de anos sen localizalo, haberá que esperar uns meses máis, e o seu futuro depende da profundidade á que se atopan os seus bulbos.
|
Xil Caamaño, presidente da AMPPN,
co biólogo Martiño-Fiz Lindoso |
O hábitat do
Eryngium duriaei subsp. juressianum ao norte da cova da Casa da Xoana, foi igualmente arrasado ao 100% asi que tamén se teme por esta especie en perigo de extinción.
En definitiva, farán falta anos para certificar o estado cando menos das 646 especies que o Grupo de Bioloxía da Asociación Monte Pindo Parque Natural xa tiña catalogadas no espazo natural a consecuencia da elaboración do
Catálogo de Especies, cuxa nova web se ía presentar na semana do desastre. Desas especies, un cento contaban con algún nivel de protección. Farán falta meses ou anos para facernos unha idea global do que foi de todas elas.