|
Este foi o aspecto do Salón de Actos os dous días |
As
Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" vertebraron esta fin de semana varios miles de anos da nosa historia, onde agora poderemos inscribir esta iniciativas con letras de ouro despois do éxito absoluto de asistencia e de contidos, tras conseguir reunir en Carnota durante os días 1 e 2 de xuño a preto de 150 asistentes e 24 relatores, do mundo académico ou non. A resposta foi tal que malia que a organización agardaba que os "xornadistas" (divertido alcume acuñado o domingo) chegasen de forma escalonada, ás 09:30 da mañá produciuse un verdadeiro colapso no posto de acreditación que atrasou media hora o inicio do evento. Mentras, nos corredores comentábase que nunca se xuntaran tantas persoas nun acto deste tipo en Carnota.
150 persoas chegadas de todo o Concello e todo o País, de todas as idades e de todas as dedicacións, demostraron desde moi cedo que a convocatoria tíñase convertido xa nun rotundo éxito, e que o marco das Xornadas ían ser imaxes dun Salón de Actos absolutamente repleto de asistencia, pois chegaban máis e máis cadeiras para acoller aos que seguían acreditándose.
Foron dous días de explicacións, debate e reflexión sobre todo canto pasou en Galiza desde hai varios miles de anos, na época dos castros, ata o derrocamento dos castelos medievais polas armas irmandiñas, xa en pleno século XV; son precisamente os milenios que máis restos arqueolóxicos deixaron esparcidos polos nosos montes, moitos ben coñecidos pero outros moitos, moitísimos, sen apenas sacar sequera das toxeiras. É precisamente no estudo destas onde consideramos que estas Xornadas nos deixaron citas, datos e aprendizaxes que se poderán escribir nos libros.
As sorpresas comezaron no minuto cero, na propia presentaciónAdemais do saúdo do presidente de Monte Pindo Parque Natural,
Xilberto Caamaño, e da coordinadora das Xornadas
Natalia Conde, o concelleiro carnotán de Cultura,
Iván Franco Caamaño non quixo desaproveitar a oportunidade e anunciou que o exitoso
Proxecto Torre dos Mouros terá continuidade este verán
cun novo proxecto de arqueoloxía pública que espera volver aglutinar as sinerxias xurdidas no Monte de Lira para excavar parte do cercano Castro de Mallou.
Bloque I: Na mañá do sábado percorremos os castros e a romanidade
|
Rafael M. Rodríguez Martínez |
O programa comezou co relatorio "
Son todo castros? Peculiares xacementos na Idade do Ferro do NO” de
Rafael Rodríguez, licenciado en Historia pola USC, que afrontaba a -a priori- ingrata tarefa de ser o primeiro ponente das Xornadas, porén puido disertar ante un auditorio absolutamente abarrotado sobre os recintos da Idade de Ferro que non poden considerarse castros ao uso.
|
Xurxo M. Ayán Vila |
Logo,
Xurxo Ayán, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC que traballou en numerosos xacementos dentro e fóra de Galiza, incluindo a Torre dos Mouros, desenvolviu o tema "
Aquí no hay quien viva: a emerxencia da paisaxe fortificada da Idade do Ferro en Galicia", presentando a sociedade castrexa como un pobo belicoso e conflitivo que precisaba autodefenderse, o que explica certos fenómenos construtivos que aprezamos en moitos castros.
|
Luis Cordeiro Maañón |
|
O novo petroglifo do
Monte Pindo |
Luis Cordeiro, licenciado en Historia pola USC e responsábel do inventario arqueolóxico do futuro PXOM carnotán, ocupouse da terceira charla coa súa "
Aproximación ao estudo dos recintos fortificados do concello de Carnota", un percorrido detido polos diferentes tipos de fortificación que se conservan no propio Concello de Carnota e que son unha digna representación das diferentes etapas dos nosos antepasados: xacementos romanos, Castros de Mallou e Miñarzo, Torre dos Mouros e murallas do Monte Pindo, Castelos de San Xurxo, Penafiel e Canedo...
