23/11/12

A Torre dos Mouros xa ten o seu cómic

Portada da BD de Manel Cráneo
Boas novas para todo amante do patrimonio arqueolóxico galego, e do carnotán en particular. O artista gráfico Manel Cráneo e o equipo do Proxecto Torre dos Mouros van presentar o vindeiro venres 30 de novembro, a partir das 19:30 horas no Salón de Actos do Concello de Carnota, a banda deseñada "A Torre dos Mouros", unha esperadísima obra gráfica que procura explicar visualmente como puido ser a vida dos nosos ancestros no recinto amurallado do Monte do Castro en Lira.

O acto tamén servirá ao equipo para presentar as conclusións da Campaña 2012 de voluntariado neste espazo tan singular, e que deixaron multitude de achados que non deixan de sorprendernos mesmo aos que desenvolvemos boa parte da nosa vida nesta zona sen decatarnos do magnífico tesouro que xacía desapercibido baixo unha mesta capa de toxos a pouca distancia das nosas casas.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que apoiou o proxecto desde o primeiro momento, sendo mesmo os responsábeis de por en contacto a Jordi Tato, neodescubridor do recinto, co equipo de inmensos profesionais e especialistas que finalmente porían a cara e a súa experiencia para crear esta exitosa iniciativa, convida agora a todos os nosos amigos e colaboradores a participar neste evento tan importante para o noso patrimonio.

Ademais, a todo o voluntariado que participou en calquera fase do proxecto, o equipo vaille regalar un exemplar dedicado polo autor. Para iso é necesario inscribirse nesta páxina. A filosofía de socializar os descubrimentos que marcou o proxecto desde os seus inicios tamén significa que se lle agasallará un exemplar a todos os nenos e nenas do noso concello.

Para todos e todas as que non poidan achegarse a Carnota o vindeiro venres, indicarlles que terán unha nova oportunidade nas seguintes datas:

  • XOVES, 13 DE DECEMBRO. Santiago de Compostela. Biblioteca Ánxel Casal ás 20 horas. Presentación da BD de Manel Cráneo.
  • VENRES, 14 DE DECEMBRO. A Coruña. Pub Dublín ás 20 horas. Barferencia sobre a Torre dos Mouros con presentación da BD e exposición de orixinais do cómic.

Non volo perdades! Velaquí un petisco para ir abrindo o apetito. Como vedes, o Monte Pindo tamén leva a súa parte!

15/11/12

Monte Pindo Parque Natural decide converterse en entidade de ámbito galego (Resumo da I Asemblea Xeral Ordinaria)

Traballaremos para que esta imaxe sexa historia en breve.
A I Asemblea Xeral Ordinaria de Socios e Socias da Asociación Monte Pindo Parque Natural desenvolviuse o pasado sábado 10 de novembro no Salón de Actos do Concello de Carnota, co obxecto de fiscalizar o traballo feito durante estes dous anos xustos de existencia da nosa entidade, analisar erros e acertos, e sobre todo enfocar correctamente os retos futuros, tendo moi en conta de que o noso obxectivo principal, a Declaración do Monte Pindo como Parque Natural, aínda non se conseguiu concretar en prazos e investimentos reais.

Abriu a Asemblea o presidente de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, cunha presentación na que repasou os motivos que levaron a unha decena de veciños e veciñas de Carnota a reunirse no Paseo Marítimo do Pindo o 17 de outubro de 2010 para conformar un colectivo dedicado case en exclusiva á cuestión do Olimpo Celta. Unha iniciativa que nacera con certo temor a ser etiquetada de localista, pero que rematou consolidando o coñecemento e sensibilidade polo Monte Pindo no mundo enteiro.

De seguido foi o secretario Mario Maceiras o que defendeu o Informe de Xestión para estes dous anos presentado pola Comisión Rectora, no cal se destaca a enorme dimensión que adquiriu a nosa demanda e o noso colectivo, que moitos consideran dos máis activos e notorios do País. Ademais, salientou que o número de socios multiplicouse por 10 neste tempo, mentras que só tivemos que tramitar 3 baixas, unha delas por defunción. Finalmente, Maceiras fixo lectura dun resumo das actividades xa desenvoltas neste período.

Pola súa parte a tesoureira Merche Díaz presentou o Informe de Finanzas, que arroxa un saldo positivo nesta etapa a pesar de non termos recibido nunca un só euro de subvencións públicas e de manternos fieis á filosofía que caracterizou á nosa Asociación ata agora: apostar por financiarnos coa axuda das persoas asociadas e simpatizantes e non con patrocinios económicos de empresas privadas que puideran condicionar a nosa liberdade de acción.

