30/04/13

Acto Aniversario do Irmanamento "Monte Pindo, Monte Alto e Palavea, unidos pola mesma Terra"

Andas pola Coruña o sábado? Pois tes unha cita ás 11:30 horas da mañá no Campo de Marte con motivo do aniversario do Irmanamento entre o Monte Pindo e os barrios coruñeses de Monte Alto e Palavea!
Virá tan bonito coma o ano pasado pero moitísimo máis movido: teremos nada menos que aos Tres Trebóns e a Moncho do Orzán!
Vén acompañarnos e poñer o teu gran de area (máis ben, palada de terra) ao pe do carballo que simboliza esta fraternidade. E se reservastes o libro "Versos no Olimpo" mediante a subscrición popular, tamén poderás vir recollelo aquí. Ademais unirémonos na defensa da Biblioteca Veciñal do Campo de Marte, ameazada de peche por unha controvertida decisión do goberno local.
Organizan a Asociación Monte Pindo Parque Natural e a Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. Colabora Palavea Bravú. Agardámoste!
PROGRAMACIÓN CONTINTUADA DESDE AS 11:30 HORAS, COAS SEGUINTES ACTIVIDADES:
  • CONMEMORACIÓN DO ANIVERSARIO DO IRMANAMENTO COA SEMENTE DUN CARBALLO POLOS VECIÑOS E VECIÑAS
  • PRESENTACIÓN LIBRO VERSOS NO OLIMPO O MONTE PINDO NA POESÍA GALEGA
  • LECTURA EN DEFENSA DA BIBLIOTECA VECIÑAL DO CAMPO DE MARTE
  • ACTUARÁN OS TRES TREBÓNS E MONCHO DO ORZÁN
PRESENTA: XURXO SOUTO

23/04/13

II Roteiro Circular Monte Pindo "para non perderse"

Convidámoste a acompañarnos nun macroroteiro que desenvolveremos o sábado 18 de maio desde as 10:00 horas con saída e chegada no lugar do Pindo.

Trátase dun roteiro circular un chisco máis longo dos que vimos facendo de xeito habitual, deseñado para visitar nunha mesma xornada algúns dos puntos máis interesantes da orografía do monte sacro dos nosos antergos, coma o Pico Penafiel, o Castelo de San Xurxo, o Xigante da Mina, a Cova da Xoana ou o Cadoiro do Ézaro coa súa maxestuosa fervenza desde un punto de vista pouco habitual, facendo cumio na Laxe da Moa, visita obrigada.

Cartel do evento
A asistencia por suposto é libre e gratuita. Os participantes deberán traer o seu xantar, roupa e calzado cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas do día, e auga.

Con esta iniciativa, a Asociación Monte Pindo pretende ademais instruir aos veciños e visitantes inexpertos nas súas visitas ao Olimpo Celta, e evitarmos os recorrentes episodios de extravíos. Mentras que o Monte Pindo non sexa Parque Natural e por tanto mentras non se corrixan os graves déficits na súa sinalización, a formación é o único xeito de minimizar o risco de perderse, por iso animamos a veciños e visitantes a acompañarnos neste roteiro que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente.

En detalle
  • Trazado: Pindo-Moa-Penafiel-Cadoiro-Pindo
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 5-6 horas (sen contar paradas)
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org

19/04/13

Unha actuación ilegal arrasa o camiño do Fieiro

Imaxe: AMPPN
Unha vez máis temos que saír á palestra para denunciar publicamente que o pasado mes alguén se aproveitou da falta de vixilancia no Monte Pindo para, literalmente, arrasar un dos camiños máis importantes para ascender ao Olimpo Celta, o que sae do Fieiro (Mazaricos) ata a Laxe da Moa, no atentado máis grave rexistrado nos últimos 15 anos neste espazo, só superado polo gravísimo incendio do verán 2005 e as escorrentías de lamas cinzentas posteriores.

