09/03/12

O artista gráfico Tokio encargarase da cartelería da Manifestación do 14 de abril

A loita polo Parque Natural do Monte Pindo conta cun novo e importante aliado: o ilustrador Tokio (Vigo, 1964) será o encargado de pór a súa creatividade ao servizo do Monte Pindo coa realización do deseño do cartel da Manifestación polo Parque Natural do Monte Pindo.


Alfredo López (Tokio) comeza na ilustración a través da banda deseñada nas revistas viguesas dos anos 80 (CASTRELLIS; KATARSIS, etc.), e publica viñetas de humor en diversos xornais entre os que cabe destacar A Peneira e A Nosa Terra. Licénciase en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Zooloxía Mariña, pola Universidade de Santiago en 1989, o que lle abre paso á ilustración científica e naturalista, traballando como profesional entre 1989 e 1998, e doutorándose en Bioloxía Animal en 2003.

Ten realizado ilustración de libros infantís: Crónica dos catro viaxeiros, de Xoan Babarro, Ed. Xerais, O cocho de carreiras Rudi fuciños, de Uwe Tim, Ed. Galaxia. O namoro de lobo Pipo, de Bernardino Graña, Ed. Sotelo Branco. Nogard, de Marilar Aleixandre, Obradoiro- Alfaguara. A aldea das catro primaveiras, de Xoan Babarro, Ed. Sotelo Branco, A Toupeira, de Xosé Alfredo Pereira, IEM-Mancomunidade de montes do Val Miñor. Tamén ilustrou os discos O demo fungón e Desafinaturum do grupo Muxicas.

Especializado en ilustración científica realizou, entre outras, as ilustración dos libros: Vocabulario de Ciencias, da Xunta de Galicia; Volumen de Cefalópodos de la Fauna Ibérica, do Proyecto "Fauna Ibérica" do Mus. Cien. Nat. de Madrid.; Atlas de vertebrados de Galicia e A natureza ameazada, do Consello da Cultura Galega, e un longo etcétera.

Alfredo López
Ademais destaca na súa tarefa de cartelista e deseñador de exposicións, con traballos como Exposición Dende la beira del el mar, editado por CEMMA en 1992, Carteis da Dirección Xeral de Montes, editados por este organismo en 1993, Carteis sobre as especies protexidas en Cabañeros, Entorno, Parque de Cabañeros, 1993, Ilustracións dun fondo mariño de 6x3 metros, editadas por Parque Nacional de Timanfaya, Expoidea, 1994 ou a Guía de cetáceos, en 2011.

Na actualidade traballa como biólogo responsábel de proxectos na CEMMA, que ademais vén de adherirse á nosa reivindicación, e desde onde segue a realizar ilustración científica.

Quen desexe contar cos servizos deste prolixo artista gráfico pode contactalo nos teléfonos 986 36 08 04 e 686 98 90 08 ou ben no seu enterezo electrónico tokioilustracion@gmail.com.