A Asemblea tamén serviu para a renovación parcial da Comisión Rectora (máximo órgano directivo da entidade), pola baixa de Euloxio Franco por defunción e de Ramón Noceda para centrarse nas labores propias da alcaldía carnotá que agora obstenta. As propostas elixidas para cubrir esas vacantes son as de Manolo Souto, profesor no Colexio de Carnota, e Jorge Pérez, un mozo Enxeñeiro de Montes natural do Ézaro.

Pero xusto antes, debatérase o punto máis esperado da orde do día, a proposta de actividades para o ano 2013, que se saldou con moitas propostas novas das que destacamos as seguintes polo seu interese público:
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural aprobou converterse nunha Asociación de ámbito galego para axeitar o funcionamento á súa dimensión real
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural aprobou solicitar dos organismos competentes a Declaración de Utilidade Pública, dado que se entende que reúne todas as condicións para elo.
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural traballará para a creación dun Centro de Interpretación do Monte Pindo de contidos amplos e centrados no dito espazo natural e tamén estreitará os lazos co Centro de Interpretación da Fervenza sito na Casa de Pedra do Ézaro.
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural realizará a principios de ano un roteiro de limpeza para crear o primeiro roteiro circular con saída e chegada no lugar do Pindo.
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural é sensíbel ao deterioro preocupante dos gravados coñecidos no Pedregal, en especial da excomuñón de Penafiel, polo que aprobou un proxecto para obter calcos arqueolóxicos dos petroglifos do Monte Pindo, para que en caso de perdérense definitivamente, permitan o coñecemento e estudo deste patrimonio único polas xeracións vindeiras.
  • A Asociación Monte Pindo Parque Natural é sensíbel á profusión de pintadas e gravados nas pedras do entorno da Laxe da Moa, polo que aprobou elaborar un Programa de voluntariado para a limpeza dos graffitis do Monte Pindo e o establecemento de medidas disuasorias para evitar que se repitan no futuro.
Monte Pindo Parque Natural clausurou o acto despois de 2 horas e 7 minutos de intenso aluvión de ideas que servirán para afrontar con máis garantías de éxito e máis gañas de traballar, se cabe, polo futuro do macizo carnotán que aspira a ver protexidos os seus valores únicos mediante a Declaración nesta lexislatura do Monte Pindo como Parque Natural, que o desenvolva substentabelmente e tamén ás poboacións que o rodean, que deben ser as maiores beneficiarias e máximas partícipes de calquera figura de protección.


Extracto do Informe de Xestión

APOIOS INDIVIDUAIS

Estimamos que as adhesións a título particular superan as 10.000 persoas.