Pero ademais, Cordeiro anunciou unha nova sorprendente:
a confirmación de que os trazos en pedra que lle amosamos o ano pasado ano se trataban en realidade de petroglifos, os únicos que se coñecen no Monte Pindo obviando as inscricións medievais, e que xa están catalogados como tales.
|
Antón F. Malde |
Despois do café e do merecido descanso, sucede na tribuna o noso vello coñecido
Antón Malde, director arqueolóxico do proxecto Torre dos Mouros, que relacionou espacialmente este xacemento arqueolóxico neodescuberto e excavado o pasado verán cos conxuntos castrexos do contorno. Asi mesmo, Antón Malde presentou as conclusións da súa comparativa con outros recintos similares de Galiza, o que só lle serviu para encadrar a fortaleza de Lira como un dos poucos casos galegos de fortificación con muralla discontinua, nos que en realidade a fortificación é o medio natural e as mans dos homes e mulleres só reforzaron os seus puntos débiles. Curiosamente, entre os poucos casos que se coñecen -poden contarse cos dedos dunha man- tamén hai outro do Concello de Carnota, as murallas do Monte Pindo.
|
Felipe Arias Vilas |
Finalmente un auténtico mestre,
Felipe Arias, licenciado en Filosofìa e Letras (sección Xeografía e Historia) pola USC puxo o punto e final da sesión da mañá cun relatorio que versou sobre a romanización, ou mellor dito o que el gusta máis de chamar "
Os castros galaico-romanos" onde comezan a aprezarse casos de fusión das dúas tecnoloxías construtivas, cuxo maior expoñente é o caso que el mellor coñece, o Castro de Viladonga que dirixiu durante anos.
|
Debate aberto cos relatores |
Tras o oportuno debate aberto e as preguntas a todos os conferenciantes, entre as que destacou a curiosidade polos novos petroglifos do Pindo e os motivos que levan á sociedade a organizarse en castros, visitamos o Castro de Mallou que recibiu antes de xantar a unha verdadeira multitude desexosa por coñecer as características do recinto castrexo que o Concello de Carnota excavará este verán coa axuda dun equipo multidisciplinar e de voluntariado.
|
Visita ao Castro de Mallou |
Bloque II: As raras fortalezas tardoantigas ocuparon a sesión da tarde
|
José Carlos Sánchez Pardo (esq.) |
Un Salón de Actos novamente abarrotado acolliu a exposición "
Explorando os contextos sociopolíticos das fortificacións galegas altomedievais" de
José Carlos Sánchez, doutor en Historia Medieval pola USC, coa súa achega ás fortalezas da Alta Idade Media pragada de referencias aos castelos roqueiros coma o propio San Xurxo, recintos que en moitos casos aínda están comezando a estudarse.
|
Manuel Gago Mariño |
Outro asiduo a escrutar o noso patrimonio esquecido,
Manuel Gago (doutor en Ciencias da Comunicación pola USC, director de Culturagalega.org e autor do blog Capítulo Cero) presentou o relatorio "
Castra e/ou castella? Procesos de fortificación e defensa na Antigüidade Tardía de Gallaecia", entrando con forza e valentía no escuro terreo dos recintos amurallados que non son castros nin castelos, demostrando a gran intelixencia e economía construtiva que lles serviu a aquel pobo para converter apenas curutos de montes en auténticas "fortalezas baleiras" case inexpugnables. Gago presentou o alzado cos 14 trazos de muralla de aparello ciclópeo que leva rexistrado no caso paradigmático do Monte Pindo, fortaleza que para os seus traballos denomina "Pindo central", e que conta cunha lonxitude similar á das Murallas de Lugo e cun ancho superior á celebérrima
Muralla de Hadrián en Inglaterra.
|
Manuel Recuero Astray (dta.) |
O albaceteño Dr.
Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC e decano da Facultade de Humanidades, asumiu a seguir a voz das Xornadas enunciando o "
Carácter e función do Castelo Medieval: fortalezas do Reino de Galicia durante a Alta Idade Media”.
|
Mario Maceiras Dosil (dta.) |
O veciño de Lira e secretario da Asociación Monte Pindo,
Mario Maceiras, explicou logo o "
Cénit e declive do Castelo de San Xurxo", un relatorio no que defendiu que desde esta fortificación desaparecida o conde Rodrigo Pérez de Traba exerciu a capitalidade do Condado de Carnota (actuais concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos) entre os séculos IX e XII. Asi mesmo, presentou unha pasaxe da documentación medieval que revela que, contra o que sempre se dixo, San Xurxo nunca caiu baixo as espadas irmandiñas, senón que foi desfeito deliberadamente un século antes por Lope Sánchez de Ulloa, primeiro membro da poderosa liñaxe dos Moscoso, con permiso do rei.
