27/07/12

A dobre espiral de Barreiro Barral, mito ou realidade?

Primeiro debuxo da dobre espiral (Barreiro Barral, 1970)
Ano 1932. Xosé Barreiro Barral (pai de Xosé Ramón Barreiro, historiador que logo sería presidente da RAG) sube por primeira vez ao Monte Pindo acompañado por Manuel Sotelo Morales, carabineiro do destacamento de Lira que servía no Pindo. Ao longo desta subida, atopan un petroglifo único nun saínte da Laxe da Moa, tan curioso que apuran a reproducilo a man alzada no cartón da caixa de zapatos no que portaban os bocadillos.

Cando menos esta é a narración dos feitos que nos legou en 1970 cando se publica o seu texto Notas arqueológicas e históricas de los montes de El Pindo (Compostellanum XV, nº 4) e xa con máis detalles en 1986, coa obra monográfica Monte Pindo: Olimpo Celta y desierto de piedra. Unha obra, por certo, esgotada e xamáis reeditada asinada por un dos maiores coñecedores e amantes do Monte Pindo, a cuxo estudo dedicou boa parte da súa vida.
Debuxo con sensíbeis diferenzas (Barreiro Barral, 1986)
A existencia deste petroglifo foi posta moitas veces en dúbida. O propio Barreiro asegura que non foi posíbel encontrar o petroglifo en posteriores escaladas, o que achaca ao medre da vexetación e do nivel do terreo, mais que lle indicou ao seu fillo Moncho o lugar exacto para atopalo. O hoxe presidente de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, hai uns anos que lle preguntou a outro fillo seu, Domingo Barreiro, se lembraba cal era o lugar que indicaba o seu pai, mais este asegurou que unha vez foron a buscalo con toda a familia a golpe de sacho e que non houbo maneira. O certo é que nunca máis se soubo deste petroglifo.

Que o fai tan especial? 
Hai varios motivos que convirten a este petroglifo, de existir, en sumamente valioso. O primeiro é que paradoxalmente non existe no Monte Pindo nin un só gravado rupestre. E dicimos paradoxalmente porque ao seu carón, no anfiteatro natural que forma a enseada de Carnota, atópase unha das concentracións de petroglifos máis importantes de Galiza, cunhas 60 estacións en menos de 10 quilómetros (impecabelmente recollidos na obra Gravados rupestres nos montes de Carnota, de Xosé Cernadas). Porén nas dúas mil hectáreas virxes que ocupa o Monte Pindo, o monte sacro dos nosos antergos e Olimpo dos deuses celtas que vén de demostrarse que foi ocupado desde o neolítico, non hai un só gravado rupestre coñecido, tan só inscricións e crucifixos medievais destinados a impoñer a doutrina católica nun lugar recoñecido polos seus cultos pagáns.

Por que non hai nun lugar tan simbólico como é o Monte Pindo ningún gravado? Hai quen defende que de habelos desapareceron pola erosión (opinión máis que discutíbel) ou mesmo que o carácter sacro do espazo disuadiu aos nosos antergos de gravar nas súas rochas. Non sería a primeira vez, pois xa no ano 390 o historiador Marcus Junianus Justinus asegura na súa obra magna Epitoma historiarum Philippicarum Pompei Trogique que había un sacer mons (monte sacro) en Galiza que os mortais tiñan prohibido profanar co ferro, e que o ouro das súas entrañas só podía colleitarse contando co favor divino, é dicir, cando o raio fería a súa superficie, o que se consideraba un agasallo dos deuses.

Outro factor que fai esta inscrición moi interesante é o propio deseño, que o fai completamente distinto a todos os petroglifos da zona. A configuración que debuxou Barreiro, con dúas espirais ligadas por partida dobre cunha curiosa curva quebrada e cunha horizontal entre os seus eixos, desata a imaxinación de quen o ve. Xosé Luis Galovart interpreta neste símbolo a aliñación entre o Monte Pindo e o Cabo Fisterra, coincidentes coa saída e a posta do sol no equinocio do verán, e mesmo que a curva pode representar unha especie de mapa coa liña da costa e o dito cabo.

Mito, lenda ou certeza, a existencia deste petroglifo só fai incrementar o mundo simbólico e misterioso que rodea o noso apaixoante monte sacro.

18/07/12

As Comunidades de Montes galegas reclaman ao unísono o Parque Natural do Monte Pindo

"A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), en reunión da sua Xunta Reitora, celebrada o dia 30 de Xuño de 2012, ACORDOU Apoiar a declaración do Monte Pindo como Parque Natural".
Con este escueto correo que nos enche dunha ledicia inmensa, o presidente Xosé Alfredo Pereira Martínez comunicounos esta semana que o Parque Natural do Monte Pindo xa é causa común dos implicados máis directos nos montes galegos, o conxunto dos seus usuarios. Un impulso xigante, poderíamos dicir definitivo, para que a Xunta faga efectiva dunha vez a tan arelada protección do Monte Sacro dos nosos antergos.

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), é unha organización de ámbito galego creada por e para as comunidades de montes veciñais. Os seus obxetivos radican na defensa dos montes veciñais en man común desde unha óptica baseada na titularidade de caracter xermánico; é dicir, que a titularidade sexa veciñal e comunitaria, non pública nin privada. Outro obxectivo é, por suposto, a posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentabel, pensando no beneficio da veciñanza comuneira e das maiorias sociais do noso País.

