31/12/11

E para o ano 2012... chegou a hora de actuar

Agustín Hernández, conselleiro e
responsábel da (non) declaración
do Monte Pindo como parque natural
Levamos un ano e dous meses esixindo da Xunta de Galicia a declaración de Parque Natural do Monte Pindo, e se ben cada vez nos atopamos con menos barreiras e máis apoios na sociedade e entre os sectores implicados, a inxustificada negativa inicial da administración responsábel da dita declaración, a Consellería de Medio Ambiente e do seu máximo dirixente, o conselleiro Agustín Hernández, non variou nin un ápice nese tempo.

O cambio de ano convídanos a todos, veciños e axentes sociais, a reflexionar sobre que novos retos afrontamos e, sobre todo, cara onde debemos encamiñar os nosos esforzos de xeito que nos acheguen cada día un pouco máis ao noso obxectivo principal: o coidado e a protección do Monte Pindo, para que repercuta na mellor calidade de vida de toda a sociedade.

Dado que o noso intenso traballo como Asociación -sen termos recibido nin un só euro en axudas públicas de ningún tipo- non mereceu a máis mínima atención por parte dos dirixentes da Consellería de Medio Ambiente, chegou a hora de facerlles visibilizar a nosa reivindicación dun xeito moito máis directo: mediante unha recollida de sinaturas que lles lembre cada día do ano que aquí estamos, aquí seguiremos e que ante todo non imos desfalecer nin rendirnos por moito que nos ignoren.

A partir do día 1 de xaneiro, e durante os 366 días do ano 2012, terá lugar a recollida de sinaturas mediante un formulario na nosa páxina adscrito ao servizo Actuable.es. O programa, ademais de recontar os apoios individuais que poden chegar de todo o mundo, reenviaralle ao gabinete do señor Agustín Hernández unha copia do escrito polo que se lle esixe que tome en consideración esta iniciativa para a arelada protección do Monte Pindo.

Sexan ducias, centos, ou miles de sinaturas, que sirvan para percutir cada día nas consciencias de quen nos ignora lembrándolles cada día que neste punto recóndito da xeografía galega, envoltos polos ventos e a borraxeira do Monte Pindo, existimos e loitamos por unha causa xusta. Adiante!

24/12/11

Felices festas!

En nome da Asociación Monte Pindo Parque Natural, recibe unha calurosa aperta e o desexo de que o ano que comeza veña mellor que este difícil ano 2011 que agora remata, e que o Apalpador baixe esta noite dos montes cargadiño de agasallos para os máis peques da casa.

Desexamos que o novo ano traia máis alegrías, e por suposto, nos conceda o agasallo máis arelado: o Parque Natural do Monte Pindo; que fixe na memoria o legado dos que estiveron, que nos ceda un medio máis coidado e mellor aproveitado para os que estamos, e que nos permita herdarllo nas mellores condicións aos que virán.

Grazas, e definitivamente, sorte. Sen o teu apoio a nosa labor non tería sentido. Para ti, o noso máis humilde e precioso agasallo: un acivro do Monte Pindo ben engalanado pola natureza para a ocasión.

Felices festas!

22/12/11

Rio Xallas: Arteria de vida do Monte Pindo!

O Coadoiro, motivo do abraio de propios e extraños
Poucos ríos do noso entorno poderían, de falar con verbas comprensíbeis polos humanos, contar a historia que nos reserva o río Xallas. Neste curso fluvial os testemuños mistúranse coa tradición oral de tal xeito que constitúe un delicioso relato que segue a sorprendernos nuns tempos nos que cada vez isto é máis difícil.

Mapa do río no Boletín RAG nº 213 (1929)
Se ben antigamente a súa denominación puido desenvolver do Sars romano a Aisaros e logo Lézaro e Ézaro, hoxe o río recibe o seu nome da Terra do Xallas que o ve nacer, desde onde se desliza durante 65 km. polo seu propio val, regando auténticas selvas autóctonas como a devesa de Anllares, e recibindo a achega de multitude de pequenos afluentes (ver ilustración), abríndose paso tranquilo ata as mesmas saias do Monte Pindo. Ali, a agreste xeoloxía granítica revoluciona o río, tornándoo máis rápido e violento, creando multitude de pequenos saltos ata cuncas profundísimas, ata atopar o seu salto definitivo de 35  metros que o verque nas augas do Océano Atlántico, tan brutal que orixina unha permanente néboa e unha fondísima cachola. Este accidente chamado popularmente Coadoiro (en dialecto local, Coaduiro), valeulle ao río sona internacional pois é o único de Europa que remata dese xeito.