Imaxe: AMPPN
Esta actuación non foi autorizada polo Concello de Carnota, único responsábel deste espazo natural, nin por ningunha outra autoridade, e consistiu nunha tala indiscriminada e xeral do arborado que se atopa no paso arredor do sendeiro, o desprazamento e fractura de pedras moi voluminosas, e no total destrozo do camiño, agora impracticábel nalgúns puntos. A xulgar polo enorme alcance dos danos, debeuse usar maquinaria pesada e vehículos off-road. Ademais o atentado afectou os restos dunha muralla que os expertos estiman que poderían ter ata 1600 anos, e que debeu formar parte dun tipo de recinto fortificado descoñecido en Galiza que está en estudo. Esta muralla foi incluída no catálogo arqueolóxico do Concello de Carnota a instancias da nosa entidade.

Imaxe: AMPPN
Os feitos están a ser investigados polo SEPRONA tras a denuncia do propio Concello de Carnota e dos axentes do Distrito forestal V ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, dirixida por Ricardo García-Borregón, que por certo é un dos responsábeis (xunto co propio conselleiro da CMATI Agustín Hernández) da declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Imaxe: AMPPN
Este roteiro ten un valor moi importante para os amantes deste pedregal, non só polos seus valores naturais, patrimoniais e xeolóxicos, senón polo feito de que é o de máis curto e doado sendeiro de acceso ao Monte Pindo, permitindo as visitas de crianzas, persoas maiores e incluso persoas con discapacidades ao Olimpo Celta, que por outras vías sería máis que difícil.

Agardamos que esta desfeita non volva quedar impune e sobre os seus responsábeis, sexan quen sexan, recaia todo o peso da lei.

Asi mesmo, urximos á Consellería de Medio Ambiente a iniciar antes do verán a tramitación da declaración do Parque Natural do Monte Pindo, dotando inmediatamente a este espazo de recursos humanos e económicos que palíen o risco de incendios, agresións, pintadas, expolio e todo tipo de ameazas que están degradando o Olimpo Celta a un ritmo acelerado e cuxas solucións, por moito que nos esforcemos, non pode recaer exclusivamente sobre os ombros dunha humilde Asociación coma a nosa.

11/04/13

Cúmprese un ano da Manifestación polo Parque Natural sen avanzos na declaración

Imaxe: QPC
O 14 de abril cúmprese un ano da mobilización que reuniu en defensa do Monte Pindo a medio milleiro de persoas (segundo a Garda Civil). A pesar do tremendo temporal que aquel día asolou as nosas costas, varios centos de valentes que desafiaron os elementos para pedir unha cousa moi sinxela e realista: que a Xunta declare o Monte Pindo Parque Natural, tal e como solicitaron tamén ducias de especialistas e investigadores, máis dun cento de entidades sociais de todo tipo e moitos milleiros de persoas a nivel individual. Lamentabelmente en todo este tempo non se produciu nin un só avanzo significativo na declaración desta figura de protección para o Olimpo Celta.

Só uns meses antes daquela importante mobilización en respaldo desta iniciativa, unha das maiores manifestacións da historia de Carnota malia as inclemencias, víñamos de manter unha reunión co conselleiro da CMATI Agustín Hernández, que a nosa Asociación valorou como moi positiva pois aprezáramos no máximo responsábel da declaración de Parque Natural boa vontade e mesmo disposición a facelo efectivo. Porén o tempo foi transcurrindo e non se volviu a saber moito máis. Rematou a lexislatura e despois das eleccións Hernández, que recunca no cargo no novo mandato, tampouco moviu ficha. Por iso antes do pasado nadal solicitamos formalmente unha nova reunión á CMATI, e tras de 3 meses sen resposta reiteramos esa petición, recibindo esta vez un requerimento de documentación como resposta.

