28/12/12

O Señor dos Aneis chega ao Monte Pindo en 2013

Só uns meses despois de confirmarse a rodaxe da secuela, hoxe podemos anunciar que o terceiro e último filme da adaptación cinematográfica da obra tolkiana "O Hobbit", precursora da célebre triloxía "O Señor dos Aneis", rodarase parcialmente no Olimpo Celta.

Afeitos as espectaculares panorámicas de Nova Zelanda que hoxe son moi populares ineternacionalmente por ambientar o mundo fabuloso do "Señor dos Aneis", o equipo de Peter Jackson reparou en que o espectacular macizo granítico do Monte Pindo é unha opción viábel para a rodaxe de varias escenas da terceira e última parte de "O Hobbit", que se unirá a Nova Zelanda e os estudos Stone Street, de Wellington coma localizacións elixidas.

Cando menos iso é o que nos transmitiron responsábeis dos estudos Warner Bros e MGM que veñen de porse en contacto coa nosa Asociación para visitar a principios de 2013 varios espazos emblemáticos do Monte Pindo e comprobar a súa ideoneidade á hora de encaixar algunha das secuencias que formarán parte do filme que prevén estrear nas salas de todo o mundo o 8 de xullo de 2014.

Só hai uns meses que se confirmou que habería terceira parte, que se subtitulará na súa versión orixinal "The Hobbit: There and Back Again", polo que de momento non podemos anticipar máis información, cales serán as escenas gravadas ou se tal vez os actores da saga pisarán a Costa da Morte: Ian McKellen (Gandalf), Martin Freeman (Bilbo Baggins) e Richard Armitage (Thorin Oakenshield), actores principais, ou ben o retorno de coñecidos personaxes de "O Señor dos Aneis" coma Cate Blanchett, Orlando Bloom, Christopher Lee, Hugo Weaving, Elijah Wood e Andy Serkis (Gollum), que nesta ocasión desenvolverán papeis secundarios.

Sexa como sexa, a Asociación Monte Pindo xa ofreceu a súa total colaboración coa produtora e celebra esta gran noticia pois considera que a aparición do Monte Pindo nunha das sagas literarias e cinematográficas máis exitosas da historia suporá un antes e un despois para o seu coñecemento a nivel mundial.