Un dato sorprendente é que ata a década de 1950 non existiu ningunha ponte entre Brandomil e a costa, polo que o río só podía atravesarse en barco. As persoas que quixeran cruzar debían pagarlle unha minuta ao barqueiro; non vos parece unha imaxe máis propia de hai séculos que de hai uns anos? E é que a natureza deste curso fluvial ten moito que ver co tempo. O xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní pensa que o río Xallas estaba destinado a conformar a súa propia ría, pero non tivo tempo suficiente de excavar o granito do Monte Pindo; é por iso que remata asi, en fervenza.

Fotografía de 1898
Moitos viaxeiros e estudosos repararon neste agasallo da natureza ao longo dos tempos. Cóntase que antigamente o río rodeaba o Monte Pindo pola outra banda desembocando na praia de Carnota, ata que a principios do século XIII un bestial terremoto desviouno polo seu curso actual. En Madera de Boj, Camilo José Cela data ese tremor dos tempos en que "Marco Polo ía camiño de Catay". Di o Padre Sarmiento que esta fervenza que visitou a mediados do século XVIII, chamada Cadoyro, é "prodixiosa" e "única en Europa", tan salvaxe e virulenta que non se atreveu a arrimarse demasiado. Máis recentemente os fuxidos da Guerra Civil relataron unha cova no Monte Pindo onde cabían máis dun cento de homes cunha gruta tan longa que conducía ata a fervenza mesma. Autores do século XIX chamárono Río da Prata. O cartógrafo Juan López sitúa o final da célebre vía romana Per loca marítima na desembocadura deste noso río, preto de onde apareceu en 1864 un misterioso medallón de bronce con sete pitas, extraviado ao longo do S. XX en extrañísimas circunstancias. E, sobre todas as cousas, os autores coinciden en describir unha torre sobre o río á que axiña dedicaremos un artigo máis extenso.

A imaxinería popular tampouco queda atrás: os valentes cabaleiros que se atreveran a atravesar a virulenta fervenza, unha fermosa princesa ou encanto arrastraríaos ata unha cavidade repleta de tesouros, podendo casar coa dona. Pero ollo, outras lendas falan dunha bruxa... En calquera caso, a importancia e a vitalidade do río ao longo dos tempos queda fóra de toda dúbida.

Fraga "inaugura" o río
Ata aí, digamos, é o resumo das marabillas do río. Pero faltan as desgrazas dos nosos tempos. Hai máis dun século, en 1897, a Sociedad Española de Carburos Metálicos (hoxe Ferroatlántica) comeza a asentar construcións para o aproveitamento hidroeléctrico. Ao principio, pequenas represas hoxe abandonadas, e ao longo do século XX, cada vez máis grandes e -por suposto- perxudiciais para a vida no río. En 1960 érguese o embalse da Fervenza, coas súas canalizacións furando a laxe. En 1980, o encoro de Santa Uxía, que ademais de inundar unha importante área de bosque autóctono reduciu o caudal do río ata o 1%. Pero o peor chegaría no ano 2000, en que a administración autonómica autorizou a Ferroatlántica a secar o río a cambio da súa apertura os domingos de 12 a 14 horas. O "evento" mesmo valeulle ao río o alcume retranqueiro de Guadiana, e motivou a célebre foto de Fraga inaugurando a fervenza, un acontecemento case tan único do mundo como a fervenza mesma! Elementos ben risibles mais que se tornan dramáticos con fotos infames coma a da desecación total do encoro de Santa Uxía, no 2010, coa extinción masiva da vida presente nel.

