12/03/12

Complétase o apoio unánime do empresariado da Costa da Morte, que se une a outras 7 adhesións

Outra batería de 8 novos apoios á creación do Parque Natural do Monte Pindo no que vai de semana lémbrannos o cada día maior respaldo co que conta a nosa reivindicación entre todos os sectores. Mais concretamente un deles sérvennos para poder anunciar a adhesión unánime dun colectivo tan crucial da nosa comarca como é o dos representantes do tecido económico e produtivo.

Asociación de Empresarios Costa da Morte
Tras FECOM, o apoio da xoven Asociación de Empresarios Costa da Morte completa a adhesión á nosa proposta por parte do conxunto do empresariado dunha comarca que, sen dúbida, verá nacer en breve o seu primeiro Parque Natural, en vista da cantidade e calidade dos respaldos á iniciativa.
A entidade nace en Vimianzo no 2009 en resposta polos elevados prezos que Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) impuxo ao metro cadrado de chan empresarial no novo polígono da comarca, dificultando o asentamento de novas iniciativas empresariais e por tanto dinamización do tecido económico, a pesar da necesidade acuciante de novo chan industrial na Costa da Morte. Asi, dous anos despois, o dito polígono segue sen un só metro cadrado a producir, nunha nova mostra de que os proxectos feitos de costas aos directamente afectados só poden conducir ao fracaso.
A Asociación Monte Pindo desexa que o apoio xa unánime do tecido económico da Costa da Morte convenza definitivamente á Xunta de que o Parque Natural do Monte Pindo só pode atraer beneficios á nosa comarca.

Asociación Galega de Custodia do Territorio
Fundada en Rábade (Lugo) no 2008, a Asociación Galega de Custodia do Territorio transmítenos o apoio da súa Xunta Directiva en base non só á valoración positiva da nosa reivindicación senón que tamén por "como está sendo capaz de aglutinar sectores sociais moi diversos e habitualmente enfrontados no que se refire á declaración de espazos naturais protexidos".
A pouca idade do colectivo pode levar a equívocos, e desde a Asociación Monte Pindo consideramos que ten moitísimo que dicir a respecto do desenvolvemento substentábel do noso medio ambiente. E é que a custodia do territorio é unha filosofía que leva décadas en boga en todo o mundo. Cconsiste, fundamentalmente, en que a sociedade civil tome parte activa e directa na recuperación e posta en valor do territorio, en termos de aproveitamento dos recursos sobre o respecto co medio natural. Na práctica, e asi no-lo teñen dito en outras ocasións, asociacións como a nosa ou Rainha Lupa xa somos dalgún xeito entidades de custodia do territorio, se ben o concepto pode desenvolverse moito máis chegando incluso a acordos cos propietarios das terras para beneficio de toda a sociedade, como no exemplar caso de Ridimoas, entidade pioneira deste xénero en Galiza.

ASC O Iríbio (Triacastela)
Se estamos levando algunha sorpresa moi positiva nesta andaina é que a forza para acadarmos os nosos obxectivos chéganos desde os sitios máis inesperados. A adhesión da Asociación Socio-Cultural O Iríbio viaxa desde Triacastela, no interior da provincia lucense tan coñecido polos seus sismos, ata o Monte Pindo carnotán, un macizo granítico onde os sismos foron, precisamente, cruciais para a súa complexión tan característica.
En O Iribio queren destacar que este apoio débese a que "a privilexiada situazón do Monte Pindo conforma un conxunto extraordinário, ao estaren ao seu pé tanto a fervenza do Ézaro como a praia de Carnota", e é por iso que aseguran que "a criazón do Parque Natural é o mellor xeito de pór en valor este património", pois consideran que o futuro do medio rural só existirá "paralisando a emigrazón para a cidade e a perda de actividades e ofícios tradicionais, e ao mesmo tempo xerando novas posibilidades económicas, coa importáncia de posibilitar a revitalizazón da zona nestes tempos de crise.". Queda claro que en O Iribio comparten plenamente a filosofía da Asociación Monte Pindo, e é por iso que estamos seguros de que neste colectivo atopamos, máis que un aliado, un verdadeiro compañeiro de camiñada.

Árbore
Consumo Consciente Árbore é un proxecto empresarial pioneiro nacido en 2001 que ten como causa social a asociación de consumidores/as nunha Sociedade Cooperativa Galega, coa finalidade de conquerir entre eles/as productos ecolóxicos coa mellor relación calidade-prezo, coma parte dun proxecto socio-económico enmarcado nos principios dunha economía social e solidaria.

Federación Ecoloxista Galega
A Federación Ecoloxista Galega (FEG) é a maior federación do ámbito ecoloxista do noso País, pois aglutina desde 1996 a 18 dos grupos ecoloxistas galegos máis fortes e activos, algúns dos cales xa se adheriran individualmente e outros aínda non o fixeran.
Segundo nos comunica o seu coordenador, Anxo F. Saborido, FEG tamén quere estar ao lado dos veciños do Monte Pindo pedindo a declaración do parque natural, co desexo de que o esforzo teña un resultado positivo.

Foro Social de Cangas
Outro impulso colectivo á declaración de Parque Natural do Monte Pindo procede do Foro Social de Cangas, unha entidade que se destaca pola súa loita cívica contra o expolio do patrimonio e a natureza da localidade morracense, e en particular da loita en defensa da histórica conserveira Massó e do paraxe do Salgueirón pola presión urbanística.

Sociedade Galega de Ornitoloxía
A Sociedade Galega de Ornitoloxía fundouse en Compostela no ano 1999, a iniciativa de varios ornitólogos galegos que vían interesante a creación dunha asociación dedicada exclusivamente á observación, estudo e conservación das aves silvestres e dos seus hábitats, asi como a divulgación entre a sociedade galega dos seus coñecementos e tamén o respecto e a paixón polas aves.
Algúns dos froitos máis importantes do gran traballo deste colectivo é o Congreso Galego de Ornitoloxía ou a edición do Anuario das Aves de Galicia, asi como a organización de charlas, ponencias, saídas ao campo e grupos de traballo, ou a edición de numerosas publicacións específicas.
A Xunta Directiva deste importante colectivo decidiu esta fin de semana adherirse á petición do Parque Natural do Monte Pindo, non sen antes transmitirnos que desexan que este espazo natural non sexa o último que obteña a protección.

Partido da Terra
Joám Evans Pim, secretario xeral do Partido da Terra, tamén nos constatou o apoio inequívoco á declaración de Parque Natural do Monte Pindo por parte desta entidade política con sede en Rianxo que asume os principios de pluralidade, democracia directa e participativa, e sobre todo servizo á terra, no local e no global, que parta dunhas condutas éticas e conscientes de cara á substentabilidade planetaria e o dereito dos pobos á paz e o desenvolvemento.