24/09/13

A previsión dunha afluencia masiva obriga a modificar o percorrido da marcha verde do día 28

Cartel actualizado
A Asociación Monte Pindo Parque Natural comunica que ante a previsión dunha auténtica maré humana para a marcha verde do día 28 de setembro polo Olimpo Celta, tomamos a decisión de modificar o percorrido desta marcha que non rematará no cumio do Monte Pindo (a Laxe da Moa) senón que atravesará o Monte Pindo utilizando a pista forestal que sube desde o porto de Quilmas (a carón do cemiterio do Pindo) ata o Chan das Lamas, descendendo de novo pola ladeira sur para rematar no lugar de San Cibrán (ver mapa do percorrido). O novo trazado durará aproximadamente 1 hora e media, a súa dificultade é baixa e prevese o remate da actividade ás 13:00 horas aproximadamente.
Do mesmo xeito, suspéndese a saída prevista desde o lugar do Fieiro (Mazaricos) e chamamos ás persoas que tiveran previsto partir de ali a confluír noutro punto previsto.
Mantense o horario de saída ás 11:00 horas desde a Praza da Solaina do Pindo. No caso da comitiva de Caldebarcos, respaldada pola Comunidade de Montes da localidade, esta mantense e confluirá coa procedente do Pindo no Chan das Lamas.
Esta modificación débese á previsión dunha afluencia masiva a unha marcha verde que de transcurrir polos sendeiros pedestres tradicionais pode ser contraproducente tanto para a seguridade e a saúde das persoas participantes como para o propio espazo natural. Asi, este novo trazado desenvolverase unicamente por estrada e pista forestal, o que aparte de garantir a seguridade e comodidade da asistencia tamén será completamente inocuo para un espazo natural arrasado por un devastador incendio hai só uns días.
Polo demais, a convocatoria mantense nos termos previstos e lembramos o chamamento a participar con roupa, bandeiras, paraugas ou lazos verdes para simbolizar que devolveremos o verde ao Monte Pindo. Tamén lembramos a importancia de traer un calzado cómodo e seguro e roupa axeitada para as condicións meteorolóxicas da mañá do sábado.



E pola noite, Concerto polo Monte Pindo en Carnota
Entre as actividades en solidariedade co Monte Pindo organizadas por entidades apoiantes de todo o país, terá lugar un concerto solidario en defensa do Olimpo Celta o mesmo día 28 de setembro a partir das 23:30 horas na Praza verde de Carnota (debaixo do Concello), no que actuarán o grupo local Tantoten (Carnota) e o grupo Os Tres Trebóns (Montealto, Coruña) liderado polo mítico Xurxo Souto.
O concerto foi organizado como parte das XXIV Xornadas de Verán que a asociación xuvenil Galiza Nova vai desenvolver este ano en Carnota.

Medra a espectación ante a Manifestación do 6 de outubro
Moitas son as persoas e entidades que tamén nos transmitiron o seu apoio para a Manifestación que o día 6 de outubro a partir das 12 horas percorrerá desde a Alameda as rúas de Compostela para esixirlle á Xunta outra política de montes, que tome a iniciativa para revertir o abandono ao que está abocado o noso rural e que teña máis en conta os espazos naturais e especialmente os protexidos, varios dos cales levan sufrido importantes incendios e danos nos últimos anos. E, por suposto, que declare a zona catastrófica en Carnota para paliar os danos dos incendios e minimizar o perigo de riadas, e declare dunha vez por todas o Parque Natural do Monte Pindo que levamos 3 anos esixindo.
O manifesto, o lema da marcha e outros aspectos serán concretados nunha xuntanza que terá lugar este xoves en Compostela e á que están convidadas representacións de todas entidades que desexen secundar a convocatoria, que xa foi rexistrada pola nosa entidade ante a Subdelegación do Goberno, e coa que aspiramos a aglutinar os colectivos e movementos sociais galegos para converterse na grande cita do ano entre os todos os galegos e galegas que cremos que outra xestión medio ambiental non só é posíbel senón necesaria para o futuro do noso País.