Imaxe da reunión mantida co conselleiro no 2012
Neste tempo denunciamos que en dez anos a Xunta non declarou ningún novo parque natural, figura que se viu substituida de facto por unha figura, a Rede Natura 2000, que xera serias dúbidas entre a sociedade polos seus escasos efectos reais sobre a protección do medio ambiente e as trabas ao desenvolvemento substentábel dos pobos nos que se implanta. Ao mesmo tempo, vimos constatando un continuado incremento das agresións de diversa natureza ao Monte Pindo motivadas polo aumento das visitas e sobre todo pola total falta de vixilancia e control, un dos problemas que poderían atallarse de inmediato coa declaración do Parque Natural.

Afortunadamente, esta segunda reunión por fin parece estar próxima. De feito a pasada fin de semana a Comisión Rectora (máximo órgano colexiado da Asociación) designou unha representación para esta xuntanza. Agardamos poder dar boas noticias en breve, e confirmar que as boas palabras do conselleiro ademais eran sinceras.

01/04/13

A obra poética "Versos no Olimpo", financiada mediante subscrición popular, chega por fin ás nosas mans

O proxecto da antoloxía poética do Monte Pindo, financiado coa axuda de máis de cen achegas individuais, entrou no prelo o pasado 21 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Poesía. E hoxe, 1 de abril, por fin o temos fisicamente nas nosas mans. Axiña informaremos individualmente a todas as persoas subscritoras do modo de entrega das obras reservadas, adiantando que prevemos facelo mediante varias presentacións públicas da obra e tamén por correo cando así se determine.

Tamén informamos que temos ao voso dispor un número limitado de exemplares para surtir a todas as persoas interesadas en adquirilo directamente á Asociación Monte Pindo Parque Natural a un prezo inferior que o que terá finalmente nas librarías, co que axudará ademais a financiar futuros proxectos no Monte Pindo. Para iso, podedes reservar os exemplares desexados mandando un correo a info@montepindo.org (reservas só destinadas a particulares, por estricto orde de solicitude e ata remate de existencias).

Publicado finalmente baixo o suxestivo título "Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega", a obra recompila versos dun extensísimo e impresionante elenco de autores de todos os tempos, que sobresaen por un importante número de obras inéditas, que por si mesmo xustifican o enorme esforzo social (o 29 de decembro completouse en tempo récord a súa autofinanciación) que posibilitará que non só chegue axiña ás mans dos subscritores senón que en poucas semanas esta xoia de papel destaque no mostrario das librarías de todo o País legando para as xeracións vindeiras un patrimonio oral que xa é imborrábel, consistente en 79 poemas de 56 autores desde 1861 ata os nosos días: Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Francisco Añón, Carlos Arias, Pilar Beiro, Concha Blanco, Darío Xohán Cabana, Ramón Cabanillas, Francisco Castro, Xulio Cid Neira, José Alberte Corral Iglesias, Diego Cousillas, David Creus, Estevo Creus, Manuel Curros Enríquez, Marta Dacosta, Berta Dávila, Francisco María de la Iglesia, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Francisco Domínguez Romero, Francisco X. Fernández Naval, Rosalía Fernández Rial, Nieves García Centeno, Gonzalo López Abente, Evaristo Martelo Paumán, Xosé Luís Martínez Pereiro, Cruz Martínez Vilas, Rosanegra (Rosa Martínez Vilas), Anxo Mena, César Antonio Molina, Alexandre Nerium, Manuel Oliveira Gómez (Manolín), Lois Oreiro, Olga Patiño, Emma Pedreira, Xavier Queipo, Xavier Rábade Paredes, Baldo Ramos, Luis Rei Núñez, X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Arturo Romaní, Xabier Ron, Cesáreo Sánchez Iglesias, Isolda Santiago, José Antonio Santos, Xavier Seoane, Obdulia Seoane, Paco Souto, Manuel Suárez Sampedro, Miguel Vázquez Freire, Helena Villar, Miro Villar e Rafa Vilar.

Grazas aos subscritores por converter este soño en realidade; grazas aos autores pola súa colaboración desinteresada polo ben deste macizo e da literatura en galego; e grazas aos coordinadores da obra, Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, por demostrar o seu bo facer nesta edición coa que non podemos estar máis satisfeitos.

