30/05/12

Monte Pindo, terra de geocaching

Un dos "cachés" agochados actualmente no Monte Pindo
Un novo fenómeno social, íntimamente ligado co montañismo, o sendeirismo e en definitiva co goce  da natureza, está abríndose camiño silenciosamente a escasa distancia dos nosos fogares, ata atraer a atención da prensa. Trátase do geocaching, un novo deporte de aventura que consiste, sinxelamente, en buscar cachés ou tesouros agochados previamente por outros usuarios. Para coordinar a actividade, existen multitude de páxinas web onde os usuarios poden rexistrar pistas e ata coordenadas GPS para axudar a localizar os tesouros que agocharon previamente, que poden ser xoguetes, libros, postais ou ferramentas e útiles para o campo. A única condición para quen atope o tesouro é que debe anotar o seu nome nun libro de visitas e, se decide levarse algún obxecto, debe depositar outro de igual ou superior valor.

Na Asociación Monte Pindo Parque Natural xa hai algún tempo que temos coñecemento da existencia de varios cachés no Monte Pindo, espazo natural que consideramos óptimo para xogar a converterse en buscador de tesouros mediante o geocaching, pois ademais da emocionante experiencia achega unha situación privilexiada nun monte mítico e pragado de interese histórico e natural, a 627 metros de altitude a menos de dous quilómetros do mar da fin da terra, o que ofrece unhas paisaxes óptimas de boa parte da Costa da Morte.

Para un óptimo disfrute desta actividade partindo do máximo respecto pola natureza, deben usarse os camiños tradicionais de acceso ao monte, e moi especialmente os que estamos recuperando. O simple feito de camiñar por eles fai que estén cada vez máis limpos. Por outra parte as incursións continuas fóra dos camiños habituais perturban a delicada vida animal no Monte Pindo, e unha excesiva presión sobre os seus hábitats poden provocar mesmo que determinadas especies abandonen a zona definitivamente. Asi mesmo, debemos lembrar que hai zonas do Monte Pindo que son perigosas e de moi difícil acceso no caso dun hipotético rescate, polo que o xogador debe extremar as precaucións antes de internarse por localizacións que descoñece (aínda que dispoña de apoio GPS), e máis se as condicións meteorolóxicas son adversas no día escollido. Por último, e máis importante, disfrutar moitísimo da visita e ollar ao redor, non só na procura do ansiado tesouro, senón tamén da exclusiva xeoloxía, bioloxía e patrimonio do Olimpo Celta.

21/05/12

Unha visita ao Monte Pindo remata co achado dunha moeda de Afonso X O Sabio

Anverso
Reverso
A subida organizada esta fin de semana pola Asociación Monte Pindo Parque Natural e ADEGA-Lugo para acompañar ao monte a medio cento de veciños da cidade das murallas, rematou do xeito máis inesperado: co achado casual dun Óbolo de Vellón acuñado durante o reinado de Afonso X O Sabio, entre os anos 1252 e 1284. A pequena peza foi atopada polo noso socio Xosé Troiano no entorno da Laxe da Moa, o cumio do Monte Pindo. Pesa menos dun gramo, mide uns 13 milímetros e estaría composta por unha aleación de prata e cobre. O seu valor equivalería a medio dinero (ou cinco maravedís), un valor da época que variaba en función do sitio onde fose acuñada. Neste caso, a moeda podería proceder da ceca da Coruña, o que fai o descubrimento aínda máis valioso.

Cada unha das caras conta con diferentes motivos. O anverso conta coa inscrición CA.ST.EL.LE cinguindo un cadrado que contén un castelo, e unha ceca debaixo bastante deteriorada que semella unha vieira que o adscribiría inconfundibelmente á ceca da cidade herculina. No reverso, a inscrición LE.GI.ON.IS rodea un cadrado que contén un león.

O óbolo de vellón sería acuñado precisamente na mesma época na que os expertos datan a inscrición achada recentemente na ermida do Monte Pindo, e que podería corresponderse á súa data fundacional ou dunha reconstrución posterior. Isto podería suxerir un certo vencello entre os dous achados, e mesmo que existiu nese tempo peregrinaxe á ermida e unha tributación a aquela que fose a súa advocación, cousa que como outros moitos detalles da edificación aínda descoñecemos.

Veciños de Lugo no Monte Pindo
Polo demais, a comitiva percorreu o treito entre as aldeas do Fieiro e Quilmas acompañada por unhas condicións meteorolóxicas moi benevolentes, sen calor ou frío excesivos, coincindindo cun día no que tamén se desenvolviu o IV Mercado Ecolóxico de Quilmas, nesta ocasión dedicada á resposta contra as fumigacións masivas de eucaliptos pola Xunta que están a ameazar ás abellas, e na que a nosa Asociación contou novamente cun posto informativo.

Actualización a 22 de maio de 2012
O arqueólogo Laureano F. Carballo, académico e profesor do IGEC (Instituto Galego de Estudos Célticos) especializado en numismática, acaba de confirmarnos que a peza procede sen lugar a dúbidas da ceca (fábrica de moeda) da Coruña.

10/05/12

Nace o Proxecto Torre dos Mouros

Restos da Torre dos Mouros. Foto: Antón Malde.
Nada facía presaxiar hai menos dun mes, cando divulgamos o achado casual dun veciño, puidéramos traervos xa unha noticia tan boa: o novo castro ou fortificación atopado no Monte do Castro en Lira, a Torre dos Mouros que xa fora citada nalgúns textos antigos sen precisaren nunca a súa localización exacta, xa está a coller forma mediante un proxecto para o seu estudo e excavación, grazas ao interese que subscitou o descubrimento no Concello de Carnota e nun grupo de veciños e especialistas. Congratulámonos de presentarvos o Proxecto Torre dos Mouros, que nace coa vontade de integrar a veciños e visitantes na recuperación do noso patrimonio cunha ilusionante iniciativa que aspira a desentrañar todos os misterios deste tesouro arqueolóxico de procedencia aínda ignota.

Este venres 11 de maio, ás 20:30 horas, a Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Carnota emprázanos a todas e a todos a unha xuntanza no Salón de Actos da Casa Consistorial para explicar exactamente en que vai consistir este proxecto, no cal vai cobrar unha importancia moi destacada a acción voluntaria.

Agardamos que este primeiro piar da iniciativa contribúa a avanzar na boa dirección de seguir socializando os nosos bens patrimoniais e tamén a facer partícipes aos seus herdeiros, os veciños e as veciñas de Carnota, na recuperación e o estudo dunha Torre dos Mouros que promete moitas, moitísimas sorpresas.