27/07/12

A dobre espiral de Barreiro Barral, mito ou realidade?

Primeiro debuxo da dobre espiral (Barreiro Barral, 1970)
Ano 1932. Xosé Barreiro Barral (pai de Xosé Ramón Barreiro, historiador que logo sería presidente da RAG) sube por primeira vez ao Monte Pindo acompañado por Manuel Sotelo Morales, carabineiro do destacamento de Lira que servía no Pindo. Ao longo desta subida, atopan un petroglifo único nun saínte da Laxe da Moa, tan curioso que apuran a reproducilo a man alzada no cartón da caixa de zapatos no que portaban os bocadillos.

Cando menos esta é a narración dos feitos que nos legou en 1970 cando se publica o seu texto Notas arqueológicas e históricas de los montes de El Pindo (Compostellanum XV, nº 4) e xa con máis detalles en 1986, coa obra monográfica Monte Pindo: Olimpo Celta y desierto de piedra. Unha obra, por certo, esgotada e xamáis reeditada asinada por un dos maiores coñecedores e amantes do Monte Pindo, a cuxo estudo dedicou boa parte da súa vida.
Debuxo con sensíbeis diferenzas (Barreiro Barral, 1986)
A existencia deste petroglifo foi posta moitas veces en dúbida. O propio Barreiro asegura que non foi posíbel encontrar o petroglifo en posteriores escaladas, o que achaca ao medre da vexetación e do nivel do terreo, mais que lle indicou ao seu fillo Moncho o lugar exacto para atopalo. O hoxe presidente de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, hai uns anos que lle preguntou a outro fillo seu, Domingo Barreiro, se lembraba cal era o lugar que indicaba o seu pai, mais este asegurou que unha vez foron a buscalo con toda a familia a golpe de sacho e que non houbo maneira. O certo é que nunca máis se soubo deste petroglifo.

Que o fai tan especial? 
Hai varios motivos que convirten a este petroglifo, de existir, en sumamente valioso. O primeiro é que paradoxalmente non existe no Monte Pindo nin un só gravado rupestre. E dicimos paradoxalmente porque ao seu carón, no anfiteatro natural que forma a enseada de Carnota, atópase unha das concentracións de petroglifos máis importantes de Galiza, cunhas 60 estacións en menos de 10 quilómetros (impecabelmente recollidos na obra Gravados rupestres nos montes de Carnota, de Xosé Cernadas). Porén nas dúas mil hectáreas virxes que ocupa o Monte Pindo, o monte sacro dos nosos antergos e Olimpo dos deuses celtas que vén de demostrarse que foi ocupado desde o neolítico, non hai un só gravado rupestre coñecido, tan só inscricións e crucifixos medievais destinados a impoñer a doutrina católica nun lugar recoñecido polos seus cultos pagáns.

Por que non hai nun lugar tan simbólico como é o Monte Pindo ningún gravado? Hai quen defende que de habelos desapareceron pola erosión (opinión máis que discutíbel) ou mesmo que o carácter sacro do espazo disuadiu aos nosos antergos de gravar nas súas rochas. Non sería a primeira vez, pois xa no ano 390 o historiador Marcus Junianus Justinus asegura na súa obra magna Epitoma historiarum Philippicarum Pompei Trogique que había un sacer mons (monte sacro) en Galiza que os mortais tiñan prohibido profanar co ferro, e que o ouro das súas entrañas só podía colleitarse contando co favor divino, é dicir, cando o raio fería a súa superficie, o que se consideraba un agasallo dos deuses.

Outro factor que fai esta inscrición moi interesante é o propio deseño, que o fai completamente distinto a todos os petroglifos da zona. A configuración que debuxou Barreiro, con dúas espirais ligadas por partida dobre cunha curiosa curva quebrada e cunha horizontal entre os seus eixos, desata a imaxinación de quen o ve. Xosé Luis Galovart interpreta neste símbolo a aliñación entre o Monte Pindo e o Cabo Fisterra, coincidentes coa saída e a posta do sol no equinocio do verán, e mesmo que a curva pode representar unha especie de mapa coa liña da costa e o dito cabo.

Mito, lenda ou certeza, a existencia deste petroglifo só fai incrementar o mundo simbólico e misterioso que rodea o noso apaixoante monte sacro.