Finalmente,
Antón Malde subiu de novo á tribuna para continuar explicando as conclusións dos seus traballos na "
Torre dos Mouros: unha gran fortificación tardoantiga na Costa da Morte", onde sorprendiu aos asistentes cando presentou os resultados da análise feita co gradiómetro do CSIC, que demostra que ademais das atopadas hai outras estruturas soterradas que poden xustificar unha nova intervención para seguir achegando información que permita a súa datación, que pola tamén sorprendente ausencia de materiais (cerámicas, metais...) aínda non se pode asegurar con rotundidade.
Bloque III: Pensando en castelos medievaisO domingo xa ás 9 da mañá, un bo grupo de asistentes xa agardaba impacientes pola apertura das portas do Concello de Carnota, que axiña estivo novamente cheo aínda que cun ritmo máis escalonado que o día anterior.
Foi o granadino
Carlos J. Galbán, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB ademais de coordinador das Xornadas, o que iniciaría a sesión matutina coa palestra "
Castelo, poder e señorío: Concepto e forma da fortificación na Idade Media" que aproveitou para desmontas moitas das ideas e preconceitos que todos temos dos castelos e a visión deles coma un ente meramente defensivo, para presentalos como verdadeiras estruturas de poder e imaxe.
Julio Vázquez, licenciado, doutor e profesor de Historia da Arte na USC, revolviu nun terreo moi pouco coñecido da nosa historia, o da función militar de moitas edificacións relixiosas, e nomeadamente sobre a fortificación e uso militar da Catedral de Santiago, que deu nome ao seu relatorio.
|
Xosé Manuel Sánchez Sánchez |
A continuación era o turno dun relator,
Xosé Manuel Sánchez, cuxa presenza achegou por si mesmo a varios veciños do noso concello interesados pola historia e nomeadamente pola documentación antiga. O motivo é que trátase nada máis e nada menos que o arquiveiro da Catedral de Santiago, sendo polo tanto un dos maiores coñecedores do inmenso legado documental que ali está depositado e que describen verdadeiramente o noso territorio ao longo de centos ou miles de anos. O seu relatorio versou sobre "
A fortaleza medieval de A Rocha Forte. Preguntas e respostas”, o impresionante castelo situado nas inmediacións de Compostela e excavado recentemente.
|
Natalia Conde Cid |
Chegou o turno de
Natalia Conde, a última dos tres coordinadores das Xornadas que quedaban por falar, que desenvolviu un relatorio centrado na conformación de Castro Caldelas, unha vila cun impresionante legado histórico que podemos constatar nas características fortificacións que aínda se conservan.
|
David Chao Castro |
Detrás dun merecido café neste maratoniano bloque de mañá,
David Chao, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, interviu cunha amena exposición sobre as "
Fortificacións da Ribadavia medieval".
A David Chao que temos que agradecerlle moitísimo que aceptara ser o responsábel académico destas Xornadas, o que nos permitiu outorgar un
crédito de libre configuración da USC aos asistentes
|
Anselmo López Carreira |
Por último, clausurou o programa matutino outra das sesións máis agardadas, a que estaría a cargo de
Anselmo L. Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC cuxa lectura do seu extenso legado bibliográfico de seguro rebasaría os 30 minutos que cada relator tiña asignados. Anselmo disertou sobre “
As Irmandades e a destrución das fortalezas”, tema no que é un dos maiores expertos.
Anselmo centrou a súa participación en desmitificar o carácter popular da Revolta Irmandiña, que en moitos casos identifica máis unha afiliación interesada dos poderosos que dun xenuino alzamento "revolucionario", e explicou como conseguiron derrubar a totalidade dos castelos medievais de Galiza, tanto desde a óptica da organización social previa como da acción fisica do seu sometemento e final abatemento ordeado.
|
Un momento do segundo debate |
Despois do correspondente debate, tocoulle a visita ao recinto fortificado da Torre dos Mouros en Lira, sobre a cal se falara en profundidade en distintos momentos da programación.
|
Situando outras fortificacións desde o alto de Lira |
Bloque IV de Comunicacións: Tempo de novos valoresA organización abrira convocatoria de
Comunicacións para que as persoas que tivesen algo que dicir en calquera materia relacionada cos temas a tocar nestas Xornadas puidesen participar, cun ollo posto en dar a oportunidade para que os nosos novos investigadores puidesen expoñer o seu traballo. E a convocatoria saldouse cun notábel éxito, e malia a alta calidade de todas as achegas houbo que seleccionar oito para que se axustasen ao tempo previsto, que como se verá foron do máis horizontais e multidisciplinares que podíamos agardar.
