Águia real (Aquila chrysaetos). Fonte. |
Cova Casa da Xoana. Fonte propia. |
Xoana aniñara alí arriba, lonxe da ameaza de especies que poderían ameazar a súa futura prole. O que Xoana non previra é que acabaría enfrontada cun inimigo inesperado, que condearía a súa existencia para sempre: as leis dun estado de homes convertidos en alimañas para a natureza e para si mesmos. O 11 de agosto de 1953, Franco aprobou un decreto que pasou á historia co nome de "Lei de Alimañas", pola que constituiu as Juntas Provinciales de Extinción de Animales Dañinos y Protección a la Caza, ou alimañeros, un auténtico corpo de exterminio da vida salvaxe dos nosos montes, que recibían importantes recompensas económicas en función do número e especime abatidos. Naqueles tempos de miseria xa podedes imaxinar o que pasou.
Axiña os alimañeros proliferaron en todo o estado, tamén na Galiza, ávidos de presentar ao réxime calquera resto dun animal considerado depredador para gañar cartos. As águias reais só eran unha das especies a aniquilar. Tamén estaban no punto de mira aguias, aguiachos, falcóns, miñatos, bufos, voitres, corvos, grallas, gabiáns, pegas (e os seus ovos), lobos, raposos, denociñas, fuíñas, gatos monteses, xenetas, linces, londras, teixugos, touróns, cobras, lagartos, víboras... En definitiva, a cabeza de toda especie que non caera en graza ao réxime tiña recompensa. Os premios ascenderon a un total de 4 millóns de pesetas, unha cantidade estratosférica se temos en conta que o orzamento do Ministerio de Agricultura no mesmo período foi de 726 mil pesetas.
A lei saldouse con preto de 700.000 animais mortos, sobre todo aves, unha cifra que debeu ser moito maior pois non se contabilizaron os animais cuxa morte non tivo recompensa por non poderse demostrar a caza con anacos do corpo. No que toca á nosa Xoana, en só sete anos os alimañeros conseguiron acabar con 1207 exemplares de Aquila chrysaetos, e malia que fracasaron no seu empeño de erradicar definitivamente a especie, entrou en perigo de extinción e nalgúns lugares conseguiron o seu macabro obxectivo. Asi, a cobiza dos homes matou a Xoana, e con ela morría o último exemplar da súa especie no Monte Pindo. O aviso debeu ser tan claro que nunca máis esta especie volveu a planear maxestuosamente sobre o Olimpo Celta, deixándonos só para o recordo unha cova co seu nome, a Cova Casa da Xoana.
Pero nós, ilusos soñadores, queremos que Xoana retorne. Estamos a preparar un ambicioso proxecto que busca a restauración da cadea trófica e da cuberta vexetal do Monte Pindo cercenadas por décadas de incendios, abandono e exterminio, para que se den as condicións naturais necesarias para que Xoana, este símbolo do que non se debe volver a repetir nunca, por fin poida volver á súa casa. Queremos a águia real no Monte Pindo e queda moitísimo por facer. Axudádenos!