17/04/12

Aparecen nos montes de Lira restos doutro posíbel "castella tuttiora": a Torre dos Mouros

Detalle das murallas
Foto: Antón Malde
Os nosos montes non deixan de dar sorpresas, mesmo alén do Monte Pindo que tanto e tanto da de si. Só alonxándose uns quilómetros do macizo, atopámonos cun dos conxuntos de petroglifos máis grande e único de Europa dispersos por todos os monte das ladeiras costeiras do noso municipio. Xa se coñecían dous castros (en Lira e Mallou) que no seu día relacionamos moi directamente co milenario cumio amurallado do Monte Pindo. Mais non era todo.

Estrutura aproximada do sitio
Fonte: Manuel Gago
Todo comezou cunha chamada do noso veciño Jordi Tato, que nos puxo sobre a pista dos restos do que pensábamos que sería un castro aínda descoñecido nos montes de Lira. Malia que en 1930 xa Carré Aldao se referira brevemente ao que vimos de descubrir, non é ata pleno século XXI en que a existencia dun novo ben patrimonial, aínda sen sequera catalogar, se revela ante nós nos montes de Lira. Esta fin de semana puxémonos as botas e, acompañados polo xornalista Manuel Gago, que adoita colaborar con nós, e o arqueólogo Luis Cordeiro, que está inmerso en pleno inventario dos bens patrimoniais do concello de Carnota, xunto co propio Jordi e algúns outros curiosos, fomos a dar cun novo amurallamento que que se correspondería, nin máis nin menos, cun posíbel castella tuttiora de apenas 2 hectáreas, a xeito de irmán pequeno do que falamos recentemente no Monte Pindo, de 10 hectáreas. E ao igual que o seu irmán maior, tampouco resgardaba casas, castelos, cabanas nin nada que se lle pareza: estaba baleiro e pechaba un lugar inhóspito.

Carré Aldao xa falou dun forte en Lira
Geografía General del Reino de Galicia (1930)
Para seguir ampliando toda a información, nada mellor que este artigo de Manuel Gago no blog Capítulo 0. A relación entre cada un destes enclaves e a estratexia para a defensa das nosas costas por parte dos nosos ancestros segue a darnos cada día máis pistas que á súa vez plantexan novos interrogantes, pero xa temos unha boa noticia segura: o arqueólogo Luis Cordeiro vennos de confirmar que este sitio pasará a estar catalogado e protexido no novo PXOM de Carnota como ben arqueolóxico. E iso sempre é un motivo polo que felicitarnos.