30/08/12

Unha pancarta de 30 metros recibirá a Volta Ciclista ao berro de "Monte Pindo Parque Natural!"

O forte vento dificultou a operación (Fonte: AMPPN)
A Asociación Monte Pindo Parque Natural informa de que acabamos de despregar preto do Pico Penafiel (Monte Pindo) unha pancarta xigante de 30 metros de longo co lema "Monte Pindo Parque Natural". A tea, situado xusto na ladeira do Monte Pindo máis inmediata ao Mirador do Ézaro, recibirá a comitiva da Volta Ciclista a España, cuxa 12ª etapa conclúe nesta panorámica privilexiada sobre o Monte Pindo e o Cadoiro.

Remate da etapa, á outra beira do río
Con esta iniciativa, que levábamos un tempo a argallar, os veciños e amantes do Monte Pindo agardamos elevar a reivindicación a favor do Parque Natural non só entre o público asistente, senón mesmo irrumpir simultaneamente en millóns de fogares a través dos seus televisores aproveitando a ampla cobertura mediática do evento, e sensibilizar a todos os amantes do deporte na natureza de que só con medidas reais, ponderadas e serias podemos rescatar espazos naturais tan interesantes coma é o Monte Pindo do abandono e dos múltiples perigos que o ameazan de xeito permanente: o último, hai poucos meses, foi un incendio preto de onde hoxe remata a proba ciclista, e que afortunadamente non chegou a extenderse ao conxunto do monte, pois nesas condicións actuais remataría arrasado sen freo posíbel.

A reivindicación tamén terá proxección en varios puntos máis da durísima rampa que dará remate á proba.