|
Francisco Alonso Toucido |
Comezou
Francisco Alonso Toucido, graduando en Historia pola USC, co traballo "
Aproximación á cerámica medieval compostelá. Resultados preliminares do xacemento do Franco 31", un campo escasamente traballado aínda en Galiza, e máis cando se queren potenciar unhas épocas sobre outras. Amosou numerosos exemplos de cerámicas compiladas neste xacemento e as posíbeis hipóteses para a súa adscrición cronolóxica e social.
|
Olalla López-Costas |
Outro campo moi curioso, o estudo dos restos óseos das necrópoles, serviulle a
Olalla López-Costas (antropóloga física e doutora pola Universidade de Granada) para respostar a cuestión "
¿Cómo se vivía e cómo se morría na Galiza Romana e Medieval? Unha aproximación á saúde, dieta e vida cotiá dende o estudo dos esqueletes.", unha intervención que deixou datos certamente interesantes sobre a incidencia de enfermidades naquelas sociedades, as carencias alimentarias ou a escasa esperanza de vida. Tamén sorprendiu ao revelar que os casos de esqueletes medievais con trazas dunha morte violenta son anecdóticos.
|
Mariña Bermúdez Beloso |
Mariña Bermúdez, licenciada en Historia pola USC, dedicou os seus 20 minutos ao tema
"Miña terra galega: outros significados do termo terra e a súa importancia na organización do territorio galego medieval" debullando os interesantes estratos territoriais nos que se configurou a sociedade dos nosos antergos tanto a nivel civil coma relixioso, centrada nunha figura intermedia con entidade propia no Medievo, a
terra, o que ilustrou con exemplos coma o da terra de Carnota.
|
Antón Malde e Manuel Gago |
Cando
Manuel Gago e
Antón Malde piden presentar unha comunicación xuntos, podes esperarte calquera cousa. Pois a consigna non fallou, e coa comunicación "
A presenza militar romana na Gallaecia occidental: novos datos para a súa investigación" presentaron os avances preliminares dun estudo sobre o proceso de conquista e primeiros momentos de romanización en Gallaecia, amosando un primeiro resultado: a posible existencia dun gran campamento romano en Cornado (Negreira). Ademais atópase nas inmediacións de Brandomil, onde debía estar situada a fronteira oriental do antigo Condado de Carnota, polo que este importante achado ten tamén transcendencia para a historia local.
|
Pablo Ordás Díaz |
Despois do que seguramente sexa a
bomba destas Xornadas, subiu á tribuna
Pablo Ordás, investigador predoutoral contratado no departamento de Historia da Arte da USC, para disertar sobre "
Iglesias del noble, castillos de Dios: una introducción a las iglesias y monasterios fortificados en la Baja Edad Media", afondado nun tema ao que xa nos aproximáramos con anterioridade, que as edificacións relixiosas tamén tiveron unha importante función militar e defensiva.
|
Silvia Cernadas Martínez |
Silvia Cernadas, licenciada en Historia pola USC, tomou o testigo para relatar o caso de "
O Castelo de Soutomaior. Un exemplo de arquitectura militar e de imaxe de poder"
|
Antonio Castro Rozados |
A penúltima comunicación correu a cargo de
Antonio Castro, na que analisou os procesos construtivos que configuraron a vila do Lérez durante a exposición “
A reocupación do espacio urbano romano na época medieval. O caso de Pontevedra: dunha mansio viaria aberta, a unha vila amurada”.
|
Javier Castiñeiras López |
Concluindo este cuarto e último bloque, tocoulle o turno a
Javier Castiñeiras coa comunicación "
O poder do arcebispo: Arquitectura e urbanismo na Compostela Xelmiriana", volvendo novamente sobre a cuestión da íntima relación entre os intereses relixiosos neste caso do máximo nome da Igrexa galega e os símbolos urbanos de poder de Compostela. De feito, a importancia das fortificacións galegas máis como elemento iconográfico que militar é unha das conclusións máis unánimes que podemos extraer desta fin de semana chea de cultura, historia e patrimonio cun marcado sabor galego.
|
Debate cos comunicantes |
O debate, xa un chisco máis longo e relaxado que os demais ao non estar tan submetido ás restriccións do cronómetro, serviu para resolver as últimas cuestións que entre os asistentes non se aclararan suficientemente e incluso para xerarse un pequeno e interesante debate espontáneo entre o conxunto dos e das comunicantes.