APOIOS COLECTIVOS

A nosa reivindicación xa conta co apoio formal dun cento de entidades de todo tipo que debemos agradecer individualmente:
  • A Broa Sendeirismo
  • A Ría non se vende
  • AC Canle (Lira)
  • AC Cultura do País
  • ACDR O Patín (Carnota)
  • aCentral Folque
  • AEC Verbo Xido (Terra de Montes)
  • Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro (Bueu)
  • Amigos da Terra
  • Amigos dos Museos de Galicia
  • Amorim + Doporto Arquitectos
  • Árbore Consumo Consciente
  • ARCD Palavea Bravú (A Coruña)
  • ASOAR-ARMEGA
  • Asociación Ambiental Senda Nova
  • Asociación Cultural Mar de Muros
  • Asociación Cultural Monte da Estrela (Arteixo)
  • Asociación de afectados polo Parque Eólico Outes-Mazaricos (APEOM)
  • Asociación de Empresarios Costa da Morte
  • Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)
  • Asociación de veciños Atocha, Monte Alto e Torre de Hércules (A Coruña)
  • Asociación de Veciños Os Castros (Pontedeume)
  • Asociación Ecoloxista Arco Iris
  • Asociación ecoloxista Naturviva
  • Asociación Española para la Recuperación, Conservación y Estudio del Gusano de Seda Autóctono
  • Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS)
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT)
  • Asociación Galega de Horticultura Urbana
  • Asociación Micolóxica Pan de Raposo (Cee)
  • Asociación Motivos d'Aldea (Bueu)
  • Asociación Neria
  • Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Asociación Pro Enfermos Mentales (APEM)
  • Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM)
  • Asociación Socio-Cultural O Iríbio (Triacastela)
  • Asociación Veciñal do Saviñao (Lugo)
  • Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA)
  • Associaçom Galega da Língua
  • Banco de Tempo Fervello
  • Bloque Nacionalista Galego
  • Cántigas da Terra
  • CCOO
  • Charanga Tabernícolas do Leiradal
  • Club de Montaña e Escalada Azimut
  • Club Montañeiros Celtas
  • Clube Espeleolóxico Máuxo (CEM)
  • Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES)
  • Colectivo Nacionalista de Marín
  • Colectivo Urbano Lugrís
  • Colexio Oficial de Veterninarios da Coruña
  • Comités
  • Comunidade de Montes de Caldebarcos
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Confraría de Pescadores de Lira
  • Confraría de Pescadores do Pindo
  • Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Rainha Lupa (Quilmas)
  • CostaMeiga.com
  • Ecogalego.org
  • Encontro Irmandiño
  • Federación Ecoloxista Galega (FEG)
  • Finisterrae
  • Foro Social de Cangas
  • FRUGA (Federación Rural Galega)
  • Fundación Gonzalo López Abente (Muxía)
  • Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia (ACIVEGA)
  • Fundación Sen Esquencer
  • Galinus, Taller de Novos Medios
  • Galiza non se vende
  • Galiza Nova
  • Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia
  • Instituto Galego de Estudos Célticos (IGEC)
  • Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal
  • Lonxanet
  • Luar na Lubre
  • Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM)
  • Parque Natural de la Breña y Marismas de Barbate (Cádiz)
  • Partido da Terra
  • Pensión Rústica A Laxe
  • Permacultura Eiras do Minho
  • Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
  • Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo CÍES
  • Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro
  • Plataforma pola defensa de Quilmas (Quilmas)
  • Plataforma pola defensa do Xallas (Costa da Morte)
  • Plataforma Salvemos Cabana
  • Proxecto Mar de Lira
  • Proxecto Pindo Mariño
  • PSdeG-PSOE
  • Real Academia Galega
  • Salvemos Monteferro
  • Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
  • Sociedade Galega de Ornitoloxía
  • UGT
  • Verdegaia
  • Xurde Caldebarcos (Caldebarcos)
  • Zocamiñoca

ACTIVIDADES

Charlas, presentacións públicas, etc.

  • 13 de novembro de 2010 en Carnota. Presentación pública da Asociación con Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Martiño-Fiz López Lindoso, biólogo e relator da iniciativa "Monte Pindo Parque Natural", Fins Eirexas Santamaría, xeólogo e secretario executivo de ADEGA, Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal (UDC)
  • 20 de agosto de 2011 no Pindo. I Simposium Monte Pindo coa participación, entre outros, de Maribel Longueira, Juan Ramón Vidal Romaní, Xosé Manuel Lobato, Martiño-Fiz López LindosoFins EirexasFrancisco Xosé Fernández Naval.
  • 3 de decembro de 2011 en Caldebarcos. II Simposium Monte Pindo coa participación, entre outros, de César Cambeiro, Margarita Miguens Busto, Xosé Manuel Lobato, Moisés Asensi Cabirta, Andrés López Romero, Xoán Ramón Vidal Romaní.

Roteiros

  • Roteiro aberto desde o Fieiro (30 de xaneiro de 2011).
  • Roteiro aberto e de limpeza do camiño á Pedra Cabalgada (16 de abril de 2011).
  • Colaboración cun roteiro polo Río Xallas (29 de maio de 2011).
  • Roteiro aberto e de limpeza do camiño Chan das Lamas - Braña dos Aguillóns (6 de agosto de 2011).
  • Roteiro aberto e de limpeza do camiño San Cibrán - Chan das Lamas (15 de outubro de 2011).
  • Roteiro circular polo Monte Pindo “para non perderse”, co gallo do recente extravío de varios mozos na zona. Éxito sen precedentes pois asistiron máis de 200 persoas (22 de setembro de 2012)
Ademais guiamos polo  monte os seguintes colectivos: Asociación de Veciños de Monte Alto, Torre de Hércules e Atocha, Asociación Palavea Bravú, Asociación de Veciños Os Castros de Pontedeume e ADEGA, entre outras.