Afortunadamente a sociedade civil reaccionou e o gabinete xurídico do colectivo Ríos con Vida, a instancias de ADEGA, incoou o expediente polo que o executivo Fraga autorizara a Ferroatlántica a secar un dos ríos máis senlleiros do País, ata que en febreiro de 2010 a Consellería de Medio Ambiente anulou a declaración de impacto ambiental que permitira a desfeita. Hoxe o río Xallas volve a fluír nunha tímida parte do seu caudal real. Por desgraza os danos producidos nesta década, a desaparición masiva da fauna e flora do río que foi deserto, tardarán moitos anos en resarcirse.

A Nosa Terra, 24/8/2000
O futuro do río Xallas, arteria de vida do Monte Pindo, seguirase a escribir con letras de ouro se somos quen de garantir a súa supervivencia. Para iso facemos falta toda a sociedade mediante a implicación na súa defensa, co bo traballo como o da Plataforma pola Defensa do Río Xallas ou o da propia Asociación Monte Pindo. Mais tamén precisamos un cambio de actitude radical dunhas administracións que ata agora só lle viron a graza ao río unha vez trillado entre as aspas dun xerador eléctrico. É pois que desde a Asociación reivindicamos o papel crucial do río no contexto do Monte Pindo, dado que estamos firmemente convencidos de que pode e debe constituír unha das xoias da coroa do futuro Parque Natural. Adiante!

16/12/11

A nosa reivindicación estará presente no Terractiva de Arzúa

Mario Maceiras, secretario da AMPPN, explicará a loita do Monte Pindo o domingo a partir das 18:30 h.

Monte Pindo Parque Natural é un dos colectivos chamados ás diversas palestras da coñecida Feira Ecolóxica Terractiva de Arzúa, na 8ª edición dun acontecemento social consolidado que pon unha vez ao ano o aproveitamento substentábel do noso medio natural no centro de atención.

Cartaz de Terractiva 2011
Será ás 18:30 horas do vindeiro domingo 18 de decembro, na sala 3 de Terractiva. A palestra, encadrada no ciclo de conferencias "Altofalante" e denominada "O rexorder ambiental da Costa da Morte", dará a palabra aos representantes dos 3 principais colectivos medioambientais do sur da Costa da Morte: Marcos Antonio Vázquez pola plataforma pola defensa do Río Xallas, Xosé Manuel Casais da cooperativa de agricultura ecolóxica Rainha Lupa de Quilmas, e Mario Maceiras da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Colabora ADEGA.

Sobra destacar o estreito vencello co macizo carnotán dos 3 colectivos, pois actúan nas súas inmediacións, e xa adoitan a colaborar asiduamente entre si na organización das súas iniciativas.

Convidamos a todos os amigos do Monte Pindo e do medio ambiente galego a asistir a esta conferencia que sen dúbida arroxará luz sobre os retos e problemáticas que afronta o noso entorno, e como desde a iniciativa veciñal se lle pode dar resposta, beneficiando a toda a sociedade e sen perxudicar a riqueza dos nosos espazos naturais. Ademais o resto do completísimo programa, que podedes consultar aquí, non ten perda. Vémonos en Arzúa!

15/12/11

O Monte Pindo verá rematar unha etapa da Vuelta a España

Monte Pindo Parque Natural aplaude que se asocie o macizo cos valores positivos do deporte

Primeiro foi Iberia, despois as Adegas Valtea e despois Gadis os que só este ano recurriron á emblemática efixie carnotá para asociar os seus produtos con valores positivos e de calidade. Pero moi probabelmente a nova que vos achegamos pode supor o salto á fama internacional da paisaxe do noso amado Monte Pindo, ou iso agardamos.

E é que a nova é que a Vuelta Ciclista a España, considerada a 3ª proba máis importante do mundo nesta disciplina deportiva, vai ver rematar unha das súas etapas da súa vindeira edición do 2012 no mirador do Ézaro, enriba da fervenza do Xallas e aos pes da impoñente figura do Penafiel e do Monte Pindo.