Clausura
Xa por último, despois de distribuír os correspondentes certificados de asistencia, o nomeado para clausurar as Xornadas foi o alcalde de Carnota
Ramón Noceda Caamaño, que asistira a boa parte da programación polo que puido felicitar con coñecemento de causa ao conxunto dos relatores e comunicantes polos interesantes puntos de vista achegados, e aos organizadores por lograr que esta cita fose un gran éxito. Aproveito para convidar a toda a asistencia a seguir atentos aos proxectos que desde o concello de Carnota se están desenvolvendo neste campo, nomeadamente o proxecto que xa está a prepararse para excavar o Castro de Mallou este mesmo verán, e tamén a percorrer a Senda Verde para visitar o fabuloso conxunto de petroglifos da fouce de Carnota, unha das maiores e máis interesantes concentracións de Galiza.
Conclusión
A Asociación Monte Pindo Parque Natural non ten palabras para describir a satisfacción que sentimos neste intre pola impresionante resposta a esta convocatoria, unha das máis importantes que se lembren en Carnota, o que entendemos que se debe principalmente ao acerto na fórmula das Xornadas, á gran calidade das temáticas, e ao feito de ter optado por unha filosofía popular baseada en prezos mínimos ou mesmo exencións para persoas desempregadas e sen recursos, combinado cunha oferta de servizos de xantar e aloxamento para os asistentes a uns prezos pactados máis que asumíbeis. Desde logo e aínda que non estaba previsto que houbese unha segunda edición o indiscutíbel éxito da fórmula chama a volver a repetir as Xornadas de Historia e Patrimonio en vindeiros anos, e asi no-lo pediron reiteradamente moitísimas persoas durante estes días.
Todo isto non sería posíbel sen a implicación de moita xente. É por iso, que no apartado de agradecementos, a Asociación Monte Pindo Parque Natural quere agradecerlle aos coordinadores das Xornadas Natalia Conde Cid, Carlos J. Galbán Malagón e Mario Maceiras Dosil o seu empeño en sacar adiante esta idea con cero euros de presuposto, e conseguir que acadaran tal nivel de participación, proveito e satisfacción polos asistentes; aos relatores a súa participación completamente interesada e sobre todo a calidade das súas exposicións; aos comunicantes que complementaran de xeito impecábel a programación prevista e animalos a seguir traballando para facerse un oco nun mundo que precisa de sangue novo e desexarlle novos éxitos; á
Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao
Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo polo seu apoio académico. Tamén temos que saudar unha vez máis a total colaboración do
Concello de Carnota e o apoio loxístico ao cedernos desinteresadamente o espazo e os equipamentos necesarios.
Ademais, queremos facer que se sinta partícipe deste éxito á formidábel hostalería que temos no noso concello, por permitirnos ofrecerlle aos asistentes uns prezos moi populares: o restaurante
Casa Fandiño (Carnota), a Casa Rural
Xanela da Lúa (Lira) e a
Pensión Sol e Mar (O Pindo), que malia ao cheo absoluto que rexistraron durante as Xornadas deixaron aos clientes absolutamente encantados polo excelente servizo e trato recibidos, con moitas gañas de volver ao noso concello.
Xa por último, e máis importante, queremos facer unha mención moi especial aos socios e as socias da Asociación Monte Pindo Parque Natural que se implicaron na organización destas Xornadas, que tiveron que redobrar esforzos ante a maré humana que logramos congregar, moitas veces a conta de sacrificaren a súa propia presenza nas conferencias. Este éxito é voso.
Animamos a que todos e todas vós, veciñanza, amantes do Monte Pindo e do medio ambiente en xeral, se tedes gañas de traballar na defensa da vosa terra e da vosa cultura
ingresedes na Asociación Monte Pindo Parque Natural e nos axudedes a seguir desenvolvendo máis e mellores proxectos para construirmos entre todas e todos unha Carnota e unha Galiza mellores nas que podermos vivir e traballar nun medio ambiente máis limpo, protexido e proveitoso para todas e todos.
|
O Monte Pindo presidiu as Xornadas, pois estivo omnipresente nas charlas |