Denuncia

  • Denunciamos publicamente a pretensión da Xunta de cercar o Monte Pindo mediante a ampliación dos 3 parques eólicos máis cercanos.
  • Denunciamos publicamente a pretensión do Concello de Carnota de valar o Monte Pindo e crear nel un coto de caza maior pechado a veciños e visitantes durante parte do ano. 
  • Lanzamento dunha campaña de fotodenuncia sobre as pintadas e gravados nas pedras do Monte Pindo, sensibilizando á poboación sobre esta grave problemática. Denuncia ante o SEPRONA por estes feitos.
  • Denunciamos publicamente a plantación deliberada de Cortaderia selloana (máis coñecida coma plumachos ou Herba da Pampa) na Área Recreativa do Fieiro.
  • Denunciamos ao SEPRONA a subida ilegal de motos e quads ao Monte Pindo.
  • Denunciamos ao SEPRONA a instalación dunha área recreativa no Campo de Cortes asi como o expolio arqueolóxico nun lugar de especial sensibilidade por dúas razóns: alí están depositados os restos dunha ermida e é o hábitat dunha especie vexetal única e en perigo.
  • Presentamos alegacións contra o proxecto de ampliación do Parque Eólico Outes-Mazaricos.
  • 17 de decembro de 2010. A xustiza obriga a respectar o caudal mínimo do Río Xallas. Malia que cando se presentou a denuncia contra a seca do río nós nin existíamos como colectivo, e fixérao o colectivo Ríos con Vida a instancias de ADEGA, no momento de facerse efectiva a apertura foi a nosa asociación quen tivo que asumir o protagonismo público e reivindicativo sobre esta cuestión e facer as valoracións precisas.
  • 6 de setembro de 2011. Denunciamos publicamente e ante o SEPRONA a agresión con pintura á excomuñón de Penafiel.

Investigación cultural, patrimonial, natural, etc.

  • Divulgación da cuestión da cabra autóctona do Monte Pindo, extinta a mediados do século XX.
  • Colaboración con ADEGA para o inventariado do Carballo Anano no Monte Pindo e trámites para a súa inclusión exitosa no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable.
  • Colaboración coa UDC para a localización da especie Iris boissieri (lirio de monte) que se detectou por última vez no ano 2006. Chamamento público a que os visitantes comuniquen se a localizan.
  • Colaboración con diversos colectivos micolóxicos para catalogar as especies presentes no Monte Pindo.
  • Divulgación de que as liñas de murallas que aparecían semiderrubadas en diferentes pasos no entorno da Laxe da Moa gardaban unha lóxica en forma de Castella Tuttiora (lugar seguro de refuxio dos nosos antergos) que rodeaban os pasos de toda a plataforma e que poderían datar do século V ou VI.
  • Divulgación do pouco coñecido “voo americano”, unha ortofoto aérea feita polo exército americano retratando en toda a súa extensión o Concello de Carnota tal e como era no ano 1956.
  • Divulgación da frustrada visita do xeólogo Guillermo Schultz ao Monte Pindo en 1832.
  • Divulgación do dato de que as análises de tellas recollidas no Monte Pindo demostran a súa utilización continuada desde a época romana.
  • Divulgación do suposto petroglifo ignoto documentado por Xosé Barreiro Barral no Monte Pindo cuxo motivo sería unha estraña “dobre espiral”.
  • Divulgación do dato de que hai máis de mil anos Carnota era o nome da comarca e o Monte Pindo era considerado monte sacro.
  • Divulgación dun estudo sobre os diferentes nomes que o Monte Pindo tivo ao longo dos séculos.
  • Colaboración no achado dunha nova fortificación no veciño monte de Lira, que desembocou no célebre Proxecto Torre dos Mouros co cal colaboramos en todas as súas fases.
  • Colaboración no libro “Máxico Tear Natural” do escritor e socio Xosé Lobato, editada por Alvarellos, que nos deixou exemplares a metade de prezo para axudar a financiarnos.
  • Divulgación dos orixinais inéditos dunha estraña poesía en alemán escrita por Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo durante unha visita ao Monte Pindo un mes antes do estoupido da Guerra Civil.
  • Divulgación dun estudo sobre a toponimia do río Xallas a través da historia.
  • Investigación e divulgación de datos históricos sobre o desaparecido Castelo de Penafiel e simulación do seu aspecto orixinal.
  • Achado dunha inscrición en latín que pode tratarse da data fundacional da Capela de Campo de Cortes.
  • Achado dunha pedra de lapislázuli no entorno do Castelo de San Xurxo.
  • Achado dunha moeda (óbolo de vellón da ceca da Coruña) de Afonso X no Campo de Cortes.
  • Lanzamento dunha campaña de subscrición popular para reunir nun só volume a maior parte da poesía escrita sobre o Monte Pindo con achegas inéditas de ducias de autores contemporáneos. Conseguimos o financiamento en só 2 semanas e o libro editarase a primeiros do ano 2013.

