04/03/12

Máis e máis apoios achegan a ansiada protección do Monte Pindo

Novamente espertamos coa adhesión de entidades sociais de todo tipo á causa xusta da protección e o desenvolvemento substentábel do Pedregal carnotán baixo a figura de Parque Natural. Logo da que os medios de comunicación bautizaron como "cascada de apoios" vivida na última semana, cada vez máis colectivos se poñen en contacto con nós para que saibamos que contamos coa súa colaboración.

Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)
Se ben xa hai un tempo que víñamos colaborando coa AELG en diferentes proxectos literarios ambientados no Monte Pindo, o seu presidente Cesáreo Sánchez acaba de confirmarnos a adhesión do colectivo nacido en 1982 que aglutina aos escritores e as escritoras máis sobranceiros na nosa lingua á declaración de Parque Natural.
Sen dúbida trátase dun apoio crucial do mundo da cultura galega, que avala que o Monte Pindo tamén forma parte do noso acervo cultural común. Por outra parte, a iniciativa de Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval, membros de AELG e socios de Monte Pindo Parque Natural, xa leva compiladas máis de 40 poesías inéditas sobre o macizo carnotán, cuxa publicación verá a luz en breve.

Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal
Un dos máis importantes investigadores do Monte Pindo e colaboradores da nosa causa, o catedrático de xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní, remítenos o apoio do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal, creada en 1979 e hoxe dependente da Universidade da Coruña, que el mesmo preside, asi como a adhesión de 3 profesores máis desta institución: Aurora Grandal d’Anglade, Jorge Sanjurjo Sánchez e Willem Viveen.
A asidua implicación do IUX Parga Pondal no Monte Pindo xa deixou os seus importantes froitos mediante estudos e analíticas de rochas do macizo, a publicación dunha tese doutoral sobre a intricada xeoloxía do Monte Pindo, á que axiña dedicaremos un artigo en profundidade, asi como varios descubrimentos que poden revolucionar os cimentos da xeoloxía moderna, e que mesmo subscitaron o interese da NASA, como son os depósitos macrobióticos ou espeleotemas presentes nas cavidades graníticas do Monte Pindo.

Clube Espeleolóxico Maúxo
Íntimamente relacionado co apoio anterior, recibimos o respaldo do Clube Espeleolóxico Maúxo (Vigo), unha entidade creada en 1992 que centra os seus esforzos na investigación das covas presentes na nosa orografía.
Foi este colectivo o que, acompañado polo profesor Vidal Romaní, descubriu nunha cova do Monte Pindo restos cerámicos de 6.000 anos de antigüidade, que demostraron que o Olimpo Celta tamén serviu de primitivo acobillo aos primeiros humanos que poboaron o noroeste peninsular. Un descubrimento sen precedentes, dado que os restos arqueolóxicos máis antigos que se coñecían no lugar apenas datan duns mil anos de antigüidade.

Plataforma en defensa da Serra do Galiñeiro
De plena actualidade pola súa loita contra un proxecto eólico que pretende arrasar parte do seu patrimonio natural, recabamos o apoio da Plataforma en defensa da Serra do Galiñeiro.
A problemática da instalación de aeroxeradores a calquera prezo en lugares mesmo non aptos para a produción enerxética e só tendo en conta o nivel de oposición social fundamenta a denuncia deste colectivo unido en defensa dunha serra que ademais é a prolongación natural e xeográfica do Parque Natural do Monte Aloia, e a unidade paisaxística de máis valor do sur da provincia de Pontevedra.
Monte Pindo Parque Natural xa lles comunicou o respaldo á súa causa, e facemos propia a frase que usaron para transmitirnos o apoio: A vosa loita é a nosa loita.

Verdegaia
Tras ADEGA, SGHN, Amigos da Terra e Naturviva, recabamos a adhesión doutra importante asociación ecoloxista galega, Verdegaia, que nace en 2006 co obxecto de contribuír desde Galiza para a defensa do ambiente e o avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, na procura dunha saída emancipatoria á crise ecolóxica global.

Asociación Sociocultural Motivos d'Aldea
Desde Bueu chéganos a adhesión dun colectivo, Motivos d'Aldea, que levan un ano dedicados á investigación, protección, actualización e divulgación do legado patrimonial, material e inmaterial, pertencente á nosa cultura e definitorio da nosa identidade histórica. O seu interese radica fundamentalmente no patrimonio local, en calquera das súas vertentes: medioambiental, construído, inmaterial e marítimo... Máis tamén demostran a súa xenerosidade para con outras causas xustas, cousa que no Monte Pindo agradecemos e moito.