23/09/12

Máis de 200 persoas non se quixeron perder o roteiro circular polo Monte Pindo

Parte dos asistentes, na Laxe da Moa. Foto: Davifd Trillo
As malas previsións meteorolóxicas, que afortunadamente se quedaron en nada, non frearon o aluvión de asistencia ao macroroteiro circular de 12 quilómetros polo Monte Pindo, que partiu onte ás 10 do lugar do Fieiro e retornou puntualmente ao mesmo sitio ás 18:00 horas.

O tráfico que se percibía no entorno do Fieiro ao fío das 10 de mañá prognosticaba que a actividade interesaba, mais nada nos facía pensar que a cita chegase a reunir entre 200 e 250 asistentes dispostos a pasar unha xornada percorrendo un roteiro que declaráramos de dificultade media-alta. Amigos chegados de todos os puntos do concello de Carnota e do País ansiaban coñecer ese monte da costa galega do que todo o mundo está a falar. E polo que nos ides contando, ninguén quedou decepcionado.

A interminábel ringleira de sendeiristas comezou a afrontar a subida ata a Laxe da Moa da man da sabiduría de Pepe do Fieiro, que mantén no seu andar o paso lixeiro e áxil que o levaba pastorear por estes paraxes hai 70 anos, e do propio presidente da Asociación Monte Pindo, Xilberto Caamaño, foi debullando os misterios que aquí habitan as pedras e os camiños, o Campo dos Coellos, as murallas... A xente comezou a pisar a Laxe da Moa preto do mediodía, que co permiso dun verdadeiro vendaval permitiu recoller a foto de grupo máis ansiada, mais que non fai xustiza pois non rematara de chegar xente ao cumio granítico de 627 metros sobre o Atlántico.

Logo da pertinente visita ao Campo de Cortes, coa súa capela ignota e a lenda que o rodea, a comitiva tomou rumbo a Revertedemos ou a Cova da Casa Xoana, que coas súas historias de meigas e meigallos non podía quedar fóra da ampla visita. Despois dun concurrido xantar, agardábanos o Pico Penafiel, no que a documentación medieval sitúa un castelo homónimo do que pouco queda máis que unha inscrición medieval excomulgándoo. Foi este espazo o que nos deixou a anécdota do día, cando a multidude comezou a berrar espontáneamente "Monte Pindo, Parque Natural!" que retumbou no horizonte. Non sabemos se os seus ecos chegarían ata San Caetano por entre as torres da Catedral que segundo a lenda se pode ver desde aquí nos días claros.

Despois de seguir percorrendo as fermosas carballeiras que poboan esta ladeira, unha rústica e fermosa ponte sobre o rego Sanchaferro guiounos ata a pista forestal que nos trasladaría de novo ata a aldea do Fieiro e ao remate do noso periplo, non sen antes ternos librado dun desafortunado aramio de espiño que alguén atravesou na vía pública para conter a liberdade dos cabalos e de paso todo ser que transitara este entorno.

Ao remate, moitos respiraron, saudáronse e déronse a noraboa polo éxito do roteiro, que cumpriu sobradamente o dobre obxectivo que na Asociación nos plantexamos: ofrecerlle aos nosos veciños e visitantes unha agradábel xornada de lecer, mais sobre todo fomentar o coñecemento en detalle dos camiños do Olimpo Celta de xeito que se minimicen os episodios de extravíos tristemente de moda que teñen posto en risco a vida e a saúde de tantas persoas que só pretendían gozar dun día no belísimo monte sacro dos seus antergos.

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, queremos agradecer o interese e a confianza depositada por tantas persoas e outras tantas que non puideron asistir por outros motivos, e tamén debemos felicitarnos porque o completo percorrido rematara sen ningún incidente preocupante para os sendeiristas. Isto foi posíbel grazas ao gran coidado posto por todos e a uns esforzos dunha humilde organización cos que puidemos aprender moitisimo para seguir mellorando as nosas actividades día a día.

17/09/12

Luar na Lubre convertirá a presentación do seu novo disco nun acto benéfico a favor do Monte Pindo

Portada do disco "Mar Maior". Luar na Lubre
Un dos maiores embaixadores do Monte Pindo no mundo, o conxunto galego Luar na Lubre, baixo a batuta do mestre Bieito Romero, segue a demostrar o seu compromiso decidido para que o Olimpo Celta acade dunha vez a súa protección e desenvolvemento substentábel coa figura de Parque Natural que miles de cidadáns e centos de colectivos reivindicamos.

Este compromiso demostrouse reiteradamente en practicamente todas as manifestacións públicas de esta formación mundialmente coñecida de música celta desde Galicia: en entrevistas, concertos e mesmo coa inclusión dunha fermosa peza chamada "Monte Pindo" no seu anterior disco "Solsticio"; mais agora esta adhesión decidida vai moitísimo máis lonxe con ocasión da presentación en sociedade do álbum "Mar Maior".

E é que, nin máis nin menos, Luar na Lubre pretende converter ese esperado momento nun auténtico acto benéfico a favor do Monte Pindo. O evento "Luar Na Lubre en concerto presentando Mar Maior" terá lugar a partir das 20:30 horas do venres 14 de decembro no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, e vai doar o 5% da súa recadación á Asociación Monte Pindo Parque Natural. As entradas custan 18 euros e están xa á venta en Novagaliciabanco.com.