Segundo informacións publicadas, a entidade organizadora do evento xa está a ultimar todos os detalles desta etapa que se especula con que se desenvolverá ao longo do 30 de agosto de 2012, e que só a propia expedición pode atraer á nosa comarca a unhas 1.200 persoas. Pero outro aspecto moi a ter en conta é, sen lugar a dúbidas, que a retransmisión televisada do evento fará entrar a maxestruosa silueta do Monte Pindo en millóns de fogares de todo o mundo.

Percorrido provisional da etapa
Segundo a programación revelada, a serpe multicor arrincaría en Vilagarcía de Arousa, e tras 140 quilómetros percorrendo boa parte do litoral atlántico do noso País, subiría o alto das Paxareiras desde Muros (ascendendo a antigamente denominada Serra de Fontevico, topónimo hoxe desaparecido), para baixar de novo ata Louredo pasando polo mirador coñecido por ofrecer unha das mellores panorámicas costeiras de Costa da Morte e de toda Galiza), e logo continuando pola estrada AC-550 con dirección Cee.

Juanjo Cobo, vencedor da última Vuelta,
aspira a repetir esta estampa ante o Penafiel
A partir dese punto, aos competidores so lles restará circunvalar o Monte Pindo, pasando polas súas máis emblemáticas poboacións como Caldebarcos, Panchés, A Curra, Quilmas e, por suposto, o Pindo. Tras atravesar a ponte sobre o Xallas, a expedición comezará a remontar o monte desde o Ézaro ata o seu coñecido mirador dedicado a unha das máis magníficas e á vez misteriosas perspectivas do Monte Pindo (a mesma paisaxe usada polas Adegas Valtea nunha recente promoción dos seus viños).

Nesta escea, que conmove pola inhóspita e salvaxe natureza velada a cotío por neboeiros emanados da nada, o mítico Pico Penafiel sorprende entre os todos os penedos pola súa semellanza cunha pirámide ancestral que alguén decidira erixir ali para sobrevivir os séculos. E os vestixios arqueolóxicos parecen querer darnos a razón, pero este xa é tema doutro artigo.

En definitiva, ao noso colectivo e a toda a sociedade énchelle de orgullo que o Monte Pindo esté tan de actualidade, cobrando este ano máis miradas que nunca antes na historia recente, e reverdecendo cada vez que un só amante da natureza e a aventura o nomea. Sen dúbida, asociar os valores do deporte en equipo e o bo nome dunha das probas ciclistas máis míticas do mundo co noso monte sacro ten por forza que ser unha combinación infalíbel e produtiva para todos os que amamos o medio natural e o deporte.

Que asi sexa, e que as sacrificadas pedaladas de cada un dos corredores nos acheguen un chisco máis a gañar un Parque Natural que potencie un Monte Pindo máis proveitoso para as xeracións presentes e o salve para as xeracións vindeiras.

05/12/11

O II Simposium Monte Pindo debatiu en Caldebarcos sobre o Olimpo Celta

Retransmitido ao vivo e por primeira vez polas redes sociais Facebook e Twitter, o II Simposium Monte Pindo trasladouse a Caldebarcos o 3 de decembro para subscitar entre os seus veciños e visitantes a reflexión sobre o seu medio natural en xeral, e do Monte Pindo en particular. Foi nunha longa xornada pragada de intervencións e actividades, no que ao longo de 10 horas diversos expertos e representantes veciñais foron debullando aspectos máis ou menos coñecidos da mitolóxica mole granítica que enmarca esta paisaxe inconfundíbel da baixa Costa da Morte.

César Cambeiro
César Cambeiro, actor e portavoz dos veciños de Caldebarcos, foi o encargado de abrir a segunda edición deste evento que segue a medrar e, agardamos, mellorar cada vez, deixando nas súas verbas o sabor agridoce dun noso medio natural tan potente como maltratado nos últimos anos, ata que nos últimos anos a veciñanza adoptou posicionamentos activos co nacemento de organismos non gubernamentais como Monte Pindo Parque Natural, as comunidades de montes ou a propia AAVV Xurde Caldebarcos que preside. Unha atinada frase lapidaria resume esta actitude positiva co noso medio e o noso desenvolvemento: "O que fas para os outros permanece. O que fas para ti morre contigo".