Por último queremos agradecer a Editorial Toxosoutos e a plataforma Goteo.org por crer neste noso soño e confiar en que unha humilde Asociación carnotá podía facelo realidade.

Queremos reproducir aquí o texto que incluimos na páxina de agradecementos da edición que axiña poderedes dispoñer en papel:
Agradecementos
Este libro foi editado en plena crise económica da primeira década do século XXI mediante a fórmula de subscrición popular, conseguindo demostrar que desde o pobo, sumando gran a gran de area, si podemos tomar a iniciativa e sacar adiante proxectos positivos para o conxunto da cidadanía.
É a mesma filosofía que nos levou desde o ano 2010 a esixir da Xunta de Galiza a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, co obxecto non só de coidar os seus inmensos valores naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, históricos, patrimoniais e culturais, senón tamén potenciar o seu aproveitamento substentábel e integrar á veciñanza na súa xestión de xeito que contribúa tamén á mellora da calidade de vida e ao asentamento poboacional no seu entorno e en toda a Costa da Morte.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere amosar o seu enorme agradecemento aos coordinadores desta obra, a todos os autores que nos prestaron as súas creacións, e a Antonia de Valentín, Mario Maceiras, Santi Llecha, Andrés Xesto, Carlos Lorenzo Pérez, Estevo Creus, Helena González Fernández, Longueira, Manuel Álvarez Álvarez, Manuel Vázquez Bastón, Maribel Serantes Gómez, Miguel Louzao Outeiro, Nieves Garcia Centeno, Viki Rivadulla, Xabier Molinos Campos, Alexandre, Mariluz Barreiro, Sinda Cundíns Caamaño, Xoán Andrade, Emilio Xosé Ínsua, Miro Villar, Baldo Ramos, Vicente Manuel Sánchez Pérez, Daniel Romero, Manuel Gago, Miguel Costa, Rafa Vilar, Violeta Corujo Quinteiro, Xornal Certo, Xosé Manuel Lobato, Agapito Fariña Leira, Carmen Pardiñas Varela, David Creus Andrade, María Élida Míguez Pazos, Jesús López Martínez, Miguel García García, Miguel Terrón Pérez, Nolo Suárez, Rubén Ruibal, Telmo Costas Comesaña, Xilberto Caamaño Beiro, Xilberto Caamaño Lado, Xosé Marcelino Rey Caamaño, Xosé Xoán, Alberte Momán, Belmas Souto, Jessica González Novo, Jorge María Ribero Meneses, José Domínguez Caamaño, Miguel, Paloma Trillo Sande, Daniel Mato Neira, Esperanza Mariño Davila, Itziar, María e Marisol (da Corunha), Rosaura Romo, Soledad González Maside, Ubaldo Cerqueiro, Nacho Jorganes, Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Serxio Iglesias, Xan Fernández, Teresa Seara, Ana Mosquera, Puri Ameixide, José Luis Galovart, Xulio Cid Neira, Artemio Lándoas, Brandam Lois Freire, José Alberto Corral Iglesias, Valeriano Luis Lamela García, J. R. Fidalgo, Eduardo Estévez, José Andrés Rodríguez Lago, Lino José Lema Bouzas, David Creus Andrade, José María Costa Lago, José Ramón Rey Senra, Luís Alonso Girgado, Luís Cochón Touriño, Manel Pardo, Esther Fernández, José Francisco Varela Rial, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Maka Arca Camba, Xavier Fraiz Arca, Ana E. Arca Camba, Ana Santos Vaamonde, Mónica Arca Camba, Olimpio Arca Caldas, Susi Arca Camba, Belén Rodríguez, Soledad Pite, X. H. Rivadulla Corcón, Laura Caamaño Casais... e a todas e todos os demais que puidéramos ter esquecido nesta listaxe e nos axudastes a facer posíbel esta edición que agora está nas túas mans.