Rematou o I Simposium Monte Pindo cunha bagaxe de máis dun cento de asistentes a algunha das actividades programadas durante toda a xornada, e no que unha serie de veciños, estudosos e en definitiva amantes do Olimpo Celta foron debullando diferentes aspectos para axudarnos a comprender a verdadeira importancia deste espazo natural e histórico, evidenciar as súas problemáticas e propoñer entre todos as solucións de futuro.
Martiño-Fiz explica as propostas de futuro para o Monte Pindo e Carnota |
Comezou por inaugurar o Simposium Xilberto Caamaño, presidente da Asociación anfitriona, que logo de saudar a todos os asistentes e sintetizar o intenso traballo que desemprega o colectivo, deu a coñecer que voluntarios da Asociación Monte Pindo Parque Natural acaban de descubrir unha inscrición en pedra no Campo de Cortes, que segundo as primeiras hipóteses ten uns mil anos de antigüidade e trataríase da data fundacional da antiga ermida que estaba neste lugar ou ben dunha remodelación posterior. Monte Pindo Parque Natural xa puxo o feito en coñecemento de diversos especialistas na materia, que agardamos que en breve poidan achegarnos máis datos e mesmo visitar a zona para continuar descifrando o texto no seu contexto natural.
Poesía, tradición oral, literatura e xeoloxía, protagonistas da sesión matutina
O veciño de Caldebarcos Xoán Lestón foi o encargado de botar a rolar o Simposium cun recital poético da súa colleita, sempre coa visión tan próxima e sinxela do día a día das abas do Monte Pindo coa que nos ten familiarizado.
A continuación o escritor Francisco Xosé Fernández Naval (Chisco) interviu nunha conferencia que versou sobre tradición oral, historia, mitos e lendas neste espazo, sempre tan interrelacionadas.
O profesor Juan Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, foi o encargado de explicar que é o Monte Pindo desde a perspectiva científica, e os procesos polos cales hai máis de 300 millóns de anos unha inmensa mole magmática se forxa a 26 quilómetros de profundidade e acaba por emerxer en forma de macizo granítico pola erosión da enorme masa de cortiza terrestre que o cubría. Entre os datos máis curiosos que puidemos coñecer do traballo de Vidal Romaní, está o de que o Monte Pindo apenas variou neste tempo, manténdose tal cal era ao emerxer exceptuando pequenas variacións moi superficiais, ou que a fervenza do Ézaro estaba predestinada a ser unha ría como calquera outra das presentes na nosa xeografía, pero non o foi porque as repentinas variacións de altura fixeron que o río Xallas non tivera tempo de labrara unha ría, motivo polo que hoxe temos a coñecida fervenza que cae directamente sobre o mar.
Lobato asinando exemplares do libro "Máxico Tear Natural" |
Paisaxe, desenvolvemento económico e debate aberto, na sesión de tarde
Despois dun concurrido xantar, a tarde reservounos novas conferencias, arrincando pola do biólogo Martiño-Fiz López Lindoso, relator da iniciativa do Parque Natural do Monte Pindo, que salientou que o Parque Natural ten moitisimas vantaxes e ningún inconvinte, pois non vai supor ningunha restricción para os veciños e as actividades económicas do noso concello que non exista xa. Asi mesmo, quixo desmontar algúns prexuízos que se teñen alegado, como a "pouca extensión" (non existe límite de extensión, e aínda que o tivera a extensión do Pindo ocuparía o 5º lugar entre os 8 espazos galegos protexidos na actualidade (7 parques naturais e 1 parque nacional). Tamén afondou no feito de que a veciñanza e os sectores público e privado teñen garantido por lei a participación na toma de decisións do futuro Parque: Ningunha acción orientada a protexer un espazo natural pode estar inconexo da mellora do nivel de vida dos habitantes do seu entorno, o que se coñece como desenvolvemento substentable. Por iso o biólogo foi avaliando todos os factores que poden levar ao desenvolvemento de Carnota e do Monte Pindo, mediante a acción combinada de declaración de Parque Natural, revalorización do agro, turismo mariñeiro e impulso das novas tecnoloxías.
Rematou as ponencias a fotógrafa Maribel Longueira, que expuxo a súa importante obra fotográfica no Monte Pindo, vinculando os diferentes espazos á tradición oral e lendas que contribuiron a ensalzar o aspecto máxico do Olimpo Celta, que sen lugar a dúbidas aínda estamos comezando a descubrir.
Debate aberto con todos os poñentes do Simposium |
A nosa actividade foi respaldada por primeira vez polo Concello de Carnota, debuxando unha nova etapa
Malia que o alcalde de Carnota Ramón Noceda era o chamado a saudar desde a institución municipal aos presentes, este preferiu cederlle a honra a Merche Díaz, tenente de alcalde e veciña do Pindo, quen agradeceu á Asociación o seu traballo, e aos veciños e poñentes a súa presenza, e chamou a toda a sociedade a volcarse no futuro do noso entorno e das vidas dos que nel se radican, nun momento en que as dificultades son moitas.
Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, clausurou un Simposium no que colaborou o Concello de Carnota, ADEGA e a Confraría de Pescadores do Pindo, pedindo a unión veciñal na procura do mellor para o Monte Pindo, unha xoia de 300 millóns de anos que, se seguimos dando pasos ben encamiñados, pode converterse nun potencial de futuro para o Pindo, Carnota, a Costa da Morte e Galicia enteira.