Margarida Miguens
De seguido, Margarida Miguens Busto, bióloga e membro de ADEGA, entroncou esta filosofía coa súa ponencia sobre a custodia do territorio que tan bos resultados está a dar no noso entorno e noutros países. Dise custodia do territorio a cando é a propia veciñanza quen se organiza e toma parte activa na protección do territorio mediante acordos cos seus propietarios. O colectivo ribadaviense Ridimoas foi quen implantou esta filosofía en Galiza xa no ano 1988, que serve para custodiar elementos tan dispares como solo, auga, aire, flora e fauna, xeoloxía, patrimonio arqueolóxico, histórico, cultural, oral, e en definitiva todo o que teña que ver co medio do que somos parte. Segundo Margarida xa existen en Carnota organizacións que, conscientes ou non dilo, xa fan custodia do territorio, como Rainha Lupa de Quilmas, Mar de Lira, ou a propia Asociación Monte Pindo Parque Natural coas súas iniciativas de recuperación de sendeiros e divulgación. A nivel galego o número de entidades e terras dedicadas a esta fórmula triplicouse no último ano, o que demostra que é algo moi a tomar en serio e máis nun sitio que parece tan apropiado para ilo como é o Monte Pindo.

Xosé Manuel Lobato
Logo do café Xosé Manuel Lobato, escritor e doutor en filosofía e ciencias da educación, presentou o seu libro "Máxico Tear Natural", un percorrido íntimo por 23 espazos naturais galegos máxicos, entre os que non podía faltar o noso Olimpo celta, dispoñíbel na nosa tenda por tan só 14€, que serán íntegramente destinados a financiar actividades no Monte Pindo. Lobato aproveitou para amosar o seu pesar polo descoido de moitos destes espazos naturais, sentenciando que se moitos dos galegos que marcharon corenta anos atrás voltasen hoxe, a visión sería "traumática" e custaríalles identificar o seu propio País.

Moisés Asensi
Continuando coa programación matutina, Moisés Asensi Cabirta, que é arquitecto técnico, membro da Sociedade Galega de Historia Natural e autor da "Guía dos anfibios e réptiles de Galicia", disertou sobre os tipos de anfibios e réptiles que abondan -ou non- en Galiza, e concretamente no monte do Pindo. Mediante un interesantísimo percorrido visual narrado foinos axudando a diferenciar entre a enorme diversidade de especies, a identificar as súas ameazas, e sobre todo, a desterrar mitos como a suposta agresividade e perigosidade da inmensa maioría destas especies, pois exceptuando dous tipos de víbora (unha delas apenas presente na nosa xeografía) todas son inofensivas para o ser humano. Moisés convidou aos asistentes a fotografar os anfibios e réptiles que se vexan durante as subidas ao Olimpo dos galegos, para asi axudar a completar un inventario que, na súa opinión, ten que ser por forza moito máis extenso do que se considera na actualidade.

Despois dun agradábel xantar na célebre Casa da Cregha, a tarde recalou cargadiña de actividades para todos os presentes. En primeiro lugar, a estrea en exclusiva do documental "Sendeiros ocultos: Ruta á Moa" convintemente presentado por Andrés López Romero, director, que acompañou a Xilberto Caamaño polos lugares máis interesantes do Pedregal durante máis de 5 horas para obter esta peza audiovisual que agardamos, en breve, ver entrar en todos os nosos fogares pola televisión.

Vidal Romaní
Foi o noso xeólogo de referencia Xoán Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Univ. de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, o nomeado para a única ponencia da tarde, dedicada á fabulosa fauna microbiótica que habita nas covas graníticas do Monte Pindo, un descubrimento dun enorme valor científico aínda moi pouco divulgado. Concretamente, trátase de vida microscópica presente nos espeleotemas ou depósitos das cavidades, que nos permiten indagar nuns procesos biolóxicos que chegan ao extremo literal de perforar e devorar a rocha granítica aparentemente inerte, coa axuda imprescindíbel da luz e dos cursos naturais de auga. De feito, moitos dos tafonis ou cacholas tan característicos do Pedregal son debidos a esta acción microbiótica. O mesmo Vidal Romaní foi quen de constatar en covas do Monte Pindo esta actividade, que amosou aos asistentes mediante numerosas fotografías microscópicas das mostras recollidas nas súas incursións e nas que se observa con claridade a sorprendente vida que poboa estes depósitos que tanta e tan valiosa información están a revelar á comunidade científica.

