Agustín Hernández saúda ao presidente de Monte Pindo Parque Natural ao remate do encontro |
A reunión desenvolviuse nun ton cordial, e o conselleiro quixo escoitar en profundidade os múltiples argumentos que expertos, representantes veciñais e institucionais esgrimen para defender a ideoneidade desta figura de protección no macizo carnotán. Agustín Hernández amosou unha absoluta receptividade que cando menos modifica substancialmente a negativa mantida pola Xunta ata hai uns días.
Deste xeito os asistentes foron debullando as características que fan o Monte Pindo merecedor da declaración como Parque Natural. Estes argumentos foron respaldados polos representantes dos dous maiores colectivos ambientalistas galegos, ADEGA e SGHN, que apostillaron que o futuro Parque Natural parte dunha situación sen precedentes: conta desde o inicio co respaldo do ecoloxismo pero tamén cun amplo apoio social: concellos, cidadáns, empresas e hostaleiros, etc. Isto crea unhas potencialidades para o éxito do proxecto sen parangón noutros lugares e tamén garante que os veciños non só serán os máximos beneficiarios do Parque Natural, senón que poderán participar directa e activamente na toma de decisións sobre o mesmo.
O conselleiro recoñeceu que non coñecía determinadas premisas da reivindicación que en todo caso valorou moi positivamente, e propuxo establecer en adiante unha comunicación fluída cos axentes sociais que sirva para facilitarlle á consellería toda a información precisa sobre a iniciativa, de cara a asentar os primeiros piares da proposta.
A Asociación Monte Pindo saúda este achegamento coa persoa responsable da proposta de novos espazos galegos protexidos, agradece a receptividade do conselleiro e avalía a reunión como moi satisfactoria. Esta mesma sensación foi compartida polo rexedor carnotán Ramón Noceda e os representantes de ADEGA e SGHN. Agardamos que o encontro supoña o primeiro paso nun proceso que culmine ca declaración do primeiro parque natural da Costa da Morte.