Este auditorio encherase o 14 de decembro para disfrutar
dos sons de Luar na Lubre e apoiar o Monte Pindo
Desde a Asociación estamos emocionados por este enorme acto de xenerosidade e compromiso a favor dun monte emblemático e da natureza galega no seu conxunto, e queremos recoñecer e agradecer publicamente a Bieito Romero e ao conxunto dos integrantes de Luar na Lubre non só o seu apoio constante, senón que sempre teñan unha lembranza para este humilde colectivo no seu periplo mundial ata se converteren por méritos propios nun dos maiores piares nos que se asenta a demanda cidadá a favor do Parque Natural.

Convidamos a todos os galegos e as galegas a que anoten na súa axenda o 14 de decembro, pois sen dúbida ese será un día histórico para o Monte Pindo que todos tanto amamos e quixéramos ver máis protexido e desenvolvido cada día para o benestar tamén dos habitantes da contorna.

Grazas Luar na Lubre!

10/09/12

Ultimando detalles do "Roteiro para non perderse", que contará cun guía de excepción

Achégase o 22 de setembro e o Roteiro circular polo Monte Pindo está a xerar moitísima expectación entre a sociedade e os medios de comunicación. En agradecemento polo interese que estades a amosar, temos a honra de anunciarvos que durante o roteiro contaremos coa excepcional presenza de Pepe do Fieiro, que co seu saber e a súa forza de león nos acompañará durante todo o roteiro.

Pepe do Fieiro. Foto: Chiara Luppoli
Posibelmente o nome de Pepe do Fieiro non lles soe a moitos, pero axiña comprobaredes a vital importancia desta persoa para a nosa Asociación. Pepe é un señor de case 80 anos que conserva o espírito e a forza dun rapaz, criado entre o Fieiro e as abas do Monte Pindo, onde pastoreou desde moi neno os rabaños de cabras da súa casa entre os penedos agrestes do Olimpo Celta.

Isto significa nada máis e nada menos que Pepe leva toda a vida recorrendo o monte sacro, o que o convirte sen dúbida nunha no maior coñecedor dos seus recunchos. Tanto é asi, que Pepe sabe os nomes de cada pedra e cada outeiro, lembra refuxios e camiños perdidos na noite dos tempos, e ata pode relatar as historias e lendas que os seus maiores lle foron ensinando desde a súa infancia. Para a Asociación Monte Pindo Parque Natural, coñecer a Pepe é algo asi como contar cunha auténtica enciclopedia vivinte.

Ultimando detalles do roteiro
Os asistentes ao roteiro deberán concentrarse ás 10:00 horas do sábado 22 de setembro na área recreativa do lugar do Fieiro (Mazaricos). Para chegar, recomendamos dúas posibilidades: Se vides polo interior, no desvío da AC-400 á altura das Paxareiras tedes a alternativa máis sinxela. Se vides pola costa, a subida polo Ézaro desde a AC-550 é a máis acaída. Un dato moi importante a ter en conta é que os autobuses e outros vehículos pesados deben acceder obrigatoriamente desde as Paxareiras, dado que a alternativa costeira conta con duras pendentes de ata o 30%, como puideron comprobar os ciclistas na recente etapa da Volta.

Unha vez no punto de encontro, e despois de facer as presentacións e recomendacións oportunas, a comitiva emprenderá o ascenso cara á Laxe da Moa, onde fará cumio nos seus 627 metros que permite disfrutar dunha das panorámicas máis impresionantes do sur da Costa da Morte, cunha perfecta visibilidade desde Corrubedo ata o Cabo Fisterra e alén. Desde a maxestuosa cachola granítica, o grupo rodeará o pico para coller rumbo á Cova da Casa Xoana, unha pintoresca grota que perfora de canto a canto un outeiro. Logo seguirá descendendo polo Rego Sanchaferro para visitar o Penafiel, o famoso curuto piramidal ao que a historia atribúe un castelo derrubado pola 2ª Revolta Irmandiña, e finalmente retornará ao Fieiro, que alcanzaremos entre as 18:00 e as 20:00 horas, dependendo do ritmo e das paradas que se fagan. En total, serán uns 12 quilómetros con dificultade media-alta. Este é o chamado roteiro circular.

Para as persoas que por calquera motivo poidan ter dificultades co roteiro circular completo, deseñouse unha alternativa que, sendo igual na súa primeira parte, unha vez feito cumio na Laxe da Moa dirixirase directamente cara o Pindo. A dificultade deste tramo é media e prevese completar o roteiro arredor das 14:00 h., dependendo do ritmo e das paradas.

En calquera dos casos, debemos rogar que os sendeiristas deben facer acopio de abundante auga e do seu xantar, asi como escoller roupa e calzado seguros, cómodos e acaídos ás condicións meteorolóxicas que fagan o día 22. Asi mesmo, débese evitar perder o contacto visual coa comitiva en ningún momento e sobre todo estreitar a precaución ante posíbeis roces, contusións e torceduras. Os nenos e persoas con dificultades físicas poden participar sempre e cando estén afeitos a camiñar polo monte. Por último, é mais importante, débese disfrutar das formidábeis paisaxes únicas que nos ofrece o Monte Pindo, e os seus valores ecolóxicos, culturais e patrimoniais sen igual.

Como chegar

Ver Roteiro circular ao Monte Pindo "para non perderse" nun mapa máis grande