Outras actividades de promoción e divulgación

  • Participación cun stand propio nas sucesivas edicións do Mercado Ecolóxico de Quilmas.
  • Participación cun stand propio no Festigal 2011.
  • Participación cun stand propio na I Feira de Promoción Local de Carnota 2012 (Víndemo Ver).
  • Participación cunha conferencia na Feira Ecolóxica Terractiva de Arzúa.
  • Divulgación do dato inédito de que a II República valorara declarar o Monte Pindo como Parque Nacional no ano 1917, e que non chegara a realizarse pola inestabilidade política que inmediatamente de desenvolvera na Península.
  • Gravación dun episodio de “MOBilízate” (V Television) cun orixinal Flashmob colaborativo que reuniu 222 achegas dos cidadáns de toda Galiza e do resto do mundo (Cuba, Bruxelas, etc).
  • Gravación do episodio piloto para unha serie televisiva chamada “Sendeiros ocultos” (dirixida por Andrés López Romero) e colaboración con diversas filmacións para CRTVG, V Televisión e varias produtoras independentes.
  • Ducias de entrevistas en prensa, radio e televisión sobre os obxectivos e actividades do noso colectivo.
  • Centos de reportaxes, publicacións e artigos nos medios de comunicación sobre os obxectivos e actividades do noso colectivo.
  • Importante campaña de axitación en internet ata conseguirmos que o LIC Carnota-Monte Pindo se erixira na marabilla natural galega preferida dos internautas galegos no concurso “Marabillas Naturais de Galicia” patrocinada por varias entidades públicas e privadas, malia que finalmente o premio nunca chegou a fallarse levantando sospeitas de fraude que chegaron ao Parlamento Galego.
  • Consecución de que a exposición Gallaecia Petrea (inaugural da Cidade da Cultura) primase o Monte Pindo coma un dos espazos máis destacados da nosa xeografía.
  • 17 de marzo de 2012. Irmanamento co barrio coruñés de Monte Alto, presentado por Xurxo Souto, amenizado por música tradicional e que rematou coa plantación dun carballo no Campo de Marte por parte de colectivos da cidade. Colaboraron a AAVV Monte Alto e o Concello da Coruña.
  • Colaboración cos nenos e nenas do IES Maximino Romero de Lema de Zas para a elaboración dun docu-informativo titulado “Terra, mar e xente” sobre o macizo e a reivindicación.

Reivindicación e medidas de presión

  • 1 de xaneiro de 2012. Lanzamento dunha campaña en Internet para presionar á Xunta a efectivizar a declaración mediante o envío masivo de correos electrónicos á sede da Consellería de Medio Ambiente, que rematou con máis de 2.100 participantes.
  • 2 de febreiro de 2012. A Comisión 7ª do Parlamento Galego debate, a instancias do noso colectivo, a proposta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural, que contou co apoio da oposición e o rexeitamento da Xunta.
  • 3 de febreiro de 2012. Rolda de prensa da nosa Asociación na Galería Sargadelos en Santiago, na compaña do alcalde de Carnota e o portavoz de ADEGA, valorando a nova negativa da Xunta a declarar o Parque Natural e convocando unha Manifestación Nacional.
  • 23 de febreiro de 2012. Reunión en San Caetano co conselleiro responsábel da declaración, Agustín Hernández, que se valorou como moi positiva e serviu para achegar posturas máis que non conseguiu arrincar da Xunta un compromiso firme sostido en prazos e investimentos para levar a cabo a declaración.
  • 14 de abril de 2012. Manifestación Nacional con saída no Ézaro e remate na Praza da Solaina, e que malia as terríbeis condicións meteorolóxicas contou con medio milleiro de participantes volcados na demanda cidadá.
  • Proxección internacional da nosa reivindicación mediante a presenza no remate da Vuelta Ciclista 2012 no Mirador do Ézaro, con pintadas na estrada, faixas durante a subida e unha faixa xigante no Penafiel co noso lema.
  • Proxección da nosa reivindicación nas proximidades dos distintos procesos electorais, estimulando que as diferentes forzas políticas comprometeran o proxecto para declarar o Parque Natural nos seus programas electorais así como que este debate estivese presente en campaña.
  • 30 de outubro de 2012. Denuncia pública de que a Xunta leva 10 anos sen declarar nin un só novo Parque Natural, primando outras figuras coma a Rede Natura cuxa repercusión non se considerou demasiado positiva