Xoán Lestón
Logo do descubrimento cientifico da xornada, o poeta local Xoán Lestón, veciño de Caldebarcos, foi chamado a entoar algúns dos seus versos xurdidos do corazón e dedicados á terra que emocionaron a moitos dos presentes, dedicados a temas como os incendios, os fuxidos represaliados polo fascismo na Guerra Civil, ou a necesidade de que a sociedade tome parte activa na defensa do medio que nos da razón de ser. Mesmo tiña uns versos, rematando o recital, para berrar a prol do Parque Natural, unha figura que pode e debe cambiar definitivamente e para ben a nosa paisaxe e a dramática posición que ocupa na actualidade.

Por último no programa, chegou o agardado Debate aberto que caracteriza -e vaino seguir facendo- cada edición do Simposium. No debate que se prolongou por máis dunha hora e foi presidido por todos os ponentes, foronse entreligando diversas cuestións da preocupación dos asistentes, algunhas máis ou menos delicadas ou xa comentadas, como pode ser a cuestión da infame moda das pintadas e gravados nas pedras do monte, a severa crítica da área recreativa creada ilegalmente por un grupo mazaricán no Campo das Cortes, a agora oposición ao parque natural de un ex-alcalde que antes o prometía ou a posíbel extinción do lirio de monte.

Na parte positiva, propostas como a recuperación de camiños tradicionais hoxe desaparecidos (como xa vimos facendo), a mellora da sinalización de determinados roteiros hoxe confusos, a creación de vías de escalada onde sexa compatíbel, ou escoitar en boca do alcalde Moncho Noceda as iniciativas que o Concello de Carnota vai poñer en marcha en pouco tempo (e que máis adiante explicaremos polo miúdo). Pero se algo clarificou o debate foi que todos os asistentes coincidiron na necesidade de protexer canto antes as xoias do Olimpo celta e de tomar partido na súa defensa activa, xa que a administración responsábel, a Xunta, segue ignorando por completo a maré humana que lle pide axuda.

Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pîndo Parque Natural, foi o encargado de clausurar a xornada e despedirse en nome do colectivo de todos os asistentes, aos que agradeceu o seu interese e participación e convidou a seguir sumando esforzos para conseguir o que consideramos mellor para todos: un desenvolvemento económicos substentábel para toda a sociedade, baseada nun medio natural máis protexido, produtivo e coidado.

Ata o III Simposium!

02/12/11

O II Simposium retransmitirase en directo nas redes sociais

Na Asociación Monte Pindo Parque Natural fomos conscientes desde o principio da importancia das redes sociais para achegar o Olimpo Celta aos nosos amigos espallados polo mundo enteiro, grazas ao cal podemos surtir información das nosas actividades e tamén divulgar os valores naturais e patrimoniais do Monte Pindo a localizacións tan dispares como Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Italia, Francia, Portugal, Brasil, Suiza ou os Países Baixos, de onde (por esa orde de importancia) nos seguen case 2.000 persoas só no último ano.

Por iso, por primeira vez o II Simposium Monte Pindo será retransmitido ao vivo nas nosas respectivas páxinas en Twitter e Facebook, onde iremos anunciando desde Carnota para o mundo enteiro os momentos máis destacados das diversas ponencias e actividades.

Para recibir as actualizacións en Twitter, segue o usuario @montepindo ou ben procura a clave #2SMP (acrónimo de II Simposium Monte Pindo) na coñecida rede de microblogging. En Facebook, dalle a "gústame" na nosa páxina (facebook.com/montepindoparquenatural) para que as novas aparezan puntualmente na túa portada.

Agardamos con esta iniciativa permitir que todas as persoas que desexen estar o sábado en Caldebarcos, pero que por diferentes motivos non poidan achegarse, se poidan sentir, tamén, partícipes da defensa e goce do Monte Pindo.