IGEC
O Instituto Galego de Estudos Celtas (IGEC) tamén nos transmitiu recentemente o seu apoio ao proxecto, tras contactar con nós interesados polo sorprendente achado dunha moeda de tempos do rei Afonxo X preto da Laxe da Moa.
Nesta ocasión o apoio comunicóunolo o arqueólogo, académico e profesor Laureano F. Carballo, xusto tras obter o visto e prace do Decano do IGEC, o reputado doutor André Pena Granha, que "se amosou encantado coa iniciativa". Tanta ilusión debeu subscitarlles a idea, que nun lapso (ou non) o que nos transmitiron foi o apoio á "declaración do Monte Pindo como Parque Nacional". Tampouco debe sorprendernos, pois hai case cen anos o goberno central xa tivo a mesma idea. Bromas aparte, Carballo remata a feliz misiva desexando que "ogallá moi cediño o espazo natural e mitolóxico do Parque sexa unha realidade patrimonial protexida e recoñecida".

Asi será con apoios tan importantes coma o do IGEC, instituto que nace no 2009 para promover a investigación multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos en Galiza, norte de Portugal e Europa Atlántica, con especial énfase nos chamados Países Celtas e xentes de orixe celta. O IGEC tamém difunde o coñecemento xeral da historia, cultura e sociedade galegas, o intercambio académico e científico e mesmo ofrece servizos de consultoría e asesoramento en áreas como a educación, xestión do patrimonio, promoción turística, etc.

Pan de Raposo
Malia a escasez de organizacións na Costa da Morte dedicadas en exclusiva á micoloxía (estudo dos cogumelos), este colectivo non quere quedar alleo da reclamación cidadá. Pan de Raposo transmítenos desde Cee a súa adhesión á proposta para declarar o Monte Pindo como Parque Natural. E non podía ser doutro xeito dado que habitualmente organizan saídas ao Monte Pindo para abraiarse coa multiplicidade de fungos que alí se atopan en determinadas épocas do ano, e contando con 4 especies protexidas dentro deste reino.

Ademais das excursións específicas á procura destas xoias naturais, Pan de Raposo tamén organiza convivios entre os amantes desta afición na bisbarra e desenvolve as Xornadas Micolóxicas Costa da Morte, que este ano celebraranse por vez 12ª, asi como exposicións e publicacións para a divulgación da micoloxía, incluíndo un boletín.

12/07/12

Un estudo demostra a ocupación continuada do Monte Pindo desde a época romana

Pico Penafiel. Foto: Humberto Caamaño
Un novo método de datación chamado termoluminiscencia que permite coñecer con exactitude a antigüidade de fragmentos de cerámica pode transformar a nosa historia despois de analisar 5 cerámicas recollidas en diversos puntos do Monte Pindo. Os resultados do estudo "Datación por termoluminiscencia de cerámicas de cuevas y cavidades graníticas en el NW de la Península Ibérica" foron presentados polos especialistas da IUX Parga Pondal J. Sanjurjo-Sánchez, J.R. Vidal Romaní, M. Vaqueiro, X.L. Vilar Pedreira, E. Méndez Quintás e R. Costas Vázquez no IX Congresso Ibérico de Arqueometría, celebrado en Lisboa o pasado mes de outubro, arroxando os seguintes resultados:
  • Pico Penafiel: ano 212 d.C.
  • Cova no Monte Pindo: ano 512 d.C.
  • Cova no Monte Pindo: ano 992 d.C.
  • Pico Penafiel: ano 1042 d.C.
  • Cova no Monte Pindo: ano 1092 d.C.
Cova no Monte Pindo
Á vista dos datos, neste 2012 cúmprense exactamente 1800 anos de que "alguén" elaborou tellas para construir "algo" no Pico Penafiel, e ademais o estudo demostra nada máis e nada menos que o Monte Pindo foi ocupado continuamente desde a época romana; non sabemos se dun xeito sedentario ou nómade mais o feito de tratárense de tellas podería indicar o primeiro. Mais a que obedecía a presenza de restos construtivos tan antigos no Pico Penafiel? Cecais sexa venturoso especular, mais debemos lembrar que algúns eruditos da antigüidade nunca consideraron á antiga Torre Fiel un recinto defensivo ou castelo (utilidade que si tivo durante o século XV), senón un faro imprescindíbel para a navegación da zona, e o Pai Sarmiento mesmo asegura que fora construído a imaxe e semellanza da Torre de Hércules coruñesa. Esta datación podería dar máis peso a aquela interpretación? Xulgade vós mesmos.

Recreación do Castelo de Penafiel. Créditos: AMPPN.
A antigüidade da presenza humana do Monte Pindo levaba un tempo patente co descubrimento dunha vasixa cerámica campaniforme de hai 6.000 anos, que indica a presenza humana nas cavernas carnotás desde cando menos o que se considera o comezo do Neolítico europeo, asi como que obviamente esta civilización era hábil para elaborar cerámicas campaniformes decoradas. Mais a presenza de restos construtivos tan antigos limitárase ata hoxe á tradición oral e á especulación. Máis agora os materiais habitualmente desbotados por non poder datarse mediante a arqueoloxía poden por fin situarse no tempo con bastante exactitude. Os resultados deste método de tasación desenvolvido polo investigador da IUX Jorge Sanjurjo Sánchez non pode máis que deixarnos coa boca aberta, e confirmar a urxencia de protexer un patrimonio tan importante desde todos os puntos de vista coa única figura de que ademais repercute positivamente na poboación que o rodea: a declaración de Parque Natural.